Altofalante.
Conexións dun altofalante.

Un altofalante é un transdutor que converte a enerxía eléctrica en enerxía acústica, realizando o proceso contrario ao micrófono, é dicir, a restitución da enerxía eléctrica en acústica despois dunha etapa de potencia da amplificación de baixa frecuencia.

Esta conversión pódese dividir nunha primeira transformación da enerxía eléctrica en mecánica, e nunha segunda transformación desta enerxía mecánica en enerxía acústica, por medio dun dispositivo que actúa sobre o movemento vibratorio do aire ambiente.

Tipos de altofalantes

Dinámico ou de bobina móbil

É o tipo de altofalante máis utilizado. Úsase tanto nun pequeno receptor de radio, coma en sistemas de megafonía ou en monitores de estudo de alta calidade.

O conxunto formado por imán, bobina e cono coñécese como motor do altofalante. O cono ou diafragma sostense en suspensión cunha tea fina e envolvente ou cun anaco de goma ao redor do chasis. O chasis ou carcasa adóitase construír en aceiro fundido para poder soster sen deformacións a estrutura ríxida que soporta pesados imáns.

Funcionamento

O altofalante electromagnético de bobina móbil é unha aplicación das leis físicas dos campos magnéticos, das accións que producen estes ao ser atravesado un condutor por unha corrente eléctrica. Abrangue os seguinte elementos:

Electrostático

Comézase a utilizar nos anos 50 e é difícil de construír, e polo tanto caro. Non produce os niveis sonoros dos dinámicos, pero a súa calidade non é igualada polos outros tipos de altofalantes.

O motor do altofalante electrostático consiste nun diafragma grande e chan de moi pouco peso colocado entre dúas placas ríxidas. Mediante polarización aplícaselle ao diafragma unha alta corrente, que fai que se cargue o condensador formado por ambas placas e o diafragma. Como resultado o diafragma móvese entre as placas producindo o son. Dado que este desprazamento é moi reducido, requírese un diafragma de gran superficie se se queren reproducir as baixas frecuencias.

De cinta

O principio de funcionamento é practicamente idéntico ao do micrófono de cinta, pero invertendo o proceso. O seu núcleo é unha fita corrugada.

Adóitase empregar especialmente para altas frecuencias.

Piezoeléctrico

Cun material piezoeléctrico, que ao recibir unha diferenza de tensión experimenta deformacións. Dado que os desprazamentos que sofre son microscópicos, auméntase o seu rendemento medio de trompetas ou difusores acústicos, sendo empregado para altas frecuencias.