Moeda insulana † | |
---|---|
Ámbito: | Rexión Autónoma dos Azores Rexión Autónoma de Madeira |
Fracción: | |
Moedas: | Azores: 3, 5, 10, 20, 40, 75, 120, 150, 300, 600 e 1.200 reais. Madeira: 5, 10 e 20 reais. |
Billetes: | Azores: 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais. Madeira: 50, 100, 500, 1.000, 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais. |
Emisor: | Banco de Portugal. |
A moeda insulana era a moeda utilizada nos arquipélagos portugueses dos Azores e de Madeira, a finais do século XIX e a principios do século XX.[1]
A moeda insulana abranguía o real madeirense, que só estivo en circulación na segunda metade do século XIX, e o real azoriano, vixente ata 1911, cando foi substituído polo escudo portugués, aínda que se mantivo en circulación ata 1931.[1]
O real era a moeda das denominadas Ilhas Adjacentes de Portugal, termo que abranguía os arquipélagos de Madeira e dos Azores. Tratábase de billetes e moedas emitidos e distribuídos especificamente para esas illas, cunha recarga con respecto á moeda do Portugal peninsular. No caso de Madeira, o seu real deixou de utilizarse xa a finais do século XIX.[2]
As moedas en reais (réis)dos Azores deixaron de emitirse en 1901, en tanto que os billetes se emitiron entre 1895 e 1910. Aínda que o escudo portugués substituíu o real portugués (1.000 reais = 1 escudo) en 1911, os billetes en reais dos Azores continuaron en circulación ata 1931.[3] Naquela data, o real azoriano tiña un desconto no seu valor dun 25 % con respecto á moeda portuguesa.[1][2]
Desde finais do século XIX impulsouse a idea de unificar o valor da moeda insular co da peninsular, para facilitar o intercambio comercial e eliminar as barreiras á libre circulación do diñeiro, que illaban economicamente ambos os arquipélagos. Mais estas tentativas batían de fronte coa resistencia da poboación local, que aboaba os seus impostos un 25 % menos coa súa propia moeda e que temía unha crise monetaria como a que xa se vivira na primeira metade do século XIX, que acabaran co comercio local e afectaran moi gravemente os aforros dos particulares. Malia esta resistencia popular, moitos sectores vían esa diferenza de valor como un impedimento comercial que cumpría arranxar. Estas posturas estaban na liña que sostiña a ditadura portuguesa, nacionalista e centralista por natureza.[2]
Neste contexto, Salazar impuxo o Decreto lei 19.869, do 2 de xuño de 1931, para unificar a moeda. Esta primeira disposición foi apoiada por outras medidas auxiliares adoptadas en virtude do Decreto lei 21/189, do 2 de maio de 1932, que estableceu unha dedución para os contribuíntes e créditos para os residentes nas illas.[1][2]
A cuestión dunha hipotética moeda azoriana só se volveu suscitar en 1975, no contexto dos movementos autonomistas e independentistas xurdidos coa Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974.[4] Mais estas propostas deixaron de ter relevancia logo da adhesión de Portugal á Unión Europea e a posterior adopción do euro como moeda oficial.[5]
As primeiras moedas destinadas á circulación no territorio insular dos Azores cuñáronse en 1750. Tratábase de pezas de cobre de 3, 5 e 10 reais (réis) que amosaban a inscrición latina PECUNIA INSULANA. Mais a cuñaxe desta serie limitouse aos anos 1750 e 1751.[6][7][8]
Xa a finais do século XVIII, en 1790 entrou en circulación unha segunda serie moedas de cobre de 5, 10 e 20 reais, en moedas de prata de 75, 150 e 300 reais. A produción de moedas de prata cesou en 1798.[6][9]
En 1829, durante a Rexencia de Angra, producíronse emisións de emerxencia na illa Terceira a nome de María II. Tratábase de moedas de 80 reais que se fundiron (non cuñadas) con metal extraído de campás e de armamento.[10][11]
A partir de 1843, puxéronse en circulación moedas de cobre máis pequenas de 5, 10 e 20 reais (as de 20 reais cesaron en 1866, en tanto que as de 5 e as de 10 reais continuaron ata 1901).[12]
Xa cara á fin do século XIX, en 1871 e logo en 1887, reestampáronse diversas moedas portuguesas, das colonias e estranxeiras para a súa circulación nos Azores, o que deu lugar a moedas cos valores de 10, 20, 40, 120, 300, 600 e 1.200 reais, en 1871, e de 15, 120, 300, 600 e 1.200 reais, en 1887.[13][14]
O Banco de Portugal emitiu por primeira vez papel moeda para circular nos Azores en 1876, co valor de 20.000 reais (réis).[15] Esta serie completouse en 1878 e 1885 coa emisión, respectivamente, de billetes de 5.000 reais e de 10.000 reais.[16]
En 1895 as axencias do Banco de Portugal nos Azores (Agéncias dos Açôres) emitiron unha serie completa de billetes de 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.[17]
A estas emisións seguíronas outras do Banco de Portugal co reselo AÇÔRES, entre 1905 e 1910, cos valores nominais de 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.[18][19]
Para o arquipélago madeirense emitiuse unha única serie de moedas de cobre con valores de 5, 10 e 20 reais (réis), datadas entre 1842 e 1852, a nome de María II. Estas moedas amosan nos seus reversos a inscrición PECUNIA MADEIRENSIS.[20]
O real madeirense viviu dúas series de billetes. A primeira serie componse de billetes de 10.000 e 20.000 reais, datados entre 1875 e 1878.[21] A segunda serie emitiuse entre 1891 e 1892 e componse dos valores de 50, 100, 500, 1.000, 2.500, 5.000, 10.000, 20.000 e 50.000 reais.[22]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda insulana |