Barbara Hutton | |
---|---|
Nacemento | 14 de novembro de 1912 |
Lugar de nacemento | Nova York |
Falecemento | 11 de maio de 1979 |
Lugar de falecemento | Beverly Hills |
Causa | infarto agudo de miocardio |
Soterrada | Cemiterio de Woodlawn |
Nacionalidade | Estados Unidos de América |
Alma máter | Miss Porter's School |
Ocupación | socialité |
Pai | Franklin Laws Hutton |
Nai | Edna Woolworth |
Cónxuxe | Prince Alexis Mdivani, Kurt von Haugwitz-Reventlow, Cary Grant, Igor Troubetzkoy, Porfirio Rubirosa, Gottfried von Cramm e Pierre Raymond Doan Vinh na Champasakti |
Fillos | Lance Reventlow |
Coñecida por | Winfield House |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Barbara Woolworth Hutton, nada en Nova York o 14 de novembro de 1912 e finada en Beverly Hills o 11 de maio de 1979 foi unha celebridade, debutante, herdeira e filántropa estadounidense. Foi chamada "pobre nena rica" ("Poor Little Rich Girl") primeiro cando lle deron un luxoso e caro baile de presentación en sociedade en 1930, no medio da Gran Depresión, e despois debido a súa problemática vida privada.
Herdeira dun terzo das propiedades do magnate Frank Winfield Woolworth, Barbara Hutton foi unha das mulleres máis ricas do mundo. A súa infancia quedou marcada polo suicidio da súa nai cando ela tiña catro anos e o abandono do seu pai, que a levou a unha vida con dificultades para establecer relacións. Casada e divorciada en sete ocasións, recibiu grandes títulos estranxeiros, mais foi tratada maliciosamente, e en ocasións explotada, por varios dos seus maridos. Mentres en público era envexada polas súas posesións, a súa beleza e a súa aparente vida de lecer, en privado era profundamnete insecura, e ás veces buscaba refuxio no alcohol, as drogas e os homes.
Hutton tivo un fillo, Lance Reventlow, co seu segundo marido, mais era unha nai inconsistente e insegura e o posterior divorcio acabou nunha amarga batalla pola custodia. Máis adiante sufriu de anorexia nerviosa e quizais evitou novos embarazos. O seu fillo faleceu nun accidente de avión en 1972 con 36 anos, deixándoa devastada.
Nada en Nova York, Barbara Hutton foi a única filla de Edna Woolworth (1883–1917), filla de Frank W. Woolworth, fundador da compañía de tendas de mercadorías baratas Woolworth. O pai de Barbara era Franklyn Laws Hutton (1877–1940), rico cofundador da E. F. Hutton & Company (propiedade do irmán de Franklyn Edward Francis Hutton), respectado investidor bancario e corretor de bolsa neoiorquino. Era sobriña por matrimonio da herdeira dos cereais Marjorie Merriweather Post, que estivo casada durante un tempo (1920–1935) con E.F. Hutton; así, a súa filla, a actriz e herdeira Dina Merrill (nada como Nedenia Hutton), era curmá de Barbara Hutton. Dina Merrill contou en Biography of the Woolworths que por un tempo Barbara viviu con eles despois da morte do seu nai e o abandono do seu pai.[1]
Edna Hutton faleceu o 2 de maio de 1917 con 33 anos por asfixia debida á mastoidite,[2] mais persiste o rumor de que cometeu suicidio por envelenamento desesperada polos amoríos do seu marido,[3] especialmente despois de que o forense decidise que non era necesaria unha autopsia.[4] Barbara, de catro anos, descubriu o corpo da súa nai.[5] Despois da morte da súa nai, viviu con varios dos seus parentes, e foi criada por unha institutriz. Hutton asistiu á Miss Hewitt's Classes, actualmente The Hewitt School de Lenox Hill en Nova York e á escola de Miss Porter para nenas de Farmington, Connecticut. Volveuse unha nena introvertida que apenas interactuaba con outros nenos da súa idade. O seu amigo máis íntimo e único confidente era o seu curmán Jimmy Donahue, fillo da irmá da súa nai.[6] Jimmy Donahue herdou unha parte das propiedades Woolworth estate con Barbara e tamén tivo coñecidos e públicos problemas coas drogas, o alcohol e as relacións.
En 1924, a avoa de Hutton, Jennie (Creighton) Woolworth faleceu e legoulle 26,1 millóns de dólares. Outros 2,1 millóns en accións da herdanza de Edna colocáronse nun trust separado; ambos os dous trusts estaban administrado por Franklyn Hutton. Cando cumpriu vinte e un anos en 1933, o seu pai incrementara a súa herdanza a 42 millóns, sen incluír 8 millóns adicionais da súa nai, converténdoa na muller máis rica do mundo.[7]
De acordo coas tradicións da clase alta de Nova York, Barbara Hutton tivo un luxoso baile de presentación en sociedade en 1930 polo seu 18 aniversario, en que os invitados das familias Astor e Rockefeller, entre outras, foron divertidos por estrelas como Rudy Vallee e Maurice Chevalier. O baile custou 60 000 dólares, unha auténtica fortuna nos tempos da depresión. A crítica do público foi tan dura que ela marchou a unha viaxe por Europa para fuxir dos ataques da prensa.[8]
Hutton viviu na casa familiar do 4 East 80th Street[9] no Upper East Side.
Ao longo dos anos, ademais dunha importante herdanza que incluía pinturas dos vellos mestres e importantes esculturas,[10] tamén adquiriu persoalmente unha gran colección que incluía artes variadas, porcelana,[10] xoias de gran valor, incluídas pezas históricas que pertenceron a María Antonieta e á emperatriz Uxía de Francia, e importantes pezas de Fabergé e Cartier.[11][12][13] Entre as pezas de xoiaría estaba o diamante Pasha de 40 quilates, que ela adquiriu nun infrecuente corte octogonal mais logo mandar recorter nun brillante redondeado, baixándoo a 36 quilates.[14]
A morte do seu único fillo Lance Reventlow nun accidente aéreo en 1972 levou a Hutton a un estado de desesperación. Nesa época a súa fortuna diminuíra debido á súa extrema xenerosidade, incluída a doazón da Winfield House ao goberno dos Estados Unidos como residencia para o embaixador británico.[15] Os tratos co seu avogado, Graham Mattison, tamén consumiron a súa fortuna. Finalmente, comezou a liquidar os seus valores para obter fondos para vivir, aínda que continuou a gastar cartos en descoñecidos para conseguir algo de atención. Pasou os últimos anos nos Ánxeles, vivindo no Beverly Wilshire Hotel, onde faleceu dun ataque ao corazón en maio de 1979 aos 66 anos. Un biógrafo escribiu que cando faleceu só quedaban 3500 dólares da súa fortuna, mais algúns que realmente a coñecía afirmaron que non era certo. Foi enterrada no mausoleo da familia Woolworth no cemiterio Woodlawn no Bronx.
Hutton aparecía frecuentemente bébeda en público e foi coñecida durante a súa vida polos seus gastos en luxo.[16] Era coñecida por facer agasallos a completos descoñecidos.[17][18]
Barbara Hutton casou en sete ocasións:
Hutton viviu con Frederick McEvoy, comprando un chalé nun centro de esquí en Franconia (New Hampshire), despois do seu matrimonio co actor Cary Grant. A parella nunca casou e mantivo a súa amizade ata a morte de McEvoy's en 1951.[19][20]
Mrs. Franklyn Laws Hutton, who was Edna Woolworth, daughter of F. W. Woolworth, was found dead in her apartment at the hotel Plaza on May 2, 1917. ...
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Barbara Hutton |