Fadesa
TipoSociedade Anónima
Fundación1993
LocalizaciónA Coruña Galicia Galicia
Persoas claveFernando Martín Álvarez (presidente)
Industriainmobiliaria
Na rede
http://www.fadesa.es/
editar datos en Wikidata ]

FADESA foi un dos principais grupos inmobiliarios españois, que naceu con capital galego e que tivo a sede na Coruña. Entrou en liquidación en 2015.

Historia

[editar | editar a fonte]
Construción de Fadesa

Foi creada na Coruña en 1993 polo empresario Manuel Jove. Este asociouse con outros tres investidores (Faustino Fernández, Demetrio e Severino) que conformaban a inmobiliaria Fadese para a compra unha gran parcela de terreos en Oleiros. Finalmente Jove terminou comprando e cambiando o nome da sociedade a Fadesa[1].

Especializouse ao comezo no desenvolvemento de grandes proxectos de vivenda protexida. En 1993 comezou a súa expansión fóra de Galiza, empezando por Castela e León. En 1999 deu o salto internacional, entrando no mercado de Portugal, e no 2000 abriu a súa delegación en Marrocos. Diversificou a súa actividade con investimentos patrimoniais en hoteis, campos de golf, adegas de viño...).

No 2006 a inmobiliaria Martinsa, presidida por Fernando Martín, lanzou unha OPA amigable polo 100% de Fadesa por 4.045,2 millóns de euros. O 14 de decembro de 2007 levouse a cabo a fusión entre Fadesa e Martinsa, dando lugar a un novo grupo cotizado co nome de Martinsa-Fadesa.

Martinsa-Fadesa reduciu a venda de vivendas en 2007 nun 36 %, con 6.691 vivendas fronte ás 10.446 do 2006. Chegou a ter presenza na práctica totalidade do estado a través de 20 delegacións e máis de 50 puntos de venda. A nivel internacional participa en grandes proxectos, como o maior resort turístico de Marrocos, cunha superficie de 300.000 metros cadrados. O novo grupo ten previsto diversificar a súa actividade cara á obra civil e cara ás enerxías renovables e, malia que trasladará a sede operativa a Madrid, manterá a sede social na Coruña.

En 2008 anunciouse a quebra de Martinsa-Fadesa, cunha gran débeda contraída en boa medida durante o proceso de fusión. O 14 de xullo dese ano convocouse un concurso de acredores, o maior de España até ese momento. A decisión do consello de administración foi presentada nos xulgados da Coruña, e propúxose ao Ministerio de Traballo un expediente de regulación de emprego que afectou a 234 persoas empregadas (o 26,5 % do cadro de persoal).

O concurso de acredores foi superado en xaneiro de 2011[2].

En 2015 o grupo entrou en liquidación cunha débeda de 3 200 millóns de euros[3].

Críticas

[editar | editar a fonte]

No 2004, 1.200 veciños agrupados no Colectivo Nacional de Afectados Síndrome Fadesa, iniciaron a vía penal contra a compañía, baixo as acusacións de delito de risco, falsidade documental e estafa. O proceso xudicial non foi iniciado.

Notas

[editar | editar a fonte]
  1. "El carpintero que quebró dos veces", artigo en El País, 25 de xullo de 2007 (en castelán).
  2. "Martinsa supera el concurso de acreedores, el mayor de la historia en España" Arquivado 22 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine., artigo en Xornal de Galicia, 19 de xaneiro de 2011 (en castelán).
  3. El juez aprueba el plan de liquidación de Martinsa Fadesa expansion.com

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]