Eva Poveda | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Eva Poveda López |
Nacemento | 22 de xullo de 1975 |
Lugar de nacemento | España e Lugo |
Nacionalidade | española |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | investigadora |
Estudos | Licenciada e doutora en Bioloxía |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Eva Poveda López, nada en Lugo o 22 de xullo de 1975, é unha experta no estudo das infeccións causadas polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) e os virus da hepatite C, B e delta.[1][2][3] En 2012 foi galardoada co Premio para mulleres científicas L'Oréal -UNESCO[4][5] como recoñecemento á excelencia do traballo científico desenvolvido no Campo das Ciencias da Vida.
Eva Poveda é licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora en Microbioloxía pola Universidade Complutense de Madrid.[6]
Nun principio, gran parte do seu traballo de investigación centrouse no campo da entrada do VIH na célula. A aprobación do primeiro antagonista de CCR5 para o tratamento da infección por VIH xera a necesidade da determinación do tropismo viral nos pacientes VIH que vaian a iniciar un tratamento con este fármaco. O traballo desenvolvido nesta liña consolidouna como experta nacional e internacional na determinación do tropismo viral para guiar o uso terapéutico desta nova familia de fármacos.
En marzo de 2013 trasladouse ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), onde coordinou o grupo de investigación de Viroloxía Clínica durante cinco anos. Posteriormente incorporouse ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, onde coordina o Grupo de Viroloxía e Patoxénese.[7][8] Nestes momentos tamén traballa na creación dun novo "kit diagnóstico" para o coronavirus.[9]
Destaca tamén a súa implicación en actividades de divulgación como a súa participación no proxecto financiado pola FECYT Biomedicina con e para a sociedade[10] ou a coordinación da participación do INIBIC no Día da Ciencia na Rúa[11] da Coruña.
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eva Poveda ![]() |