Antonio Puerta
Información persoal
Nome Antonio José Puerta Pérez
Nacemento 26 de novembro de 1984
Lugar de nacemento Sevilla
Falecemento 28 de agosto de 2007
Lugar de falecemento Sevilla
Altura 183 centímetros
Posición Defensa
Carreira xuvenil
AD Nervión
1993–2002 Sevilla
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2002–2005 Sevilla B 40 (4)
2004–2007 Sevilla 55 (5)
Total 95 (9)
Selección nacional
2004–2005 España sub-21 5 (0)
2005 España sub-23 5 (2)
2006 España 1 (0)
Na rede
UEFA: 95587 Find a Grave: 21216833 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Antonio José Puerta Pérez, nado o 26 de novembro de 1984 en Sevilla e finado o 28 de agosto de 2007 na mesma cidade, foi un xogador de fútbol español. Xogaba de defensa e o seu primeiro e único equipo foi o Sevilla FC. Foi internacional coa selección española.

Traxectoria deportiva

Formado nas categorías inferiores do Sevilla FC, coincidiu na canteira sevilllista con futbolistas como Sergio Ramos, Jesús Navas ou Kepa Blanco. Debutou na primeira división española o 24 de marzo de 2004, nun encontro entre o Sevilla FC e o Málaga CF. Con todo, non se afianzou no primeiro equipo sevillista ata a tempada 2005/06. Ese ano converteu un gol na prórroga das semifinais da Copa da UEFA contra o Schalke 04, que meteu o seu equipo na primeira final desta competición e que acabaría gañando ao imporse ao Middlesbrough FC por 4-0. Convocado como suplente, disputou os últimos catro minutos da final.

Á seguinte tempada conquistou co Sevilla a Supercopa de Europa, a Copa do Rei e novamente a Copa da UEFA. Puerta xogou nas tres finais e, na UEFA marcou o último lanzamento da quenda de penaltis, que lle deu o título ao seu equipo. Puerta chegou a ser internacional absoluto coa selección española nunha ocasión, o 7 de outubro de 2006 nun partido contra Suecia, clasificatorio para a Eurocopa de 2008. Antes de debutar coa selección absoluta, Puerta era asiduo nas convocatorias das categorías inferiores da selección de España.

En agosto de 2007 conseguiu o seu último título co Sevilla FC, ao obter a Supercopa vencendo ao Real Madrid nun dobre partido. Só unha semana despois, o 25 de agosto de 2007, no transcurso do partido entre Sevilla e o Xetafe, na primeira xornada de liga española, Puerta sufriu un desmaio como consecuencia dunha parada cardiorrespiratoria. Aos tres días, o 28 de agosto, falecía no Hospital Virgen del Rocío de Sevilla. A súa capela ardente instalouse no estadio do club, o Sánchez Pizjuán. Con carácter póstumo o Goberno de España concedeulle a Medalla ao Mérito Deportivo.

Palmarés

Campionatos nacionais

Título Club País Ano
Copa do Rei de fútbol Sevilla Fútbol Club España 2007
Supercopa de España de Fútbol Sevilla Fútbol Club España 2007

Copas internacionais

Título Club País Ano
Xogos Mediterráneos Selección sub-21 de España España 2005
Copa da UEFA Sevilla Fútbol Club España 2006
Supercopa de Europa Sevilla Fútbol Club España 2006
Copa da UEFA Sevilla Fútbol Club España 2007

Trofeo Antonio Puerta

Artigo principal: Trofeo Antonio Puerta.

En agosto de 2008, o Sevilla FC creou o Trofeo Antonio Puerta, obra do escultor Roberto Echevarría e o ourive Juan Borrero Campos. É unha peza no medio relevo e en prata de lei que representa o equipamento nervionense coa anatomía de Antonio Puerta e o seu dorsal ás costas. As cores utilizadas son o vermello veludo para o fondo e a prata simbolizando o branco da camiseta sevillista. Este trofeo dispútase antes do comezo da tempada, a finais de agosto, e substitúe ao tradicional partido de presentación que disputaba o Sevilla FC no seu estadio antes de comezar a tempada.

O 23 de agosto de 2008 disputouse o seu I edición no Estadio Ramón Sánchez Pizjuán, onde se enfrontaron o Sevilla FC e o Málaga CF, os equipos que disputaron o partido no que debutara Antonio Puerta en Primeira división. Antes do comezo do partido realizáronse unha serie de actos nos que se lle entregou a Aitor Puerta, fillo do xogador, o seu carné de socio e unha camiseta do Sevilla co seu nome. Tamén se proxectaron no videomarcador imaxes do xogador e xusto antes do partido gardouse un minuto de silencio.

Véxase tamén

Ligazóns externas