Ribonuclease
Identificadores
SímboloRibonuclease
PfamPF00545
InterProIPR000026
SCOPe1brn / SUPFAM

As ribonucleases (xeralmente abreviado como RNases) son un tipo de encimas nucleases que catalizan a degradación do ARN en pequenos fragmentos. As ribonucleases poden dividirse en endorribonucleases e exorribonucleases, segundo ataquen ao ARN en puntos interiores ou polos extremos, respectivamente, e comprenden varias subclases dentro das clases de encimas EC 2.7 (encimas fosforolíticos) e 3.1 (encimas hidrolíticos).[1]

Función

Todos os organismos estudados conteñen moitas RNases de moi diversas clases, o que indica que a degradación do ARN é un proceso moi antigo e importante. Ademais de eliminaren o ARN celular que xa non se necesita, as RNases xogan un papel fundamental na maduración de todos as moléculas de ARN, tanto dos ARN mensaxeiros que levan información xenética para fabricar proteínas, coma dos ARNs non codificantes que actúan en varios procesos celulares. Ademais, os sistemas de degradación de ARN activos son a primeira defensa contra os ARN víricos, e proporcionan a maquinaria subxacente para estratexias inmunes celulares máis avanzadas como a interferencia de ARN (RNAi).

Algunhas células tamén segregan grandes cantidades de RNases non específicas como a A e a T1. As RNases son, por tanto, extremadamente comúns, o que fai que os ARN da célula teñan unha vida media moi curta se non están nun ambiente protexido. Cómpre salientar que todos os ARNs celulares están protexidos da actividade RNase por medio de varias estratexias como a presenza do cap (carapucha) no extremo 5', e a poliadenilación no extremo 3', e o pregamento con proteínas formando complexos ribonucleoproteicos (RNP).

Outro mecanismo de protección é o inhibidor da ribonuclease (RI), que pode ser moi abundante na célula e constitúe unha fracción relativamente grande das proteínas celulares (~0,1%) en certos tipos celulares. O RI únese a certas ribonucleases coa máxima afinidade atopada nunha interacción proteína-proteína (a constante de disociación do complexo RI-RNase A é de ~20 fM en condicións fisiolóxicas). O RI utilízase na maioría dos laboratorios que estudan o ARN para protexer as súas mostras da degradación por parte de RNases presentes no ambiente.

De xeito similar ao que fan os encimas de restrición, que clivan secuencias moi específicas de ADN bicatenario, algunhas endorribonucleases recentemente clasificadas recoñecen e clivan secuencias específicas de ARNs monocatenarios.

As RNases xogan un papel fundamental en moitos procesos biolóxicos, como a anxioxénese e a autoincompatibilidade das plantas anxiospermas. Ademais, propúxose que as RNases en sistemas toxina-antitoxinas procarióticos funcionan como loci de estabilidade de plásmidos, e como elementos de resposta ao estrés cando están presentes no cromosoma.[2]

Clasificación

Principais tipos de endorribonucleases

Estrutura da RNase A.

Principais tipos de exorribonucleases

Notas

  1. D'Alessio G and Riordan JF, eds. (1997) Ribonucleases: Structures and Functions, Academic Press.
  2. Gerdes K, Christensen SK and Lobner-Olesen A (2005). "Prokaryotic toxin-antitoxin stress response loci". Nat. Rev. Microbiol. (3): 371–382.
  3. Cuchillo, C. M.; Nogués, M. V.; Raines, R. T. (2011). "Bovine pancreatic ribonuclease: Fifty years of the first enzymatic reaction mechanism". Biochemistry 50: 7835–7841. PMC 3172371. PMID 21838247. 
  4. J. Holzmann, P. Frank, E. Löffler, K. Bennett, C. Gerner & W. Rossmanith (2008). "RNase P without RNA: Identification and functional reconstitution of the human mitochondrial tRNA processing enzyme". Cell 135 (3): 462–474. PMID 18984158. doi:10.1016/j.cell.2008.09.013. 

Véxase tamén

Ligazóns externas