Ismael Urzaiz | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Ismael Urzaiz Aranda | ||
Nacemento | 7 de outubro de 1971 | ||
Lugar de nacemento | Tudela | ||
Altura | 188 centímetros | ||
Posición | dianteiro | ||
Na rede | |||
[ editar datos en Wikidata ] | |||
Ismael Urzaiz Aranda, nado en Tudela o 7 de outubro de 1971, é un exfutbolista navarro, que xogou durante once anos no Athletic Club como dianteiro.
Procedente das categorías infantís do Club Deportivo Tudelano, en 1985 ingresou nas categorías xuvenís do Real Madrid[1]. Na tempada 1989-90 disputou a Segunda División co Real Madrid Castilla, logrando cinco goles en dez partidos. O 2 de outubro de 1990 so o adestrador John Benjamin Toshack debutou co Real Madrid nun encontro da Copa de Europa, contra do Odense BK (6-0) en substitución de Míchel no minuto 80[2]. Na tempada 1991/92 xogou cedido co Albacete Balompié co que debutou na Primeira División o 20 de outubro de 1991 contra do Athletic Club que rematou en vitoria 4 a 0[3]. Co conxunto manchego logrou marcar un gol, o 17 de novembro, contra do CD Logroñés. O 3 de febreiro de 1993 xogou o seu segundo partido co Real Madrid, na ida dos oitavos de final da Copa do Rei contra do RCD Mallorca ao substituír a Luis Enrique no minuto 73. Na tempada (1992-93) comezou co filial madridista, logrando oito goles en 27 partidos, pero en abril de 1993 o club cedeuno ao Celta ata rematar a tempada. Cos celestes xogou seis partidos e anotou un gol contra do Real Burgos. De novo cedido, a tempada 1993/94 xogou co Rayo Vallecano, coincidindo con Hugo Sánchez[4]. No equipo madrileño anotou tres goles na Copa, un na Liga e outro na eliminatoria de promoción contra do Compostela[5], malia todo o equipo madrileño baixou a Segunda División.
Na tempada 1994/95 fichou pola UD Salamanca, logrando o ascenso á Primeira División, logo dunha tempada na que xogou principalmente como suplente no equipo de Juanma Lillo, deulle o ascenso con dous goles de cabeza: o 277 de xuño de 1995, tras unha derrota 0 a 2 no partido de ida contra do Albacete, marcou o gol que fixo posible a prórroga no minuto 95, e o 0 a 3 no minuto 111[6].
Para a tempada 1995/96 fichou polo RCD Espanyol dirixido por Jose Antonio Camacho. Debutou marcando un gol o 3 de setembro cunha vitoria por 3 a 1 contra da UD Salamanca. No seu primeiro partido como titular, o 14 de outubro, marcou dous goles nunha vitoria 0 a 3 contra do Sevilla. Sumou 15 goles nesa tempada, 8 nos últimos dous meses da competición. Logrou o seu primeiro triplete en primeira división o 14 de abril contra do Rayo Vallecano nunha vitoria 4 a 2[7]. A súa gran tempada fixo ao Athletic Club fixarse nel e pagar 500 millóns de pesetas en xullo de 1996[8][9].
Na súa primeira tempada co Athletic fíxose co posto de dianteiro titular, afacendo a Ziganda a xogar pegado á banda esquerda. Marcou dezaseis goles na Liga (trece na segunda volta) e dous na Copa, por diante de Ziganda que anotou dezasete na Liga e Julen Guerrero que marcou quince[10]. Na tempada seguinte, malia anotar só dez goles, logrou o subcampionato da liga co club[11]. Na campaña 1998/99 participou na Liga de Campións anotando un gol, alén de dezaseis na Liga[12], significativo foi ao que marcou ao rematar cun tiro de costas no derradeiro minuto, nun partido que se xogou no Montjuic contra do Espanyol[13]. A tempada 1999/00 foi a última de Luis Fernández como técnico, e Urzais só puido anotar sete goles por mor dos seus problemas no nocello. No seguinte ano, xa con Txetxu Rojo no banco, converteuse no máximo goleador do equipo nunha difícil tempada, con once goles na Liga e dous na Copa[14]. Na tempada 2001/02, con Jupp Heynckes, aumentou o número de goles, chegando a dezaoito. O 23 de xaneiro de 2002 marcou o gol da vitoria 2 a 1 na ida das semifinais da Copa do Rei contra do Real Madrid[15]. Ao remate da tempada non renovou o contrato e quedou libre[16] pero volveu ao club vasco quince días despois[17], nesa tempada anotou catorce goles, incluído un triplete no Vicente Calderón nun empate a tres[18]. Na tempada 2003/04, con Ernesto Valverde, anotou oito goes, e a seguinte supuxo un cambio radical, ao principiar a saír polo común dende o banco, e así e todo, finalizou a tempada con doce goles; os seus dous goles contra do Real Betis nun 4 a 4, en dous minutos con dous remates de cabeza, confirmábano como unha das maiores ameazas da Ligan a balón parado[19].
Na tempada 2005/06 só logrou tres goles: unha lesión crónica no cuadríceps, a actuación de Fernando Llorente e mais a chegada de Aritz Aduriz quitáronlle participación[20] malia iso, concluíu a tempada como titular por mor da lesión do dianteiro donostiarra e a pouca confianza de Javier Clemente no aínda moi novo ariete rioxano[21]. Na tempada 2006/07 alternou suplencias e titularidades, mais foi un xogador clave, cos seus oito goles. Marcou dous goles nos encontros co Recreativo (4 a 2) (un co taco)[22], Mallorca (1 a 3) e Espanyol (2 a 1), así como un gol de penalti contra do Mallorca (1 a 0) que sumaron boa parte dos 40 puntos que lle deron a permanencia ao equipo[23]. O 17 de xuño disputou o seu derradeiro partido cos leóns, foi contra do Levante, nun 2 a 0 que certificou a permanencia na Primeira División, cunha grande actuación do porteiro Molina, que detivo catro remates de gol do ariete navarro[22].
O 20 de xuño de 2007, Ismael Urzaiz anunciou que marchaba do Athletic Club[24] e o 19 de xullo incorporouse ao Ajax de Ámsterdam de Henk ten Cate. Porén no club neerlandés case non xogou polo protagonismo de xogadores como Klaas-Jan Huntelaar ou Luis Suárez. Debutou o 15 de agosto contra do Slavia Praga ao substituír a Luis Suárez no minuto 72. O 18 de maio de 2008 xogou o seu derradeiro partido como profesional substituíndo a Edgar Davids contra do FC Twente. Xogou dous partidos na Liga de Campións contra do Slavia Praga, un na Copa UEFA contra do Dinamo Zagreb, catro na Eredivisie e un na Copa do Países Baixos sen anotar gol ningún[25].
Urzais foi internacional en todas as categorías inferiores da selección de fútbol de España. O 21 de maio de 1988 proclamouse campión de Europa sub-16 ao vencer nos penaltis á selección de Portugal, anotando un[26]. Tivo unha presenza salientable na Copa do Mundo de Fútbol sub-20 de 19901, marcando catro goles, incluído un triplete ao Uruguai, converténdose no segundo máximo goleador da competición[27] Entre 1990 e 1992 foi seis veces internacional coa selección sub-21 anotando un gol.[28]
Foi internacional coa selección española absoluta entre 1996 e 2001 en 25 ocasións marcando oito goles. Debutou o 9 de outubro de 1996 nun partido contra da República Checa que rematou 0 a 0[29]. Anotou por primeira volta o 27 de marzo de 1999 con dous goles nunha vitoria 9 a 0 contra de Austria[30]. O 8 de setembro de 1999 marcou un triplete contra de Chipre nun 8 a 0[31]. Na Eurocopa 2000 foi canda o seu compañeiro Joseba Etxeberria, e xogou os catro partidos[32].
Coa selección do País Vasco xogou oito partidos, amigables, entre 1997 e 2006, marcando tres goles, dous deles nunha vitoria 3 a 2 sobre Marrocos en 2000[33].
Na tempada 2011/12 foi axudante de Endika Guarrotxena no CD Getxo, co que logrou un ascenso a Terceira División.[34].
En xaneiro de 2013 foi un dos fundadores da axencia de representación de futbolistas Urzaiz & Abando Football Agency.[35]. En 2015 foi un dos ex xogadores escollidos pola LFP como embaixadores da institución[36]