Diego Seoane | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Diego Seoane Pérez | ||
Nacemento | 26 de abril de 1988 | ||
Lugar de nacemento | Ourense | ||
Altura | 1,81 m. | ||
Posición | Lateral dereito | ||
Información de club | |||
Club actual | Pontevedra | ||
Número | 21 | ||
Carreira xuvenil | |||
2005–2006 | Pabellón | ||
2006–2007 | Deportivo da Coruña | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2007–2011 | Fabril | 55 | (3) |
2007–2008 | → C. de Santiago (ced.) | 25 | (0) |
2010–2015 | Deportivo da Coruña | 42 | (0) |
2013 | → Córdoba (cedido) | 13 | (0) |
2015 | → Lugo (cedido) | 9 | (0) |
2015–2016 | Ponferradina | 17 | (0) |
2017 | Dacia Chișinău | 19 | (1) |
2018–2021 | Racing de Ferrol | 98 | (6) |
2021– | Pontevedra | 27 | (2) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Selección: actualizado a 17 de maio de 2022.[ editar datos en Wikidata ] | |||
Diego Seoane Pérez, nado en Ourense o 26 de abril de 1988, é un futbolista galego. Xoga de lateral dereito, aínda que se pode desenvolver perfectamente pola esquerda. Dende 2021 milita no Pontevedra.
Chegou ao Deportivo da Coruña en 2005, procedente do Pabellón Ourense Club de Fútbol.[1] Xogou cedido durante a tempada 2007–08 no Ciudad de Santiago de Terceira División e ao ano seguinte volveu á Coruña, onde foi un fixo na aliñación do Fabril.[2]
Desde principios de 2010 contou con algunha convocatoria co primeiro equipo, debutando o 27 de xaneiro nun partido de Copa do Rei fronte ao Sevilla no Sánchez Pizjuán, onde foi titular.[3] Debutou en Primeira División da man de Lotina o 20 de marzo nun partido entre o Deportivo e o Real Valladolid en Riazor (0–2). En xuño de 2010 renovou o seu contrato por tres anos máis.[4] Na tempada 2010/11 alternou partidos do Fabril con partidos do primeiro equipo, xogando con este último 15 encontros, e viviu o descenso dos dous equipos nas súas respectivas categorías.
Na tempada 2011/12 subiu ao primeiro equipo de xeito oficial, pero contou con poucos minutos no ano do ascenso a Primeira. Na campaña seguinte foi apartado do primeiro equipo durante a primeira metade da campaña, pola súa negativa a renovar o contrato. Finalmente, o 28 de xaneiro de 2013 renovou por 3 campañas máis e marchou cedido ao Córdoba CF, en Segunda División, até o final da tempada.[5]
Na 2013/14 xogou 26 partidos co Deportivo, de novo en Segunda e con Fernando Vázquez no banco, logrando o ascenso e marcando o seu primeiro e único gol co equipo branquiazul, no partido de Copa fronte ao Córdoba, o seu equipo a tempada anterior.[6] Na seguinte tempada non contou con ningunha oportunidade co técnico Víctor Fernández, polo que en xaneiro marchou cedido ao CD Lugo.[7][8] Disputou só nove partidos co equipo lugués, debido a unha lesión que o mantivo afastado dos terreos de xogo durante máis de dous meses.[9] Ao remate da tempada rescindiuse o seu contrato co Deportivo, despois de case unha década no club.[10]
Poucos días despois fichou pola SD Ponferradina, en Segunda, club que acabou perdendo a categoría ao remate da campaña.[11]
Estivo sen equipo na primeira metade da tempada 2016/17 ata que en febreiro de 2017 marchou a Moldavia para fichar polo FC Dacia Chișinău, co que se proclamou subcampión da liga moldova en maio, permanecendo no club unha tempada máis.[12]
En xaneiro de 2018 volveu a Galicia para fichar polo Racing Club de Ferrol, que loitaba por conseguir a permanencia en Segunda B, asinando polo que quedaba de tempada e dúas máis.[13] O equipo acabou por descender a Terceira, volvendo ascender ao ano seguinte, sendo Seoane un dos piares do equipo ao disputar case todos os minutos da tempada. Comezou a 2019/20 cunha lesión, e tras recuperarse foi titular en todos os partidos ata que a competición foi suspendida por mor da pandemia de COVID-19.[14]
En xullo de 2021 fichou polo Pontevedra, da Segunda Divisiión RFEF. Disputou 27 encontros co equipo pontevedrés, marcando dous tantos nunha goleada por 1-5 sobre o Arenteiro, e logrou o ascenso á Primeira División RFEF tras rematar campión.