Sweetheart foi o nome que se lle deu a un crocodilo mariño macho de 5,1 m de lonxitude que as historias populares do Territorio do Norte australiano facían responsable dunha serie de ataques a barcos en Australia na década de 1970.
Sweetheart adquiriu sona por primeia vez en 1974 e foi denominado polos habitantes locais como o "campión dos pesos pesados" do billabong[1] Sweets, de onde procede o nome que o animal acabou tendo, da zona do río Finniss no Territorio do Norte, ao suroeste de Darwin.[2] Este crocodilo con frecuencia atacaba barcas con motor foraborda, botes pneumáticos, e barcos de pesca, pero non se coñece ningún caso de ataque a humanos.[3] En xullo de 1979 Sweetheart foi finalmente capturado vivo por un equipo da Comisión de Parques e Vida Silvestre do Territorio debido ao temor que causaba ás persoas, que non se sentían seguras, pero morreu mentres o transportaban cando quedou atrapado nun tronco do río.[4] A causa da súa morte foi despois atribuída a afogamento, probablemente debido á administración do relaxante muscular Flaxedil.[5]
O taxidermista Ian Archibald preparou o corpo disecado do crocodilo para facer unha xira con el[5] e finalmente quedou exposto permanentemente no Museo e Galería de Arte do Territorio do Norte.[6] A historia de Sweetheart foi interpretada con considerable licenza artística polo director de cine Greg McLean na súa película de 2007 Rogue, protagonizada por Radha Mitchell e Michael Vartan.[7] Na película as dimensións de Sweetheart aumentáronse dous metros máis, e isto valeulle ao deseñador de criaturas monstruosas e gañador dun Óscar John Cox[8] para gañar tamén o premio da AFI pola súa construción do crocodilo usado en pantalla nesta película.[9]