Castres (fr) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Francia | ||||
Divisións administrativas | Francia Metropolitana | ||||
Rexións | Occitania | ||||
Departamento | Tarn | ||||
Distritos | arrondissement of Castres (en) | ||||
Cantón | canton of Castres-Est (en) | ||||
Capital de | arrondissement of Castres (en) canton of Castres-Est (en) canton of Castres-Ouest (en) canton of Castres-Sud (en) canton of Castres-Nord (en) canton of Castres-2 (en) (2015–) canton of Castres-3 (en) (2015–) canton of Castres-1 (en) (2015–) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 42.672 (2021) (434,67 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Situado na entidade territorial estatística | Q108921318 Q3550968 | ||||
Superficie | 98,17 km² | ||||
Altitude | 170 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Mayor of Castres (en) | Pascal Bugis (en) (2001–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 81100 | ||||
Fuso horario | |||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | ville-castres.fr |
Castres (en occitano Castras) é un concello francés situado no departamento do Tarn e na rexión de Mediodía-Pireneos. Aquí naceu o líder socialista Jean Jaurès, e a cidade acolle un importante museo dedicado a Goya.
Castras está situado nunha chaira ao pé dos montes graníticos do Sidobre e da Montaña Negra, a unha altitude de 172 m sobre o nivel do mar. Atópase a 45 km ao sueste de Albi e a 72 ao leste de Tolosa. A Castras crúzaa o río Agout, que é un afluente do Tarn.
Ten 98,17 km², cunha poboación de 43.000 habitantes, se ben na aglomeración urbana de Castras-Masamet chega a superar os sesenta milleiros de persoas, o que a converte na terceira concentración de xente dunha área eminentemente rural.
A orixe toponímica da vila é ben clara e apunta, coma nos castros da cultura castrexa, á existencia dunha praza fortificada xa en tempo romano. Con todo, o primeiro dato de poboamento hai que remontalo á abadía que, como centro relixioso se constrúe en 647, e que no século IX torna un dos principais centros beneditinos da Occitania coa consagración de San Bieito. Castras e a súa abadía son un fito importante no Camiño de Santiago, pois é atravesado pola Vía Tolosana, e porque o templo garda supostamente as reliquias de San Vicente. Porén a abadía, e con ela Castras, entra en decadencia no século XI, candp en 1074 pasa a depender da abadía de San Vítor, en Marsella.
No século XII a familia Trencavel acorda en Castras un foro que lle permite levar a xurisdición da rexión dun xeito independente a través dun consello de notábeis. Pero a cruzada contra os albixenses puxo a súa independencia contra as cordas, e logo de ser tomada por Simón IV de Montfort, pasa a pertencer ao reino de Francia en 1271. En 1317 o papa Xoán XXII designa a Castras bispado, e así continuará ata a Revolución Francesa.
En 1356, o rei Xoán II de Francia converteu o señorío de Castras en condado, pero ese aparente ascenso non impediu unha constante decadencia durante os séculos XIV e XV. Primeiro a peste negra entre 1347 e 1348, logo o Príncipe Negro de Inglaterra e os seus ataques de bandidaxe e a Guerra dos Cen Anos. En 1375 só vivían 4.000 persoas na vila, a metade do que no século anterior. Despois da confiscación das propiedades do duque de Nemours, a quen lle pertencía o condado, o rei Lois XI outorgoullo ao nobre italiano Boffillo del Giudice en 1476, pero corenta anos máis tarde, en 1519, unha disputa entre os seus descendentes e o monarca galo levou a Francisco I a integrar o condado directamente baixo a tutela da coroa (1519).
Entre 1530 e 1560 o protestantismo cativou os habitantes de Castras, que se converteron, e en 1575 a cidade pasa a pertencer ao rebelde exército protestante e de feito é unha das máis importantes vilas protestantes da metade meridional do reino de Francia. A capacidade comercial de Castras nesta época impulsou a súa economía, e conseguiu unha certa autonomía con respecto á coroa. Pero ese esplendor protestante remata co sitio a cidade de 1585, cometido por Henrique de Navarra e definitivamente coa expulsión extramuros dos protestantes en 1629 por orde do rei Lois XIII.
No século XVII Castras vive un novo período de rexurdimento. Logo da demolición das fortalezas por orde do monarca francés, a cidade expandiuse e o comercio e as actividades artesanais recibiron un forte impulso. As peles, o coiro e sobre todo a la rexurdiron, e tamén a cultura coa creación da Academia de Castres en 1648 e a fundación de numerosos conventos como consecuencia da acción contrarreformista. Ademais Castras foi designada sede do Tribunal do Edicto, unha corte especializada nos casos que afectaban a protestantes e que fora creada polo edicto de Nantes. En 1665 case a metade da poboación era protestante.
Nos seguintes anos, Castras sufrirá distintos golpes: primeiro o traslado do tribunal do Edicto a Castelnaudary, logo, a revogación do edicto de Nantes, que obrigou a moitos protestantes a exiliarse; posteriormente a peste de 1720 e un incendio que asolou a cidade en 1724. En 1758 Castras perdía o seu foro. En 1760, dous protestantes de Castras eran implicados no caso Sirven, acusados de asasinar a súa filla para evitar que se convertese ao catolicismo. Condenados a morte, foron finalmente absoltos grazas á acción de Voltaire en 1771.
A Revolución francesa supuxo un pau administrativo para Castras. O seu representante na Convención Nacional, o pastor Marc David Lasource opúxose a que os cregos católicos contrarios á Constitución Civil do clero fosen deportados á Güiana, e por esa razón foi guillotinado en outubro de 1793. O carácter conservador do clero na zona levou a administración a suprimir o bispado, e Castras pasou a pertencer á diocese de Albi. En 1797 perdeu ademais a prefectura que recibira en 1790, tamén en beneficio de Albi.
Porén, a economía da vila desenvolveuse rapidamente no século XIX: en 1815 instálase nela o primeiro muíño mecanizado de la, e empurra a industria téxtil, especializada en tecidos de luxo. En 1860 había 50 muíños de la na cidade, que empregaban a 3.000 persoas. Ao remate do século instaláronse na cidade industrias de construción mecánica, que lle permitiron a Castras converterse nun polo de fabricación militar na primeira guerra mundial. En 1865 chegou o tren a Castras, e contra a fin do século xa superaba a Albi por número de habitantes. Porén, a crise de téxtil do século XX e unha importante incomunicación por estrada foron razóns para un importante decline económico e de poboación da cidade.
Os dous puntos de interese máis importantes de Castras dende o punto de vista turístico son o Museo de Goya e o Museo de Jean Jaurès. O Museo de Goya é a segunda colección de pintura española de Francia despois da que se garda no Louvre, e constituíuse fundamentalmente a partir das achegas da familia do pintor local Marcel Briguiboul. Abriuse en 1840 e contén cadros de Francisco Pacheco, Diego Velázquez, Bartolomé Esteban Murillo, José de Ribera, Juan de Valdés Leal, Alonso Cano, e por suposto Francisco de Goya, de quen se gardan tres cadros e unha amplísima colección de gravados.
O museo de Jean Jaurès, dedicado a esta figura fundamental do socialismo francés, abriu en 1954 na casa natal do político, no centro da cidade. Ademais dos xa mencionados Lasource, Birguiboul e Jaurès, tamén naceu aquí o escritor Roger Peyrefitte, e faleceu na cidade o matemático Pierre de Fermat.
Entre os edificios relixiosos débese mencionar a igrexa de San Bieito, que foi no seu día a catedral de Castras, construída entre os séculos XVII e XVIII. O antigo pazo episcopal (XVII), obra do arquitecto Jules Hardouin-Mansart, o mesmo autor do castelo de Versalles e mais o xardín do bispado, tamén concibido polo mesmo xardineiro de Versalles (Le Nôtre), completan o conxunto. Na actualidade, o pazo episcopal é a sede da casa do concello. Finalmente, a torre románica de San Bieito é o vestixio que queda da abadía beneditina.
Tamén son dignos de mención un teatro rococó construído en 1904 e o Centro de arte contemporánea da cidade.