A adenosina é un nucleósido formado pola unión da adenina cunha ribosa (ou ribofuranosa) por medio dun enlace glicosídico β-N9. A adenina que contén é unha purina sintetizada a partir da degradación de aminoácidos como metionina, treonina, valina e isoleucina e do AMP.[1] Utilízase como fármaco en certas doenzas cardíacas. Cando se une a un fosfato orixina o nucleótido AMP, que forma parte do sistema AMP/ADP/ATP, que é fundamental no almacenamento e cesión de enerxía na célula.
A adenosina ten unha importante función en procesos bioquímicos, tales como a trasferencia de enerxía, en forma dos nucleótidos ATP e ADP, e a transdución de sinais en forma de adenosín monofosfato cíclico ou AMPc.
A adenosina desempeña un importante papel como neuromodulador no sistema nervioso central, a través da interacción cos seus receptores A1, A2A, A2B e A3, amplamente distribuídos nos tecidos do corpo producindo vasodilatación,[2] broncoconstrición, inmunosupresión etc.[3]
Tamén ten efectos sedantes e inhibitorios sobre a actividade neuronal. A cafeína diminúe o sono precisamente polo bloqueo do receptor de adenosina, polo que é un antagonista da adenosina. A adenosina aumenta o sono NMOR (sobre todo no estadio IV) e tamén o MOR. Cando se aplica un inhibidor da desaminase de adenosina (desoxicoformicina) increméntase o NMOR. Observouse o mesmo efecto co precursor da adenosina, a S-adenosil homocisteína.
Aínda non está identificado o papel xogado pola adenosina na vixilia, pois os receptores de adenosina A1 tras a privación de NMOR están elevados, porén os niveis de adenosina ás 48 horas de abstinencia non están altos.
Existen tres clases de receptores de adenosina, denominados A1, A2 e A3.
Como fármaco a adenosina utilízase para reverter a taquicardia supraventricular paroxística ao bloquear o nódulo auriculoventricular.[4] Administrada por vía endovenosa deprime a actividade do nodo sinusal e utilízase para a conversión rápida a ritmo sinusal das arritmias supraventriculares de reentrada.[5] A adenosina actúa como un neuroprotector ao inhibir a transmisión excitatoria de receptores A1. Este nucleósido púrico endóxeno cando estimula os seus receptores A1 cardíacos[6] activa unha corrente de saída de K+ sensible a acetilcolina na aurícula, nodo sinusal, e nódulo auriculoventricular, o que dá como resultado o acurtamento da duración do potencial de acción, hiperpolarización e fai lenta a automaticidade normal.
Tamén inhibe os efectos electrofisiolóxicos do aumento de adenosín monofosfato cíclico (AMPc) intracelular, que ocorre coa activación simpática. Para iso inhibe a entrada de Ca2+ estimulada polo AMPc, o que tamén deprime a frecuencia das células do nodo sinoauricular e a velocidade de condución a través do nodo auriculoventricular,[7] á vez que prolonga o período refractario deste.
Administrada por vía IV produce unha rápida elevación da presión arterial seguida de hipotensión e taquicardia.
A adenosina produce unha resposta farmacolóxica de curta duración porque é rapidamente metabolizada por degradación encimática no sangue e en tecidos periféricos (pola combinación de accións dunha adenosín desaminase e unha quinase fosforilante). Por este motivo, adminístrase por vía IV por vía intravenosa de forma rápida, preferentemente por medio dun cateterismo cardíaco, baixo monitorización médica en ambiente hospitalario.[8]
É unha molécula igual á adenosina formada tamén por adenina pero con 2-desoxirribosa en lugar de ribosa, polo que é un desoxirribonucleósido. Cando se lle une un fosfato en posición 5' forma o nucleótido dAMP, que forma parte do ADN.
Un derivado da desoxiadenosina é a 3-desoxiadenosina (con 3-desoxirribosa), tamén chamada cordicepina (Cordycepin), que interfire na síntese do ARN e ten propiedades antitumorais[9], e que carece do OH do carbono 3' en lugar do do 2'.