"A Rianxeira" é unha canción popular galega, convertida nun dos símbolos culturais de Galicia e particularmente representativa do colectivo de emigrantes ou diáspora.
Foi composta nun principio en Bos Aires en 1947 a proposta de Anxo Romero Loxo, quen compuxo a música, nunha reunión no Centro Rianxo na que se atopaba a directiva e mais Xesús Freiro Dourado ("Pinciñas"), compositor da letra. Foi estreada un ano despois polo Coro Castelao na cidade de Bos Aires, a pesar de que a súa estrea oficial data do ano 1950, co gallo da recepción de Castelao no porto de Bos Aires.
O texto orixinal ten a súa orixe en diversas variantes de cantos tradicionais de acompañamento ás procesións de adoración á Virxe de Guadalupe (patroa de Rianxo) do século XIX, que se realizan na vila de Rianxo, sendo o seu xentilicio feminino o que bautiza ao himno. Nun principio chamárona "Ondiñas da nosa ría".
O primeiro disco foi editado pola empresa RCA Victor.
Contra a segunda metade do século XX unha das versións d'"A Rianxeira", que ten por letra a que se canta no último día das festas de Guadalupe, foi popularizada por músicos de Rianxo e de emigrantes na Arxentina e Cuba, mentres que foi nos anos 1950 cando foi creada a orquestración que acadou a aceptación do público grazas ao efecto difusor da radio.
A pesar da súa orixe, o texto non é de carácter relixioso, aínda que se serve da figura metafórica da Virxe para realizar unha evocación á figura da muller galega traballadora do mar.
"A Rianxeira" é cantada con ocasión de celebracións e festividades de carácter privado, costume tamén estendido co éxito dos clubs galegos de fútbol durante os anos 90 nas manifestacións públicas deportivas.
- Moito me gustas rianxeira
- que estás eiqui na Arxentina,(bis)
- verche cantare e veila-re
- coma ala na terra miña. (bis)
estribillo:
- Ondiñas veñen(bis)(bis)
- ondiñas veñen e van
- non te embarques rianxeira
- que te vas a marear.
(bis)
- Que guapa estabas rapaza
- cando che vin na ribeira,(bis)
- tiña la cara morena
- coma a virxe rianxeira. (bis)
estribillo:
- Ondiñas veñen(bis)(bis)
- ondiñas veñen e van
- non te embarques rianxeira
- que te vas a marear.'