O campo da festa é o espazo que tradicionalmente se reserva nas aldeas e vilas galegas para desenvolver nel as festividades propias do lugar. A súa tipoloxía é unha explanada despexada.
Xeralmente situados a carón dunha igrexa ou capela, ou ben nas aforas da poboación, constituía e aínda constitúe un punto de encontro para a poboación da bisbarra. Neste sentido, os campos da festa constituían un foro de socialización de primeira orde no rural, e continúan ata a actualidade cumprindo esta función en gran parte da xeografía galega. Moitos deles tiñan e teñen un palco onde as orquestras ou bandas actuaban e actúan.