Dirk Bouts, ou Dieric Bouts, coñecido tamén como Dirk Bouts o vello, nado en Haarlem ca. 1415 e finado en Lovaina o 6 de maio de 1475, foi un pintor holandés activo na época dos primitivos flamengos, entre os que se inclúe.
Sábese pouco da vida deste artista. A nota biográfica que lle consagrou Carel van Mander (1604), a pesar da devoción do autor, está chea de lagoas. Consonte Van Mander tería nacido en Haarlem. Ignórase quen foi o seu mestre. As súas primeiras obras testemuñan a influencia de Van der Weyden, e tamén de Petrus Christus[1].
Ao final da década de 1450, casa cunha certa Katharina van der Brugghen, membro da burguesía de Lovaina, entón en plena expansión económica e artística. Terán catro fillos. Os dous homes, Dirk o Mozo e Albrecht Bouts foron tamén pintores[1].
En 1468, foi nomeado pintor oficial da cidade de Lovaina. En 1473, dous anos antes da súa morte, casou en segundas nupcias con Elisabeth Van Voshem[1].
Bouts é famoso polas súas numerosas táboas de tema relixioso, das que salienta a Virxe co Neno. Na maioría das obras utilizou o soporte de madeira, sobre o que pintaba ao óleo. Dominaba a perspectiva como é evidente polos decorados moi precisos, nos cales quedan integrados os personaxes de xeito totalmente coherente. Porén os seus personaxes carecen da emotividade que transmite un Van der Weyden. Dirk Bouts foi un pintor apreciado na Península Ibérica.
Un díptico formado por imaxes da Mater Dolorosa e o Ecce Homo pertencía á colección do castelo de Gołuchów, iniciada pola princesa Izabela Działyńska. En 1941 o exército nazi incautou a colección, o díptico adquiriuno o empresario Xosé Fernández López, e en febreiro de 1981 pasou ao Museo de Pontevedra, que en 2022 o devolveu ao Estado de Polonia[2].
Xustiza do emperador Otón (ca. 1471 - 1475), Museos Reais de Belas Artes de Bálxica, Bruxelas; paradigma de cadros que adoitaban exhibirse nas casas dos concellos das cidades dos Países Baixos.