Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Enriqueta Estela Barnes de Carlotto 22 de outubro de 1930 (93 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Profesora | |
Datos persoais | |
Residencia | Buenos Aires |
País de nacionalidade | Arxentina |
Actividade | |
Ocupación | mestra , Activista polos dereitos humanos , política |
Membro de | |
Participou en | |
25 de maio de 2023 | International endorsement letter. Barcelona leads the way (en) |
Familia | |
Fillos | Remo Carlotto (en) , Laura Carlotto (en) |
Parentes | Ignacio Montoya Carlotto (en) (neto) |
Premios | |
Enriqueta Estela Barnes de Carlotto, nada en Buenos Aires o 22 de outubro de 1930, é unha activista arxentina polos dereitos humanos e presidenta da asociación Avoas de Praza de Maio.
Unha das súas fillas, Laura Estela Carlotto, foi secuestrada e desaparecida en Bos Aires, embarazada, a finais de 1977. A partir de historias puido reconstruír que a súa filla chegou a parir e que o seu neto foi apropiado e cambiaron a súa identidade. Buscouno durante case 36 anos.[1] O 5 de agosto de 2014, despois dun control voluntario de ADN por parte do interesado, identificouse o seu neto e converteuse no número 114 na listaxe de netos recuperados.[2][3][4]
Carlotto recibiu diversos premios polo seu traballo coas Avoas de Praza de Maio, incluído o Premio de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas e o premio Félix Houphouët-Boigny, outorgado pola UNESCO.
Enriqueta Estela Barnes naceu en Buenos Aires en 1930, no seo dunha familia de orixe inglesa. Casou con Guido Carlotto, un pequeno industrial, co que tivo catro fillos.[5] Foi mestra de escola primaria e ama de casa sen ningunha actividade pública.[6]
Nos anos setenta, cando a ditadura cívico-militar chamada Proceso de Reorganización Nacional (1976-1983) gobernou o país, tres dos seus fillos participaron na política: Laura Estela, estudante de historia na Universidade Nacional de La Plata, estaba activa no peronismo, Claudia pertencía á mocidade da Universidade Peronista e Guido Miguel era membro do centro estudantil do seu instituto.[7] O 5 de agosto de 1977, as forzas armadas secuestraron e torturaron o seu marido, que foi liberado despois de pagar 40 millóns de pesos.[8]
A finais de novembro de 1977, Laura, embarazada de tres meses, foi secuestrada e levada ao centro de detención clandestino La Cacha, en La Plata[9] ata finais de agosto de 1978. Pouco antes do parto, foi levada a un lugar indeterminado sobre o que existen controversias, en que deu a luz o 26 de xuño de 1978. Algúns testemuños recollidos anteriormente revelaron que este lugar podería ser o Hospital Militar de Buenos Aires,[10][11] mais a partir da restitución da verdadeira identidade do seu fillo, hai fortes sospeitas de que o bebé puido nacer nas inmediacións de La Cacha ou nun hospital da provincia de Buenos Aires.[12]
Carlotto fixo xestións para a liberación da súa filla e ata se reuniu co xeneral Reynaldo Bignone, quen lle dixo que Laura non ía permanecer con vida.[13] En abril de 1978, unha compañeira de cativerio da súa filla, que fora liberada, informouna de que Laura aínda estaba viva e embarazada.[8] Carlotto e a súa familia sempre chamaron ao bebé Guido, porque ese era o nome que a nai lle quería poñer.[14]
En abril de 1978, Carlotto comezou a participar nas actividades das Avoas de Praza de Maio.[8] O 25 de agosto dese mesmo ano foi convocada polos militares e entregáronlle o cadáver da súa filla, a quen enterraron en La Plata dous días despois. Foi un dos poucos casos en que o corpo dunha persoa desaparecida foi devolto aos seus familiares. Carlotto xubilouse o 30 de agosto.[15]
Carlotto comezou entón a buscar o seu neto e a esixir a súa aparición e a dos outros nenos secuestrados ou desaparecidos polas forzas militares. Con esa preocupación, uniuse á asociación de Avoas de Praza de Maio, organización da que é presidenta desde 1989.[16]
Os seus fillos tamén están ligados á defensa dos dereitos humanos: Guido "Kibo" Carlotto é secretario de Dereitos Humanos da provincia de Bos Aires, Remo Carlotto é deputado nacional e Claudia Carlotto é a xefa da Comisión Nacional polo Dereito á Identidade (Conadi).[5]
En 2011 estreouse Verdades verdaderas, un filme sobre a súa vida, dirixido por Nicolás Gil Lavedra.
A Galipedia ten un portal sobre: Muller |