Fernando Villapol Parapar | |
---|---|
![]() Fernando Villapol Parapar en Ribadeo, 2022 | |
Nacemento | 26 de febreiro de 1953 |
Lugar de nacemento | Santiso de Abres |
Nacionalidade | España |
Ocupación | escultor |
Fillos | Sonia Villapol Salgado |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Fernando Villapol Parapar, nado en Santiso de Abres (Asturias) o 26 de febreiro de 1953, é un museólogo e crítico de arte, pero máis coñecido como escultor contemporáneo galego.[1] Casado coa profesora María Antonia Salgado,[2] son pais da científica Sonia Villapol,[3]
Ten desenvolvido o groso da súa vida e traballo en Bretoña (Terra Chá, Lugo). Fundou o Museo Etnográfico-Pedagóxico Villapol en Bretoña. Estudou na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón en Lugo, aínda que considérase autodidacta. Atribúe moitos dos seus coñecementos ás súas viaxes e investigacións escultóricas a traverso de países como Cuba, Canadá, Dinamarca, Francia, Grecia, Italia, Noruega, Portugal, Suecia ou varios de África.
As súas esculturas teñen como base gran variedade de materiais, como o metal (ferro, bronce), madeira (castiñeiro, carballo, teixo) ou pedra (mármore, granito).
A definición que se fai do seu traballo nas críticas apuntan ás súas esculturas como combinación de realismo, surrealismo e Abstracción. El mesmo afirma terse inspirado en Diego Velázquez, Urbano Lugrís, Eugenio Granell e Salvador Dalí. Recente é a suxestión de ser definido por unha fusión das tres categorías citadas: REalismo + ABstractismo + SUrrealismo.
Como crítico, ten producido artigos en diversos campos, publicando ademais en 2022 o libro Ciencia e conciencia. Historia social (editado pola Deputación de Lugo), onde fai unha análise da historia da familia Villapol dende a Idade Media.
O Museo Etnográfico-Pedagóxico está localizado en Bretoña. Foi fundado por Villapol, inaugurado no 2002.[4] Contén un amplo contido de obras de arte contemporánea e pezas da etnografía rural galega. Amósase a evolución de varios oficios da Galicia rural nas pasadas décadas: zoqueiro, panadero, carpinteiro, zapateiro, cesteiro ou agricultor. Asemade, unha representación recrea unha escola rural unitaria, instrumentos dun médico rural, dun dentista, ou dun químico, sempre no marco do século XIX. Tamén expón manuscritos orixinais de autores como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Bouza Brey, Antón Fraguas, Iglesia Alvariño, Camilo Barcía Trelles ou Castroviejo, así como unha colección de pinturas de artistas contemporáneos: Urbano Lugrís, Laxeiro, Castro Gil, Mariano García Patiño ou Mayor Balboa. Outra das coleccóns inclúe máis de 2000 sifóns orixinais.