Paco Llorente | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Francisco Llorente Gento | ||
Nacemento | 21 de maio de 1965 | ||
Lugar de nacemento | Valladolid | ||
Altura | 1,80 m. | ||
Posición | Centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
1982 | Urbis | ||
1983 | Real Madrid | ||
1984–1985 | Móstoles | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1985–1986 | Atlético Madrileño | 31 | (5) |
1986–1987 | Atlético de Madrid | 29 | (3) |
1987–1994 | Real Madrid | 106 | (6) |
1994–1998 | Compostela | 72 | (2) |
Selección nacional | |||
1986 | España sub-21 | 5 | (0) |
1986–1987 | España sub-23 | 3 | (0) |
1986–1987 | España | 1 | (1) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Francisco Llorente Gento, nado en Valladolid o 21 de maio de 1965, máis coñecido como Paco Llorente, é un exfutbolista español.
Procedente dunha familia de recoñecidos deportistas, é sobriño de Paco Gento, Julio e Antonio Gento, xenro de Ramón Grosso, pai de Marcos Llorente e irmán do tamén futbolista Julio, así como dos xogadores de baloncesto José Luis e Toñín. Criouse en Madrid e comezou a xogar nas categorías inferiores do Real Madrid[1] para pasar en 1982 a xogar co Urbis de Moratalaz e ao ano seguinte no CD Móstoles. Alí foi descuberto polos observadores do Atlético de Madrid, que o levaron para o filial deste, o Atlético Madrileño, entón na Segunda División. Na tempada 1985/86 xogou 30 partidos como titular co seu novo club.[2] Co Atlético de Madrid debutou en Primeira División o 6 de abril de 1986 contra a UD Las Palmas, substituíndo a Luis Mario Cabrera. A tempada 1986/87 foi a da súa consagración no Atlético de Madrid, e ao rematar a tempada fichou polo Real Madrid, converténdose no primeiro xogador que se acolleu ao Real decreto 1006 que permitía a rescisión unilateral dos contratos dos deportistas de elite.[3]
O Real Madrid vivía a época áurea da Quinta del Buitre, case intratable na Liga, e Llorente non logrou converterse en titular nunha dianteira na que Butragueño e mais Hugo Sánchez eran inamovibles. Así e todo, tivo un dos momentos máis recoñecidos da súa carreira no enfrontamento do Real Madrid na Copa de Europa 1987/88 contra o FC Porto, o vixente campión de Europa. Ao rematar a primeira parte o 1 a 0 daba a vitoria os portugueses mais Llorente saíu na segunda parte e deu dous balóns de gol a Míchel, que lle deu a volta ao marcador[4].
Nos anos seguintes, Llorente foi un dos suplentes máis valorados do cadro, e entre outros partidos salienta o que xogou como titular contra o PSV Eindhoven na volta dos cuartos de final da Copa de Campións de Europa o 15 de marzo de 1989 e na que o Real Madrid volveu eliminar un campión de Europa, aínda que non logrou o título. A saída do adestrador Leo Beenhakker e a chegada de John Benjamin Toshack supuxo o comezo do seu declive no equipo, aínda que permaneceu no conxunto ata 1994.
Logo xogou catro tempadas na SD Compostela ata a usa retirada en 1998.
Xogou nos anos 1986 e 1987 coas seleccións de fútbol sub 21 e sub 23. Coa selección absoluta xogou un único partido, foi un encontro de clasificación para a Eurocopa de Alemaña 1988 contra Albania, no que Llorente anotou un dos cinco goles de España.[5]