Nilton Santos | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Nilton Reis dos Santos | ||
Nacemento | 16 de maio de 1925 | ||
Lugar de nacemento | Río de Xaneiro | ||
Falecemento | 27 de novembro de 2013 | ||
Lugar de falecemento | Río de Xaneiro | ||
Altura | 1,84 m. | ||
Posición | Lateral esquerdo | ||
Carreira xuvenil | |||
Flexeiras | |||
1947–1948 | Botafogo | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1948–1964 | Botafogo | 723 | (11) |
Selección nacional | |||
1949–1962 | Brasil | 75 | (3) |
Na rede | |||
http://www.niltonsantos.com.br | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Nilton Reis dos Santos, coñecido como Nilton Santos, nado no Río de Xaneiro o 16 de maio de 1925 e finado na mesma cidade o 27 de novembro de 2013, foi un futbolista brasileiro que xogaba como lateral esquerdo. Elixido pola FIFA como o mellor lateral esquerdo de todos os tempos,[1] militou durante toda a súa carreira no Botafogo, sendo con 723 partidos oficiais, o futbolista con máis encontros na historia do club.
Foi 75 veces internacional coa selección brasileira, coa que disputou os Mundiais de 1950, 1954, 1958 e 1962, proclamándose campión nos dous últimos.
Alcumado "A Enciclopedia" polos seus amplos coñecementos sobre fútbol e por ser completo como xogador, foi o precursor en arriscar nas subidas ofensivas polo lateral do campo. Revolucionou a posición de lateral, utilizando a súa versatilidade para defender e atacar, nunha época no que a súa posición só tiña función defensiva.
Nacido e criado na Illa do Gobernador, era o máis vello de sete irmáns e axudaba a seu pai no oficio da pesca.[2] Comezou a xogar ao fútbol nas rúas da illa e aos 14 anos ingresou no Flexeiras Atlético Clube. Realizando o servizo militar, xogou un partido contra o São Cristóvão e a súa actuación espertou o interese do club, que o tentou fichar. Con todo, preferiu seguir o consello do seu amigo o coronel Honório Magalhães e facer unha proba co Botafogo, cuxo director social era tío do coronel.[2] Foi aceptado no club alvinegro e ingresou no equipo xuvenil deste. Vestiu a camiseta do club carioca durante toda a súa carreira como futbolista, ata 1964.
Debutou co Botafogo nun partido amigable ante o América Mineiro, pouco antes de disputar o seu primeiro encontro no Campionato Carioca, nunha vitoria por 2-4 fronte ao Canto do Rio en Caio Martins. Ese mesmo ano proclamouse campión carioca por primeira vez, sumando outros tres títulos nos anos 1957, 1961 e 1962. Gañou ademais dúas veces o Torneo Río–São Paulo, entre outros títulos.
Disputou un total de 723 partidos co Botafogo, sendo o futbolista con máis encontros na historia do club, superando en máis de 100 ao segundo clasificado, Garrincha.[3]
Debutou coa selección brasileira no Campionato Suramericano de 1949, no que o Brasil se acabou proclamando campión. Ao ano seguinte disputou o Mundial de 1950, no que os brasileiros perderon o título fronte ao Uruguai no célebre Maracanazo, pero Nílton Santos non chegou a debutar na competición.
Catro anos despois, no Mundial de 1954, foi titular na defensa da canarinha en tódolos partidos, xunto a Djalma Santos e Brandãozinho, e foi un dos expulsados no violento partido de cuartos de final contra Hungría, partido que pasou á historia co sobrenome de Batalla de Berna, despois de pelexarse con József Bozsik. O equipo brasileiro quedou eliminado nese mesmo encontro, ao perder por 4-2.[4]
No Mundial de Suecia en 1958 volveu xogar como titular tódolos encontros do Brasil, no posto de lateral esquerdo, e marcou un gol contra Austria na primeira xornada. Disputou a final contra a selección anfitrioa no estadio Råsunda de Solna, que rematou con vitoria brasileira por 5-2 e coa conquista do primeiro título da historia do equipo suramericano.[5] Foi elixido no equipo ideal do torneo.[6]
Foi convocado por Aymoré Moreira para o Mundial de 1962 en Chile, acudindo así á súa cuarta Copa do Mundo. Foi titular nos seis partidos do Brasil, incluída a final contra Checoslovaquia no estadio Nacional de Santiago de Chile, onde tanto el como o Brasil conquistaron o seu segundo título mundial, no que foi o seu último encontro como internacional.[7]
Disputou un total de 75 partidos oficiais e 10 non oficiais coa selección brasileira, coa que marcou tres goles.[8] No momento da súa retirada era o futbolista con máis partidos da historia da selección.[9]
Enfermo de Alzhéimer nos seus últimos anos de vida, faleceu o 27 de novembro de 2013 na Fundación Bela Lopes, no barrio de Botafogo do Río de Xaneiro, vítima dunha infección pulmonar.[10] Tanto os gastos médicos como os de enterramento correron a cargo do Botafogo.[11] Foi enterrado no cemiterio de São João Batista.
Foi incluído por Pelé na súa lista FIFA 100. A IFFHS elixiuno como o noveno mellor futbolista brasileiro do século XX e o 28º suramericano. Pola súa banda, a FIFA nomeouno mellor lateral esquerdo de tódolos tempos.
No ano 2000, mentres desenvolvía un proxecto social con mozos a través do fútbol no estado de Tocantins, o goberno local homenaxeouno dándolle o seu nome a un novo estadio da cidade de Palmas, chamado agora estadio Nilton Santos.
En 2009, inaugurouse unha estatua súa diante do Estadio Olímpico João Havelange, sede do Botafogo, o seu equipo de toda a vida. En 2017 o estadio mudou definitivamente de nome, chamándose dende entón "Estadio Olímpico Nilton Santos".
Casou dúas veces: a primeira delas con Abigail, coa que tivo dous fillos, Carlos Eduardo e Andréa; e a segunda con María Coeli, coa que viviu ata a súa morte.[12] Ademais de no Río de Xaneiro, viviu en Araruama e Brasilia, traballando nesta última con escolas de fútbol. Tamén escribía unha columna no diario Correio Braziliense.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nilton Santos |
A Galicitas posúe citas sobre: Nilton Santos |
Porteiro | |
---|---|
Defensas |
|
Centrocampistas | |
Dianteiros |