Rego de Trabe | |
---|---|
O rego preto do seu nacemento na Zapateira. | |
País | Galiza |
Nacemento | A Zapateira |
Altitude | 200 m |
Lonxitude | 7 Km |
Desembocadura | Acea de Ama, ría do Burgo |
O rego de Trabe[1] ou da Trabe[2], ás veces chamado río Trabe, nace nos altos do monte da Zapateira, nunha zona que foi un campo de mámoas[3], a uns 200 metros de altitude e discorre polo concello de Culleredo ata desembocar na ría do Burgo en Acea de Ama.
O rego da Trabe nace na chaira que constitúen os altos da Zapateira, na zona en que se xuntan os concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo, preto do club de golf. Descende rapidamente entre penedos e rochas graníticas nunha pequena fraga rodeada de plantacións de eucaliptos. O seu caudal medra coas achegas de pequenos regatos e mananciais antes de chegar aos Montes de Chans, que sortea polo sur formando un pronunciado meandro, que coincide co ángulo que actualmente conforman a estrada AC-14 e o seu ramal cara ao aeroporto da Coruña. Neste relanzo a paisaxe torna chá e o río discorre por un prado primeiro, e abeirado por vexetación riparia despois. Entrando na parroquia de Almeiras, o desnivel vólvese máis acusado e o río baixa por entre un eucaliptal. Baixo a estrada N-550, o rego da Trabe recibe pola marxe esquerda as augas do seu principal afluente, o rego do Castro, que provén da faldra norte da Zapateira. Dende aquí xa flúe por unha franxa practicamente chaira no lugar da Choeira, paralelo a un paseo peonil na beira esquerda. No seu treito final, xa canalizado e nunha contorna urbana, discorre entre parques e paseos ata chegar aos muíños de Acea de Ama na ría do Burgo.