Uqui Permui
Nome completoUqui Permuy Martínez
Nacemento1964
Lugar de nacementoBarallobre
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade Aberta de Cataluña e Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo
OcupaciónDeseñadora e creativa
Na rede
https://www.uqui.net/
editar datos en Wikidata ]

Uqui Permuy Martínez, coñecida como Uqui Permui, nada en Barallobre no ano 1964, é unha directora de arte e deseñadora gráfica galega especializada no deseño de proxectos de comunicación orientados a mellorar a vida das persoas, eliminar desigualdades e incrementar a presenza cidadá.

Do seu estudo saíron proxectos como Territorio dás Mulleres[1] ou En negro contra a violencia[2], campañas polas que foi premiada e que denuncian e levan á reflexión sobre os abusos e discriminación que sofren as mulleres.[3] Foi cofundadora en 2006 da Asociación Galega de Deseño (DAG), da que foi presidenta até 2018.[4]

Biografía

Uqui Permui realizou estudos de arte na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela (Galicia), finalizándoos en 1991. Graduouse no 2017 en Comunicación, na especialidade Audiovisual, na Universidade Aberta de Cataluña (UOC), e un ano despois realizou na mesma universidade un Posgrao Multimedia en Deseño de Interacción e Usabilidade. Ela define o deseño como "un concepto global que equilibra o benestar das persoas, o crecemento empresarial e a sustentabilidade ambiental".[5]

Os seus primeiros traballos como deseñadora júnior realizounos no Estudo Permui Deseño. En 1991 creou o seu propio estudo de deseño situado en Santiago de Compostela, onde traballa como Directora creativa.[3] Trátase dun estudo multidisciplinar especializado en proxectos con perspectiva social e integradora.

Permui é unha deseñadora versátil á que lle gusta desenvolver os proxectos de forma global e utilizar diferentes estratexias de deseño tanto gráficas como dixitais. A súa educación artística levouna a traballar nos distintos campos: editorial, multimedia e audiovisual. Como directora de arte realizou campañas sociais e empresariais e dirixiu publicacións e proxectos transmedia; como deseñadora gráfica deseñou marcas e publicacións, páxinas web e aplicacións para móbiles ou elementos de comunicación para exteriores,entre outros traballos; e como realizadora escribiu guións e realizou documentais.

O recoñecemento profesional acompañou aos seus traballos, algúns cun marcado carácter feminista e de acción social, como a campaña En Negro Contra as Violencias[6], impulsada pola Concellaría de Igualdade do Concello de Compostela para o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, pola que obtivo en 2018 o premio SERenidade outorgado pola Cadea Ser.[7] A campaña iniciouse en 2015 e supuxo o deseño de logotipos, carteis, espazos, material audivisual, web e aplicacións. O obxectivo era sensibilizar á sociedade contra as violencias machistas, involucrando á cidadanía e aos sectores sociais e económicos. A campaña, á que se foron engadindo outras institucións e colectivos en anos seguintes debido a que o material permanece aberto na web https://ennegrocontraasviolencias.gal/gl, cubriu escaparates e persoas de negro en sinal de loito.[2]

Outras das súas campañas premiadas foi o Territorio das mulleres[8], que quedou finalista na Bienal Iberoamericana de Deseño (BID) do 2016 no apartado de deseño transversal.[9] Neste caso a creación de logotipos, carteis, a web da iniciativa, pezas audiovisuais de promoción, aplicacións puxéronse ao servizo de conseguir unha cidade igualitaria e amigable coas mulleres.

Convencida da calidade do deseño galego e a necesidade de impulsalo, en 2006 fundou xunto aos deseñadores Pepe Barro, Ramón Méndez, Javier Pérez e María Domínguez a Asociación Galega de Deseño (DAG), integrada por profesionais do deseño de Galicia e que presidiu até 2018.[10]Representa á DAG na Rede Española de Asociacións de Deseño.[11]

Xunto co seu labor de deseñadora imparte clases como profesora asociada de deseño na facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).[12]

Traxectoria feminista

Moitos dos proxectos de comunicación nos que se involucra como deseñadora van dirixidos a incentivar a conciencia feminista. Permui vincúlase ao feminismo desde moi nova e nos anos noventa comezou a colaborar con colectivos de mulleres.[13] Entre os seus moitos traballos no ámbito feminista están a colaboración no deseño da revista galega de pensamento feminista Andaina;[14]a edición do libro Corpos de produción. Miradas críticas e relatos feministas ao redor de suxeitos sexuados nos espazos públicos xunto a María Ruido en 2002; o estudo sobre a gráfica utilizada polo movemento feminista ou a produción e dirección en 2010 do documental sobre o traballo e as loitas das conserveiras galegas da fábrica Odosa na Illa de Arousa. Doli, doli, doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo.[15]

Premios

Produción

Proxectos destacados

Libros

Audiovisual

Notas

  1. "Territorio de las Mujeres". 
  2. 2,0 2,1 "En negro contra la violencia". 
  3. 3,0 3,1 "Página Web del Estudio de Diseño uqui.net". 
  4. "DAG". 
  5. "Que é o deseño?". 
  6. "En Negro Contra as Violencias". Consultado o 2022-03-10. 
  7. SER, Cadena (2018-12-14). "Los premios SERenidade 2018 premian el talento, la solidaridad y el compromiso" (en castelán). Consultado o 2022-03-10. 
  8. "Uqui Permuy, directora artística do proxecto Compostela Territorio das mulleres". 
  9. "El estudio cenlitros y la diseñadora Uqui Permui finalistas en..." (en castelán). DAG-Asociación Gallega de Diseño. Consultado o 2022-03-10. 
  10. "Entrevista: Uqui Permui de Uqui | Cebra". 
  11. "Uqui Permui asume la presidencia de la Red Española de Asociaciones de Diseño". 
  12. "Universidad de Santiago de Compostela". 
  13. "Diseño de campañas feministas para la acción social (España). Una charla con Uqui Permui.". 
  14. "Revista Andaina". 
  15. "Doli, Doli, Doli...coas conserveiras :: CINE GALEGO". engalecine6.webnode.es. Consultado o 2022-05-08. 

Véxase tamén

Ligazóns externas