Nome orixinal | Gaspar de Arce Solórzano |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1538 Junta de Siete Villas, Trasmiera, Reino de Castela |
Morte | 1603 Santiago de Compostela, Reino de Galicia |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | arquitecto |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Cónxuxe | Catalina López de Gondar |
Fillos | Juan de Arce Solórzano María de Arce Solórzano |
Pais | Pedro de Arce Solórzano e María Hernández de Mazuelas |
Gaspar de Arce Solórzano, tamén coñecido como Gaspar de Arce "o Vello", nado na Junta de Siete Villas, Trasmiera (na actual Cantabria) en 1538, e finado en Santiago de Compostela en 1603, foi un destacado arquitecto renacentista discípulo de Rodrigo Gil de Hontañón, que traballou principalmente en Galicia durante os reinados de Filipe II e Filipe III.
Nado en 1538, fillo do licenciado Pedro de Arce Solórzano e de María Hernández de Mazuelas, oriúndo da Junta de Siete Villas (Trasmiera, Cantabria) e descendente da Casa Solar e Torre de Solórzano, como se declara na probanza de hidalguía realizada na Real Chancelaría de Valladolid, Gaspar de Arce formouse en Valladolid nun ambiente achegado a Rodrigo Gil de Hontañón.[1]
Contra o ano 1563 pasou a Monforte de Lemos, traballando para os condes de Lemos na obra do Mosteiro de San Vicente do Pino. Nesta época casou con Catalina López de Gondar. En 1571 encóntrase en Lugo como Mestre Maior da catedral, onde trazou a reforma da torre das campás, ocupándose da obra.
En 1578 foi o mestre elixido polo arcebispo de Santiago de Compostela Francisco Blanco Salcedo para elaborar as trazas do |Hospital de San Roque, que o prelado fundara en Santiago de Compostela. En 1580 contratou a obra do patio e os corredores do hospital, cedéndolla a Gonzalo de la Bárcena e Juan del Cajigal. Ese mesmo ano interveu na obra do cárcere eclesiástico.
Desde 1578 até a súa morte, en 1603, Gaspar de Arce ocupou o cargo de Mestre Maior da Catedral de Santiago de Compostela. Nela, Gaspar de Arce móstrase contrario ás trazas dadas por Rodrigo Gil de Hontañón para a obra do claustro, propoñendo a supresión da torre que se tería que levantar nun dos ángulos, prefirindo unha esquina en redondo, formulación que finalmente sería desbotada, e culminou a realización da mesma.
Gaspar de Arce está considerado como un mestre de primeira liña que se dedicaba fundamentalmente a trazar obras nas que logo dirie a mestres do seu contorno para que as executen. O seu prestixio e fama posibilitáronlle a contratación de numerosas obras, a maior parte relixiosas, aínda que non faltan algunhas intervencións en obras civís tanto públicas como privadas.
En 1583 Gaspar de Arce contratou a restauración da casa do deán Baltasar López Gallo en Santiago de Compostela. Nos anos sucesivos documentárose numerosas intervencións do mestre trasmerano:
1584: obra de San Amaro en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro (Lugo);
1589: San Félix de Eirón en Negreira, (A Coruña), e trazou os planos da capela de Jácarre de Luaces na igrexa do Convento de San Francisco en Santiago;
1593: peritaxe sobre as murallas de Santiago;
1595: obra do Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago, da que é veedor;
1596: trazas, con Juan de la Sierra, para a igrexa do Mosteiro de Santa María de Montederramo, en Ourense;
1600: supervisión e dirección das obras do muro da praza da Quintana no Mosteiro de San Paio de Antealtares; 1601: proxecto de reedificación da capela maior e o coro de Santa Eulalia de Boiro en Noia; e, por último,
1603: reforma do coro da igrexa de San Pedro de Muros.[2]
Antonio Bonet Correa (1984) atribúelle tamén a traza da planta da Igrexa da Compañía de Santiago de Compostela.[3] Pero Ramón Otero Túñez rebateu tal atribución.[4]
Gaspar de Arce faleceu en 1603 en Santiago de Compostela. Deixou un fillo, o licenciado Juan de Arce Solórzano,[5] e unha filla, María de Arce, casada con Pedro Pérez Calderón de la Barca, fillo de Dorotea e sobriño do dramaturgo Pedro Calderón de la Barca, dos que descenden os Arce Calderón de la Barca galegos,[6] que non seguen a tradición paterna. Porén, seu sobriño Gaspar de Arce Solórzano, tamén coñecido como Gaspar de Arce "o Mozo", seguiu o oficio de seu tío. Durante anos existiu unha certa confusión entre a súa obra e a do primeiro, Gaspar de Arce "o vello", ao que acompañou durante toda a súa vida e co cal se formou.[7] É probábel que Gaspar de Arce "o mozo" entrara a traballar na catedral en 1578 e desde esa data até 1603 se formara no taller de seu tío. Ese ano, tras a morte de Gaspar de Arce "o Vello", foi admitido como aparellador da catedral até o seu falecemiento en 1618. En 1617 trazou a capela de San Xacinto na igrexa do Convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.