Zenga | |||
---|---|---|---|
![]() | |||
Información persoal | |||
Nome | Walter Zenga | ||
Nacemento | 28 de abril de 1960 | ||
Lugar de nacemento | Milán | ||
Altura | 1,88 m. | ||
Posición | Porteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
1969–1971 | Macallesi 1927 | ||
1971–1978 | Inter de Milán | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1978–1994 | Inter de Milán | 328 | (0) |
1978–1979 | → Salernitana | 3 | (0) |
1979–1980 | → Savona | 23 | (0) |
1980–1982 | → Sambenedettese | 67 | (0) |
1994–1996 | Sampdoria | 41 | (0) |
1996–1997 | Padova | 21 | (0) |
1997–1999 | New England Revolution | 47 | (0) |
Total | 530 | (0) | |
Selección nacional | |||
1984–1986 | Italia sub-21 | 15 | (0) |
1987–1992 | Italia | 58 | (0) |
Adestrador | |||
1998–1999 | New England Revolution | ||
2000–2001 | Brera | ||
2002–2003 | Național București | ||
2004–2005 | FCSB | ||
2005–2006 | Estrela Vermella | ||
2006 | Gaziantepspor | ||
2007 | Al-Ain | ||
2007 | Dinamo București | ||
2008–2009 | Catania | ||
2009–2010 | Palermo | ||
2010 | Al-Nassr | ||
2011–2013 | Al-Nasr | ||
2013–2014 | Al Jazira | ||
2015 | Sampdoria | ||
2015–2016 | Al-Shaab | ||
2016 | Wolverhampton Wanderers | ||
2017–2018 | Crotone | ||
2018–2019 | Venezia | ||
2020 | Cagliari | ||
Na rede | |||
![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Walter Zenga, nado en Milán o 28 de abril de 1960, é un exfutbolista e adestrador italiano Histórico gardameta do Inter de Milán, militou nese club durante case toda a súa carreira como xogador, defendendo a súa portería nun total de 473 partidos.
Foi 58 veces internacional coa selección italiana, sendo o porteiro titular no Mundial de 1990, no que Italia rematou terceira e no que estableceu un récord de minutos sen recibir un gol.[1] Considerado como un dos mellores porteiros de todos os tempos,[2] gañou tres veces o premio ao mellor porteiro do mundo segundo a IFFHS, e en 2013 foi elixido o oitavo mellor porteiro do último cuarto de século pola IFFHS. No ano 2000 ocupou o 20º posto na elección do mellor porteiro do século XX.[3]
Desde 1998 traballa como adestrador e dirixiu numerosos clubs de Italia, os Estados Unidos, Turquía, Romanía, Serbia, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos e Inglaterra.
Fillo do tamén porteiro Alfonso Zenga, comezou a xogar ao fútbol no Macallesi 1927 aos 9 anos, cunha ficha coa data de nacemento falsificada, pois non tiña a idade mínima necesaria. En 1971 ingresou na canteira do Inter de Milán e pasou polas diferentes categorías inferiores do club. A continuación, entre 1978 e 1982, xogou cedido na Salernitana, no Savona e no Sambenedettese, logrando con este último o ascenso á Serie B.
Regresou ao Inter para a tempada 1982/83, na que foi o segundo porteiro por detrás do veterano internacional Ivano Bordon, e disputou cinco partidos da Copa Italia. O seu bo facer neses encontros foi suficiente para facerse co posto de titular na seguinte campaña, trala marcha de Bordon á Sampdoria. Foi o gardameta menos goleado da campaña 1983/84, con só 23 goles recibidos.[4]
Continuou a un gran nivel durante os seguintes anos, converténdose nun dos xogadores favoritos da afección interista e nun dos máis célebres gardametas do país, debido á súa calidade, ao seu amor polo equipo e á súa personalidade.[4] Así, foi convocado coa selección italiana para o Mundial de 1986.
En 1986 o Inter fichou ao adestrador Giovanni Trapattoni, que fixo de Zenga, Giuseppe Bergomi e Riccardo Ferri as pedras angulares do equipo. Durante a primeira tempada de "Trap", o Inter pelexou ata as últimas xornadas co Napoli polo scudetto, quedando finalmente terceiro. Con todo, Zenga impúxose como o mellor porteiro do campionato, rematando a liga con só 17 goles encaixados nos 30 partidos, o que lle valeu para que o seleccionador Azeglio Vicini lle dese a titularidade do combinado nacional.[4]
A tempada 1987/88 resultou nunha decepción para o Inter e para Zenga: o equipo tivo dificultades durante toda o ano, debido á falta de compatibilidade entre os dous principais dianteiros (o capitán Altobelli e a nova incorporación Aldo Serena) e entre os dous centrocampistas ofensivos (Gianfranco Matteoli e o belga Enzo Scifo). Zenga, descontento coa forma de xestionar o club, decidiu deixar o Inter e fichar polo entón poderoso Napoli, pero o traspaso non se materializou e o gardameta continuou en Milán.[4][5]
Con todo, a seguinte campaña resultou ser unha das mellores para o Inter e para Zenga. O equipo, reforzado polas adquisicións dos italianos Alessandro Bianchi e Nicola Berti, os alemáns Andreas Brehme e Lothar Matthäus do Bayern de Múnic e o arxentino Ramón Díaz dominou a liga con contundencia, conseguindo o título cunha cifra récord de 58 puntos e rompendo varios rexistros máis durante o ano. Superou en 11 puntos o segundo clasificado, o Napoli de Maradona, e en 12 ao terceiro, o Milan adestrado por Arrigo Sacchi, campión ese ano da Copa de Europa. Zenga rematou a tempada encaixando só 19 goles, volvendo ser o mellor porteiro nese aspecto.[4]
As seguintes dúas tempadas foron agridoces para o Inter: aínda que o equipo seguiu loitando polos títulos, non conseguiu máis éxitos nacionais que a Supercopa italiana disputada en novembro de 1989 contra a Sampdoria. A tempada 1990/91 foi unha continua loita pechada entre o Inter e a Sampdoria, decidíndose finalmente o título nun partido disputado entre ambos en Milán, en que o Inter perdeu por 0-2, indo así a parar o título ao equipo de Gianluca Vialli e Roberto Mancini. Con todo, o Inter gañou a Copa da UEFA ese ano, derrotando, entre outros, a Aston Villa, Partizan, Atalanta e Sporting de Portugal no camiño da final ante a Roma. O club lombardo gañou na ida da final por 2-0 e perdeu 1-0 en Roma, logrando o seu primeiro éxito europeo desde os anos 60. Zenga foi o gardameta do equipo nos 12 partidos da competición, encaixando 7 goles. Trala conquista do título, o adestrador Giovanni Trapattoni deixou o equipo para volver ao banco da Juventus.[4]
A nivel persoal, esas tempadas foron o cumio da carreira de Zenga. Durante tres anos consecutivos (1989–1991) foi nomeado pola IFFHS como mellor porteiro do mundo, por diante de gardametas como Michel Preud'homme, Rinat Dasaev e Andoni Zubizarreta.[1] O seu xogo explosivo e os seus agudos reflexos permitíronlle facer importantes e espectaculares paradas. Aínda sen ser coñecido como un gran parador de penaltis, na súa carreira detívolle lanzamentos dende os once metros a xogadores do nivel de Roberto Baggio, Michel Platini ou Paul Merson.[4]
Continuou xogando no Inter ata 1994, xa sen Trapattoni, e gañou unha segunda Copa da UEFA en 1994, na súa última tempada co club.[4]
En 1994 fichou pola Sampdoria e dous anos despois pasou ao Padova. Finalmente, en 1997 fixo as maletas para xogar por primeira vez fóra do seu país, fichando polo New England Revolution, co que disputou a segunda edición da Major League Soccer. A continuación deixou o equipo para iniciar unha carreira como actor (el e a súa noiva protagonizaron unha telenovela italiana). En 1999 volveu aos Revs como xogador-adestrador, pero pouco despois foi substituído no banco por Steve Nicol.[4]
Foi 58 veces internacional coa selección de Italia entre 1987 e 1992.[6] Encaixou só 21 goles (0,36 por partido) e mantivo a portería a cero en 41 partidos (70,69%), sendo ambas as mellores medias da historia da selección italiana. Anteriormente participara coa selección italiana nos Xogos Olímpicos de 1984, onde o equipo logrou o cuarto posto, e tamén fora o porteiro titular da selección italiana sub-21 na Eurocopa sub-21 de 1986.[7] Xa coa absoluta, foi convocado por Enzo Bearzot para o Mundial de 1986, ao que acudiu como terceiro porteiro, por detrás de Giovanni Galli, da Fiorentina, e de Franco Tancredi, da Roma.[4]
Fíxose coa titularidade na portería da selección trala chegada ao banco de Azeglio Vicini, que o preferiu a Stefano Tacconi.[1][4][8][9][10][11] No primeiro partido de Italia na Eurocopa de 1988, Zenga estivo de novo no centro da polémica, ao conceder un tiro libre dentro da área por ter dado demasiados pasos co balón nas mans (unha infracción poucas veces sancionada). Andreas Brehme, que se convertería no seu compañeiro de equipo no Inter só uns meses despois, marcou dende o tiro libre resultante para empatar o partido. Con todo, Italia chegou ás semifinais da competición, onde caeu derrotada a mans da Unión Soviética.[4][5]
Continuou como primeiro gardameta italiano cando o seu país acolleu o Mundial de 1990, e axudou ao equipo a conseguir un terceiro posto. Durante o torneo conseguiu un récord de cinco partidos consecutivos mantendo a portería a cero e un total de 518 minutos sen encaixar gol, marca aínda non superada.[1][4][12] A súa xeira chegou á súa fin cun remate de cabeza de Claudio Caniggia nas semifinais ante a Arxentina, vixente campioa, despois de que Zenga cometese un erro na saída. Co empate 1-1 despois da prórroga, o partido foi á quenda de penaltis, na que Zenga non conseguiu deter ningún lanzamento. A Arxentina impúxose por 4-3 e pasou á final,[4][13][11] mentres que Italia tivo que conformarse co terceiro posto tras derrotar por 2-1 a Inglaterra, nun partido no que Zenga encaixou o seu segundo gol do torneo, obra de David Platt.[14]
Despois de que Italia non conseguise clasificarse para a Eurocopa de 1992, Arrigo Sacchi foi nomeado novo seleccionador de Italia, e finalmente excluíu a Zenga do combinado nacional, a favor de porteiros máis adecuados para o seu sistema defensivo de marcaxe zonal, como Gianluca Pagliuca e Luca Marchegiani.[4][15][16]
O seu primeiro traballo como técnico foi exercendo as funcións de xogador-adestrador no New England Revolution.[17] Despois de deixar o club de Boston, retirouse do fútbol activo e decidiu iniciar unha carreira como adestrador, comezando cun breve paso polo Brera Calcio milanés, da Serie D.
En 2002 trasladouse a Romanía, onde dirixiu primeiro o Naţional București e despois o FCSB, co que gañou a liga romanesa e alcanzou os oitavos de final da Copa da UEFA 2004-05 tras eliminar o vixente campión, o Valencia.
No verán de 2005, tras ser despedido do FCSB antes do final da tempada, fichou polo Estrela Vermella de Belgrado, co que se proclamou campión de liga e de Copa.
No verán de 2006 foi nomeado adestrador do Gaziantepspor da Süper Lig turca. Con todo, tras un mal comezo (cinco vitorias en 17 partidos de liga), renunciou en xaneiro de 2007 para aceptar unha oferta do Al-Ain dos Emiratos Árabes Unidos. Foi destituído despois de cinco meses no cargo, e en setembro de 2007 chegou ao banco do Dinamo București, en substitución de Mircea Rednic. Acabou dimitindo só dous meses despois, tras unha derrota por 1-0 nun derbi ante o FCSB.[18] A continuación traballou como comentarista de fútbol na RAI.
A partir do 1 de abril de 2008 substituíu a Silvio Baldini no banco do Catania.[19] Debutou como adestrador na Serie A o 6 de abril, cunha vitoria na casa por 3-0 contra o Napoli.[20] Rematou a tempada logrando a salvación nos últimos minutos da liga, tras un empate 1-1 ante a Roma. Confirmado á fronte do Catania para a tempada 2008/09, conseguiu cos rossoazzurri excelentes resultados na primeira parte da tempada, o que levou ao club a renovar o seu contrato por un ano máis.[21]
O estilo de xogo do Catania de Zenga destacou polo foco do adestrador na planificación dos tiros libres, tarefa asignada ao seu axudante Gianni Vio.[22] Acabou a campaña conseguindo comodamente a permanencia e coa maior cantidade de puntos da historia do club ata aquel entón. No último encontro como local da tempada anunciou que se separaría do club de mutuo acordo.
En xuño de 2009 anunciouse a súa fichaxe polo rival histórico do Catania, o Palermo.[23] Debutou cunha vitoria por 4-2 na Copa Italia sobre o SPAL e a continuación derrotou por 2-1 ao Napoli na primeira xornada de liga. Con todo, unha mala serie de resultados nos seguintes partidos, levaron ao presidente Maurizio Zamparini a destituílo o 23 de novembro, despois de só trece xornadas de liga.[24]
O 11 de maio de 2010, foi anunciado como novo adestrador do Al-Nassr de Riad, club da Liga Profesional Saudita.[25] Foi destituído do seu posto o 24 de decembro, co equipo situado na terceira praza da liga.[26]
Dúas semanas despois fichou polo Al-Nasr de Dubai, ao que dirixiu durante dous anos na liga dos Emiratos Árabes Unidos.[27] Entre 2013 e 2014 adestrou o Al Jazira de Abu Zabi.
O 4 de xuño de 2015 fichou pola Sampdoria da Serie A, regresando así ao fútbol do seu país.[28] Con todo, non chegou á metade da tempada, sendo destituído en novembro.[29] A continuación volveu a Oriente Medio para adestrar o Al-Shaab de Sharjah, último clasificado da liga emiratí. Non conseguiu endereitar o rumbo do equipo e abandonou o club o 20 de febreiro de 2016 por mutuo acordo coa entidade.[30]
O 30 de xullo de 2016 foi anunciado como novo adestrador do Wolverhampton Wanderers do Football League Championship inglés.[31]
Iniciou a súa andaina en Wolverhampton cunha xeira de seis partidos invicto.[32] Con todo, acabou sendo destituído en outubro, despois dunha mala serie de resultados, cun só punto en cinco xornadas, e co equipo situado na 18ª praza.[33]
O 8 de decembro de 2017 foi anunciado como novo técnico do Crotone, da Serie A,[34] co que acabou descendendo ao remate da campaña. En outubro de 2018 chegou ao banco do Venezia, da Serie B, para ocupar o lugar do destituído Stefano Vecchi.[35] Foi despedido o 5 de marzo de 2019, despois de que unha serie de catro derrotas en cinco partidos levase ao club a ter que loitar pola permanencia.[36]
En marzo de 2020 foi contratado polo Cagliari, da Serie A.[37] Dirixiu o equipo sardo ata o final da tempada, obtendo tres vitorias e catro empates en 13 partidos.[38]
Porteiro agresivo, consistente, fisicamente forte, completo e atlético, Zenga era alcumado Deltaplano ("ala delta").[1][39][40][41] Era especialmente hábil nas paradas e na colocación na área e posuía valentía, boa reacción, velocidade, elegancia e axilidade, o que lle permitía realizar paradas espectaculares.[1][4][13][41] A pesar da súa reputación, os medios foron a miúdo críticos coas súas actuacións nos lanzamentos de penaltis,[13][41] aínda que detivo penas máximas contra destacados especialistas dende os once metros como Roberto Baggio, Paul Merson ou Michel Platini.[5] Tamén era criticado polas súas irregulares actuacións cando saía da súa posición para despexar centros.[4][13][41][42] Tampouco era particularmente hábil co balón aos seus pés,[40] nin moi fiable na distribución,[43] e inicialmente militou en equipos que empregaban un sistema defensivo de marcaxe zonal e que tentaban deixar os rivais en fóra de xogo, debido á súa reticencia a saír da portería.[15] Con todo, foi capaz de adaptarse con éxito aos cambios na normativa trala introdución da regra da cesión, e mantivo un alto nivel de rendemento ao longo da súa carreira, aínda que os porteiros debían xogar con máis frecuencia cos pés.[44] Ademais de nas súas funcións de porteiro, Zenga tamén destacou pola súa forte mentalidade e liderado desde atrás, polo seu temperamento,[5][15][45] e pola súa actitude cando estaba baixo presión, non desconcentrándose se cometía algún erro.[46]
O seu outro alcume, L'Uomo Ragno ("Spider-Man"),[1] non está relacionado coas súas habilidades como porteiro, senón cunha circunstancia acaecida en 1992. Mentres respondía preguntas sobre a súa exclusión da selección italiana, cantou suavemente unha canción da banda italiana 883, chamada Hanno ucciso l'Uomo Ragno ("Mataron a Spider-Man"),[16] o que levou aos medios e seguidores a chamalo como o personaxe de Marvel Comics.
Casou por primeira vez con Elvira Carfagna, coa que tivo un fillo, Jacopo, tamén futbolista. Posteriormente casou coa personalidade televisiva Roberta Termali, coa que tivo dous fillos máis, Nicolò e Andrea.[47] En 2005 casou con Raluca Rebedea, romanesa de 23 anos,[48] con quen tivo dous fillos, Samira Valentina, nada en 2009 e Watler, nado en 2012.[49] En 2020 a parella anunciou o seu divorcio.[49]
En abril de 2012 obtivo a cidadanía romanesa.[50]