Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto.Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos.
O Matrimonio Arnolfini
ArtistaJan van Eyck
Data1434
Técnicaóleo sobre panel de carballo
Dimensións82 cm × 60 cm

O Matrimonio Arnolfini é o máis famoso cadro do pintor flamengo Jan van Eyck, pintado en 1434, nunha táboa de carballo coa técnica do óleo A obra mostra o rico comerciante Giovanni Arnolfini e a súa esposa Giovanna Cenami, que se estabeleceran e prosperaran na cidade de Bruxas (hoxe Bélxica), entre 1420 e 1472.

A obra, considerada unha das pinturas máis orixinais e complexa da arte occidental e moi innovadora para a época en que foi concibida, exhibe diversos conceptos novos en canto ás perspectivas e á acentuación dos segundos planos, cunha iconografía complexa,[1] a perspectiva xeométrica ortogonal[2] e a expansión do espazo da imaxe co uso do espello no fondo da composición,[3][4] en que toda escena aparece invertida, tal como a imaxe do propio artista.

Na actualidade dentro da historiografía da arte discútese que representa exactamente a imaxe do cadro; a tese dominante durante moito tempo, introducida por Erwin Panofsky nun ensaio de 1934, afirmaba que a imaxe correspondía ao matrimonio de ambos, celebrado en segredo e testificado polo pintor. Con todo, foron propostas outras moitas interpretacións acerca da obra, e o consenso actual é que a teoría de Panofsky é dificilmente sustentábel. Especúlase sobre a presenza efectiva do pintor no casamento dos Arnolfini, pois iso explicaría porqué o pintor holandés escribiu no cadro, en latín, Johannes de Eyck fuit hic (Jan van Eyck estivo aquí).

En todo caso, a pintura - desde 1842 na National Gallery de Londres - é considerada unha das obras máis notábeis de van Eyck. É un dos primeiros retratos de tema non haxiográfico que se conserva, e, á súa vez, representa unha escena relativamente costumista. A composición é sinxela e simétrica, co espello como punto focal do cadro. Chega a luz dunha fiestra á esquerda sen grandes claroscuros, sen apenas crear sombras. A pesar do reducido espazo que se mostra, aparece un sinfín de obxectos, plenamente simbólicos. Móstrase a parella de pé, na súa alcoba; o esposo parece bendicir á muller e á vez colle a súa man dereita, mentres esta apoia a súa esquerda no ventre. A pose das personaxes resulta teatral e cerimoniosa, case hierática; algúns especialistas ven nesas actitudes flegmáticas certa comicidade, aínda que a máis estendida interpretación do retrato, a representación dun casamento, atribúelle un ar pomposo.

Aspectos formais e estilísticos

Xénero e técnica

O retrato é unha obra illada, pintada a óleo sobre unha táboa de carballo. A pintura ao óleo foi unha técnica perfeccionada polos irmáns van Eyck, e Jan demostrou nesta obra a rica e dúctil gama cromática da técnica, que lle permitiu crear amplas superficies de cores vivas, como a roupa de cama e o manto verde da esposa. Presenta claras vantaxes sobre a témpera, que era a técnica máis difundida ata o momento; a máis importante a luminosidade, pois permite un mellor tratamento da perspectiva, do ar e da luz; ao seren máis consistentes, os obxectos poden ser representados con maior exactitude; e seca máis amodo, permitindo traballar con maior sosego.

O estilo

A obra é un fiel reflexo das características de estilo do gótico flamengo e, sobre todo, é un compendio do estilo do seu autor. Na súa composición sobresaen:

O verdadeiro contido da obra

Os protagonistas
Giovanni de Arrigo Arnolfini, rico comerciante italiano (oriúndo de Lucca), asentado en Bruxas desde 1421.
Desempeñou cargos de importancia na corte de Filipe III, duque de Borgoña, a cuxo ducado pertencían entón os Países Baixos.
Jeanne ou Giovana Cenami procedía dunha acomodada familia italiana que vivía en París; o seu casamento fora planificado con moito coidado. Por desgraza, non resultou como se esperaba: non tiveron fillos e, anos despois, Arnolfini foi levado aos tribunais por unha amante despeitada que buscaba compensación.

O realismo

Chama a atención o realismo óptico, baseado no detalle microscópico e nunha maxistral captación da luz e da perspectiva; a quietude, sobre todo, o orgullo polo benestar material que conseguiron, e polas súas pequenas posesións: a lámpada, os móbeis finamente traballados, as roupas... Este é un aspecto moi rechamante na obra, na que aparecen unha infinidade de obxectos sen motivo aparente.

O simbolismo

Porén, precisamente, grazas a estes pequenos obxectos propios dunha sociedade que vivía na opulencia, o especialista en Historia da Arte, Erwin Panofsky elaborou unha teoría sobre o significado deste cadro: interprétao como unha alegoría do casamento e da maternidade.[5] Para iso, revélanos o sentido de multitude de detalles que, aparentemente, carecen de importancia, mais que dan unha nova dimensión á obra. Algúns deses pormenores son:

Hai, en segundo plano, unha multitude de detalles, obxectos que aparecen sen xustificación aparente, como se carecesen de importancia. Todo o contido no cadro proclama a riqueza do novo matrimonio, desde o vestiario e os móbeis, ata as froitas no parapeto da fiestra. Certamente, o matrimonio parece ter reunido os obxectos de moitos países da Europa: Rusia, Turquía, Italia, Inglaterra, Francia e outros. Sen dúbida, Arnolfini, rico mercador, tivo amizade ou negocios con empresarios de toda a Europa. Bruxas, onde se instalou Giovanni, era un fervedoiro de burgueses de todas as partes; e este mercador que protagoniza o cadro gabaríase das súas relacións con eles. Definitivamente, o certo é que todos teñen un significado nítido que dá unha nova dimensión á obra:

Os únicos que faltarían para completar a cerimonia do matrimonio, serían o sacerdote e a testemuña, mais ambas as personaxes aparecen reflectidas no espello, xunto do matrimonio: un crego e o propio pintor, que actúa como testemuña, e que, coa súa sinatura, non só reclama a autoría do cadro como testifica a celebración do sacramento: "Johannes van Eyck fuit hic 1434" (Jan van Eyck estivo aquí en 1434). O cadro sería, polo tanto, un documento matrimonial. Non obstante, é tamén un cadro evidentemente temporal, porque se refire simultaneamente aos feitos que teñen lugar no matrimonio, mais en fases diversas ao longo do tempo.

Á marxe do significado metafórico, cabe preguntarse cal é o motivo dese espírito ilusionista, dese desexo de reproducir con prodixiosa fidelidade a epiderme do mundo. Sábese que as obras flamengas eran idealizadas para seren vistas de cerca; mesmo así mostraban o orgullo que sentía a alta sociedade flamenga polas súas cidades, polas súas vivendas e polos seus obxectos, mais estas razóns non chegan ao fondo do asunto.

Neste sentido, é unha crenza estendida que Jan van Eyck demostra nos seus cadros, un "himno á natureza"; de aí que estean cheos de símbolos que se descifran con pracer. O menor detalle, unha folla de herba, por exemplo, remítenos á obra divina; é, pois, unha modesta homenaxe do pintor á beleza natural. É un sentimento positivo que probabelmente Jan van Eyck compartiu coa alta sociedade flamenga e talvez nel está o espírito prehumanista da Baixa Idade Media.

A controversia

Erwin Panofsky perseverou na idea de que, tratándose dunha cerimonia relixiosa tan importante como o casamento, non fose celebrada nunha igrexa senón nunha alcoba particular, o que podería sinalar que se trataba dunha unión privada e reservada. En efecto, naquela época, era considerada unha unión legal sempre que houbese un documento que atestase e testemuñas que desen fe a iso, mesmo que fose celebrada na ausencia dun padre.

Evidentemente, o cadro e o casamento en si foron envoltos nun halo de misterio. Porén, hai carencia de documentos que mostren a ligazón entre os Arnolfini e van Eyck; os primeiros documentos sobre a pintura son xa do século XVI. De todos os modos, sábese que Giovanni Arnolfini veu de Italia a comerciar en Bruxas, xuntou unha inmensa fortuna e entrou no círculo máis selecto do gran duque de Borgoña, para quen traballaba Jan van Eyck.

Porén, os motivos reais do cadro permanecen ocultos. As novas investigacións da National Gallery de Londres (radiografías, infravermellos etc), demostran que a maioría dos obxectos, aos que Panofsky trata de dar un sentido, pintáronse despois de crearse o fundamento do cadro; e todos eses son pequenos tesouros, carísimos caprichos que, naquela época, moi poucos podían pagar; ao mesmo tempo a riqueza chama á fertilidade, á procreación... O máis evidente é que Arnolfini fai unha demostración do poder comercial que alcanzara, como auténtico «home feito a si mesmo» do século XV.

Chegouse a pensar se a pintura é real ou unha recreación de van Eyck: unha demostración do virtuosismo pictórico. Naquela época non era habitual pintar fóra do estudio, así que é fácil entender que se trata dunha ilusión creada polo pintor, en conveniencia con Arnolfini. Poderíase referir a unha promesa de casamento e da vida que lle espera a esposa; podería reflectir a mesma cerimonia do casamento. Ultimamente fálase dun posíbel exorcismo, ou cerimonia para recuperar a fertilidade, xa que Arnolfini e a súa esposa non tiveron fillos. Este tipo de cerimonia era común na época. De feito, tras das mans do matrimonio hai unha horríbel gárgola sorrinte, que podería simbolizar o mal que paira sobre o casamento, a causa do seu castigo: Giovanni Arnolfini era un mullerengo, un adúltero.

Aínda que haxa máis motivos para a controversia, en 1990, un investigador francés da Sorbona, Jacques Paviot, descubriu no arquivo dos duques de Borgoña un documento de casamento de Giovanni Arnolfini, datado de 1447, trece anos despois de que fose pintado o cadro e seis anos despois da morte de Jan van Eyck. É certo que en Bruxas, no século XV, houbo catro Arnolfinis e dous deles chamábanse Giovanni, mais no documento fálase inequivocamente do máis rico, o que tiña contacto co arquiduque, o do cadro de van Eyck.

Contexto

Identificación do estilo

A obra pertence ao estilo gótico flamengo, a escola flamenga foi unha das máis importantes do mundo, desde o século XV ata o século XVIII, por iso, para distinguir, este primeiro período do século XV denomínase escola gótica flamenga. Esta escola pinta soamente cadros de temas relixiosos, que lida con escenarios costumistas, aínda que tamén desenvolva o retrato e a paisaxe. Utilizan a técnica a óleo e o seu estilo se caracteriza pola minuciosidade, o deleite na reprodución de obxectos, o naturalismo e o amor á paisaxe. Entre os artistas máis importantes desta escola temos Jan van Eyck, autor desta obra, Rogier van der Weyden e Hieronymus Bosch

Identificación da obra

O retrato do casamento de Arnolfini é, sen dúbida, unha obra maxistral da arte gótica flamenga. Segundo a propia sinatura do autor, pintouse en 1434. Formou parte da colección real española, pero foi roubado polo exército francés durante a Guerra Peninsular. En 1842 a National Gallery de Londres adquiriuno por 730 libras.

Van Eyck representa o casamento de Arnolfini, pero o máis significativo é que dá fe da revolución que estaba a vivir a arte flamenga, paralela ás invocacións italianas.

O cadro, cheo de simbolismo, actúa en varios planos:

Van Eyck demostra súa destreza suprema como pintor e mestre das últimas técnicas (en especial a pintura a óleo), polas cales alcanzou renome en toda Europa.

Identificación do autor

O home do turbante vermello;
posíbel autorretrato de Jan van Eyck
Artigo principal: Jan van Eyck.

Jan van Eyck, nado en 1380 e finado en 1441, é, co seu irmán Huberto, o iniciador do estilo dos primitivos flamengos. Ambos naceron nun lugar próximo a Maastricht. Ao principio, traballaron xuntos, mais Huberto morreu en 1426 e ficou só Jan, que viviu ao servizo de Filipe o Bo,[6] duque de Borgoña, con grande estabilidade económica.

O seu estilo caracterízase polo hieratismo e a inmobilidade, e as súas maiores preocupacións eran a verosimilitude, a perfección, o tratamento da luz e a perspectiva. Amais desta obra, as máis representativas da súa autoría son: o Políptico do cordeiro místico da catedral de San Bavón de Gante (1432), A Virxe do Chanceler Rolin e A Virxe do coengo Van der Paele.

Relación da obra co contexto histórico

A obra pintouse en Flandres, durante o século XV. Nesta época aparece unha sociedade avanzada cunha economía baseada nos produtos téxtiles de luxo e no comercio, favorecido pola súa excelente posición estratéxica (por alí pasan as grandes rotas comerciais terrestres que van de Italia e de Francia ata o Atlántico Norte, Inglaterra e países nórdicos e as rutas marítimas que ían do Mar do Norte ao Mar Cantábrico). A burguesía flamenga, debido ao seu alto desenvolvemento intelectual, apreciaba o luxo e as obras de arte. E esas obras de arte son para o propio goce, ou sexa, para levalas para casa ou para instalalas en capelas particulares. Por iso a pintura é a técnica ideal (manexábel, barata e propensa a reflectir os gustos burgueses).

Incidentes sufridos polo cadro

Don Diego de Guevara, quen lle deu o cadro aos Habsburgo, pintado por Michael Sittow, circa 1517

Notas

  1. Ward, John (1994). "Disguised Symbolism as Enactive Symbolism in Van Eyck's Paintings". Artibus et Historiae (IRSA s.c.) 15 (29): 9–53. JSTOR https://www.jstor.org/stable/1483484. doi:10.2307/1483484. 
  2. John, Elkins (Marzo 1991). "On the Arnolfini Portrait and the Lucca Madonna: Did Jan van Eyck Have a Perspectival System?". The Art Bulletin, (Nova York: College Art Association) 73 (1): 53–62. JSTOR www.jstor.org/stable/3045778. doi:10.2307/3045778. 
  3. Ward, John L. (1983). "On the Mathematics of the Perspective of the "Arnolfini Portrait" and similar works of Jan van Eyck". Art Bulletin (Nova York: College Art Association) 65 (4): 680–686. JSTOR www.jstor.org/stable/3050378. doi:10.2307/3050378. 
  4. Seide, Linda (Outono 1989). "Jan van Eyck's Arnolfini Portrait": Business as Usual?". Critical Inquiry (Chicago: The University of Chicago Press) 16 (1): 54–86. JSTOR www.jstor.org/stable/1343626. 
  5. Milicua (1988), p. 326
  6. Faggin (1965), p.2

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas