Santa Comba de Veigue é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Sada. Segundo o IGE en 2013 tiña 421 habitantes (216 homes e 205 mulleres) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999, cando tiña 328 habitantes.
A praia de Cirro, próxima ao porto de Lorbé, Oleiros, é unha praia semiurbana cun grao de ocupación alto. As súas augas son tranquilas e ten 280 m de longo e 57 m de largura media, coa area fina e branca. Non ten paseo marítimo, pero ten acceso para discapacitados[2].
A praia de San Pedro, moi próxima á anterior, é de características moi similares (260 m de longo por 50 m de largo). Non ten acceso para discapacitados e ten un cámping a poucos metros da area[3]
Veigue é un topónimo latino, inda que con orixe prerromana, que se refire á unha chaira cultivada e fértil. A súa aparición deuse entre os séculos X e XIII.[4][5]
No Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela consérvanse testemuños documentais da existencia de dúas capelas, xa desaparecidas, na parroquia de Veigue, sen que haxa constancia da súa localización exacta[6].
Ermida de San Pedro: no libro de visitas da parroquia, en 1637-1640, faise referencia á confraría desta ermida, que carecía de rendas. Foi primeiro dos veciños, pero nos libros de visitas pastorais de 1770-1777 faise mención a un patrón, Vicente Villar de Francos, veciño da parroquia de San Martiño de Dorneda. El era o encargado de levar os ornamentos para a celebración da misa, que só se facía no mesmo día de San Pedro. Nesa altura deuse orde de non a celebrar máis alí mentres non se arranxase a ermida, cuxo estado era semirruinoso, sen máis adorno que a imaxe do santo nunha caixa e coa porta sen pechadura.
Capela do Viático: aparece mencionada, nunha visita de 1792, como o lugar onde se levaba o viático aos enfermos.
↑"www.mma.es". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 29 de setembro de 2010.
↑"www.mma.es". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2019. Consultado o 29 de setembro de 2010.
↑Piel, J.M (1947). Nomes de lugar referentes ao relevo e ao aspecto geral do solo. Revista portuguesa de filologia. Vol. I, tomo I (Coimbra). pp. 153–197.