Rodrigo | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Rodrigo Moreno Machado | ||
Nacemento | 6 de marzo de 1991 | ||
Lugar de nacemento | Río de Xaneiro | ||
Altura | 1,82 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Información de club | |||
Club actual | Leeds United | ||
Número | 19 | ||
Carreira xuvenil | |||
2002 | Flamengo | ||
2003–2005 | Ureca | ||
2005–2009 | Celta de Vigo | ||
2009 | Real Madrid | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2009 | Real Madrid C | 4 | (1) |
2009–2010 | Real Madrid Castilla | 18 | (5) |
2010–2015 | Benfica | 68 | (27) |
2010–2011 | → Bolton Wanderers | 17 | (1) |
2014–2015 | → Valencia | 31 | (3) |
2015–2020 | Valencia | 141 | (35) |
2020– | Leeds United | 57 | (13) |
Selección nacional | |||
2009–2010 | España sub-19 | 11 | (6) |
2011 | España sub-20 | 6 | (3) |
2011–2013 | España sub-21 | 16 | (15) |
2012 | España sub-23 | 4 | (0) |
2014– | España | 27 | (8) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 14 de xullo de 2022. Selección: actualizado a 14 de xullo de 2022.[ editar datos en Wikidata ] | |||
Rodrigo Moreno Machado, coñecido simplemente como Rodrigo, nado no Río de Xaneiro o 6 de marzo de 1991, é un futbolista galego-brasileiro, que xoga como dianteiro e extremo no Leeds United da Premier League.
Formado principalmente nas canteiras do Ureca de Nigrán e do Celta de Vigo, fichou en 2009 polo Real Madrid. Xogou nos dous filiais do club sen chegar a debutar no primeiro equipo e en 2010 asinou co Benfica, co que gañou catro títulos, entre os que destaca o triplete da tempada 2013/14. Despois pasou seis anos no Valencia, marcando 59 goles en 220 partidos e gañando a Copa do Rei en 2019. En 2020 fichou polo Leeds United.
Nacido no Brasil, xogou nas categorías inferiores da selección española e en 2013 gañou a Eurocopa sub-21. Ao ano seguinte debutou coa selección española absoluta, coa que xogou 24 partidos e coa que participou no Mundial de 2018.
Naceu no Río de Xaneiro, sendo fillo do exfutbolista Adalberto Machado e de Andréia Moreno. Comezou a xogar ao fútbol sala na escola do Flamengo, xunto aos seus amigos Rafinha e Thiago Alcântara. Estes eran fillos de Mazinho, amigo do pai de Rodrigo, e ambas familias acabaron instalándose en Galicia. Durante a súa adolescencia xogou xunto a Thiago no Ureca de Nigrán, co que gañou a liga galega por diante do Celta de Vigo. O club celeste foi o seu seguinte destino, ingresando nas súas categorías inferiores en 2005.
Tras catro anos no club vigués, en 2009, con 18 anos, foi fichado polo Real Madrid.[1] Só unhas semanas despois da súa chegada, comezou a xogar no Real Madrid C, segundo filial do club. Pouco despois subiu ao Real Madrid Castilla, da Segunda División B, co que debutou o 29 de novembro de 2009 nunha vitoria por 3-4 ante o Lanzarote en Arrecife.[2]
O 31 de xullo de 2010 foi traspasado por 6 millóns de euros ao Benfica, co que asinou un contrato por cinco anos.[3]
Un mes despois foi cedido ao Bolton Wanderers para a tempada 2010/11.[4][5] Debutou nun partido da Copa da Liga contra o Burnley o 21 de setembro. Debutou na Premier League o 23 de outubro de 2010, substituíndo a Lee Chung-yong na segunda metade dun partido ante o Wigan Athletic (1-1). O 5 de xaneiro de 2011, contra o mesmo rival, marcou o seu único gol da campaña, rematando o partido co mesmo resultado. Completou a tempada cun total de 21 partidos e 1 gol.
Regresou ao Benfica na tempada 2011/12 e disputou 38 partidos no seu primeiro ano, marcando 16 goles, incluído o primeiro tanto na final da final da Taça da Liga que o seu equipo conquistou ante o Gil Vicente por 2-1.[6] Durante esa tempada debutou na Liga de Campións, marcou o seu primeiro gol europeo contra o Basel,[7] e finalmente caeu nos cuartos de final diante do Chelsea. Na tempada 2012/13 marcou sete goles na liga e foi titular na súa primeira final da Europa League, onde perdeu de novo contra o Chelsea.
O 31 de xaneiro de 2014 o Benfica vendeu o 100% dos dereitos económicos de Rodrigo a unha empresa privada, Meriton Capital Limited, propiedade de Peter Lim, por 30 millóns de euros, ademais doutros 10 millóns en variables.[8] O 10 de abril marcou dous goles na vitoria por 2-0 ante o AZ Alkmaar no estádio da Luz, correspondente aos cuartos de final da Europa League, clasificando así o equipo ás semifinais.[9]
O 7 de maio marcou o primeiro gol do Benfica na final da Taça da Liga que o seu equipo gañou por 2-0 contra o Rio Ave FC, e foi elixido mellor xogador do partido.[10] Unha semana despois foi titular na final da Europa League contra o Sevilla. O partido rematou sen goles e acabou na quenda de penaltis. Rodrigo encargouse do terceiro lanzamento do Benfica, que foi detido polo gardameta portugués Beto, e o título acabou sendo para o equipo andaluz.[11] En total, contribuíu con 18 goles en 43 partidos en todas as competicións para gañar un triplete sen precedentes no fútbol portugués, ao conquistar a Primeira Liga, a Taça de Portugal e a Taça da Liga.[12][13][14]
O 23 de xullo de 2014, despois de que o o Valencia fose adquirido por Peter Lim, propietario tamén dos dereitos de Rodrigo, o futbolista regresou a España, cedido por unha tempada ao club valenciano.[15]
Debutou co equipo de Nuno o 23 de agosto de 2014, sendo titular nun empate 1-1 ante o Sevilla.[16] Marcou o seu primeiro gol na Primeira división o 22 de setembro, na vitoria por 0-3 ante o Getafe CF, nun partido no que acabou expulsado.[17]
O 15 de xuño de 2015, o Benfica e a Valencia anunciaron que chegaran a un acordo sobre os dereitos federativos de Rodrigo, e este foi traspasado ao equipo español por 30 millóns de euros, asinando un contrato ata o 30 de xuño de 2019.[18][19] Tras uns números discretos nos seus tres primeiros anos en Mestalla, completou a súa mellor tempada na 2017/18, con Marcelino no banco, marcando 16 goles na liga e 3 na Copa do Rei, e contribuíndo á clasificación para a Liga de Campións 2018-19.[20] A finais de novembro de 2017 o seu contrato foi renovado ata 2022.[21]
O 29 de xaneiro de 2019, nos cuartos de final da Copa do Rei contra o Getafe, marcou un triplete na segunda metade, dous dos goles no tempo de desconto, que serviron para clasificar o equipo para as semifinais.[22] Titular na final ante o Barcelona no estadio Benito Villamarín marcou o segundo gol do seu equipo e proclamouse campión (2-1).[23]
Na tempada 2019/20 marcou o único gol do partido na vitoria sobre o Chelsea na Liga de Campións.[24][25][26] O 10 de decembro, repetiu a fazaña na vitoria visitante por 1-0 sobre o Ajax, coa que o equipo che se clasificou para a fase eliminatoria.[27]
En agosto de 2020 foi traspasado ao Leeds United por 30 millóns de euros.[28][29] Debutou co equipo inglés na primeira xornada da Premier League contra o vixente campión, o Liverpool, saltando á herba de Anfield como substituto de Patrick Bamford nun encontro que acabou en derrota por 4-3.[30]
Marcou o seu primeiro gol na cuarta xornada de liga, nun empate 1-1 contra o Manchester City.[31] Tras perder varios partidos por unha lesión a principios de 2021,[32] foi utilizado con moderación por Marcelo Bielsa ao seu regreso, antes de acadar un grande estado de forma ao final da campaña, que completou con sete goles, catro deles nos últimos catro partidos.[33] Na tempada 2021/22 disputou un total de 34 partidos, 30 deles como titular, e marcou 6 goles.
Xogou nas categorías inferiores da selección galega de fútbol sala, proclamándose subcampión de España infantil.[34] Internacional coa selección de fútbol sub-19 de España, proclamouse subcampión da Eurocopa sub-19 de 2010. Marcou dous goles no torneo, un deles na final que o seu equipo perdeu ante Francia por 1-2.[35] Ao ano seguinte disputou a Copa do Mundo Sub-20, marcando tres goles pero caendo nos cuartos de final contra o Brasil.[36]
Debutou coa selección española sub-21 o 1 de setembro de 2011, marcando un triplete na vitoria por 2-7 contra Xeorxia en Kutaisi.[37] A continuación regresou á sub-21 e o 21 de marzo de 2013 converteuse no máximo goleador histórico da selección española sub-21, ao marcar o seu 13º tanto nun partido ante Noruega en Toledo, superando a anterior marca de Óscar García, vixente desde 1992.[38] Ese mesmo ano disputou a Eurocopa sub-21 en Israel, proclamándose campión xunto aos seus compañeiros. Marcou un tanto nas semifinais contra Noruega, foi titular na final ante Italia e foi elixido como un dos mellores xogadores do torneo.[39]
Seleccionado por Luis Milla para os Xogos Olímpicos de 2012,[40] disputou dous partidos durante o torneo olímpico, no que España quedou eliminada na primeira fase.
O 3 de outubro de 2014 foi un dos 23 xogadores seleccionados por Vicente del Bosque para os partidos de clasificación para a Eurocopa 2016 contra Eslovaquia e Luxemburgo.[41] Debutou coa selección absoluta contra este último, substituíndo a Diego Costa no minuto 82 e dándolle a asistencia a Juan Bernat no cuarto e definitivo gol.[42] Non volveu á selección ata tres anos despois, cando marcou un dos tres goles españois nun partido ante Albania en Alacant, correspondente á clasificación para o Mundial de 2018.[43] Entrou na lista definitiva para o Mundial, en lugar de Morata,[44] e debutou no torneo na segunda xornada do Grupo B, substituíndo a Costa no último minuto da vitoria por 1-0 contra Irán.[45]