Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de xuño de 1890 Minneapolis, Estados Unidos de América |
Morte | 18 de outubro de 1975 (85 anos) Concord, Nova Hampshire, Estados Unidos de América |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Educación | Art Students League of New York (pt) School of the Museum of Fine Arts, Boston (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Escultura |
Ocupación | escultora , artista |
Membro de | |
Alumnos | Elfriede Abbe, Laura Gilpin (pt) , Lilian Swann Saarinen (en) , Marion Sanford (pt) e Katherine Ward Lane Weems (pt) |
Participou en | |
1932 | Xogos Olímpicos de 1932 |
Familia | |
Pai | Herbert Putnam (pt) |
Brenda Putnam, nada en Minneapolis, Minnesota, o 3 de xuño de 1890, e finada en Concord, Nova Hampshire, o 18 de outubro de 1975, foi unha escultora, medallista e deseñadora de moeda estadounidense.
Brenda Putnam era filla de Charlotte Elizabeth Munroe e do bibliotecario do Congreso dos Estados Unidos, Herbert Putnam, e neta do editor George Palmer Putnam.[1]
Asistiu á National Cathedral School de Washington, onde adquiriu as súas primeiras aprendizaxes sobre a escultura.[2] Igualmente, formouse como pianista clásica e realizou algunhas xiras coa violinista Edith Rubel e a violoncellista Marie Roemaet, formando parte do Edith Rubel Trio.[3][4]
Estudou na Escola do Museo de Belas Artes de Boston entre 1905 e 1907, con Mary E. Moore, William McGregor Paxton e Bela Pratt; e despois, durante tres anos, na Liga de Estudantes de Arte de Nova York, con James Earle Fraser. Tamén se formou na Escola de Arte do Museo Corcoran, de Washington.[5]
Nos inicios da súa carreira, Putnam destacou polos seus bustos de cativos e polas súas figuras de xardín e de fonte.[5] En 1915 expuxo na Academia Nacional de Deseño unha obra abertamente sensual, Charmides [Dialogue], consistente nunha muller e un home espidos durmindo xuntos, que foi descrita como "ao estilo de Rodin".[6] Para conmemorar a tumba da súa amiga íntima, a pianista Anne Simon, creou unha obra profunda: o Simon Memorial (1917), un anxo masculino espido que se ergue extasiado das nubes.[7]
“ | O cemiterio de Rock Creek, en Washington, é un lugar de gran beleza onde se ergueron numerosos monumentos conmemorativos. Nos últimos anos converteuse noutro lugar de peregrinación: o monumento á señora de Otto Torney Simon. O triunfo do seu paso da "vida á vida" [...] está simbolizado no Simon Memorial, obra de Brenda Putnam. Ata hai pouco, nunca oíra falar desta figura alada interpretada por alguén que coñece todo o significado da estatua. Este anxo coas mans abertas e a mirada cara á arriba simboliza a liberación das nosas facultades e habelencias, a liberdade da alma liberada polo bondadoso don da morte.[8] | ” |
Modelou unha serie de bustos de músicos, entre eles o do director da Metropolitan Opera, Artur Bodanzky,[10] o do pianista ruso Ossip Gabrilowitsch,[11] o do pianista británico Harold Bauer,[12] e o da clavecinista polaca Wanda Landowska. O seu busto do violoncellista catalán Pau Casals foi moi eloxiado:[13]
“ | Cando toca, sempre pecha os ollos, inclina un pouco a cabeza cara a un lado e parece perderse na maxia da súa música. É esta postura característica, cos ollos pechos, a que Brenda Putnam captou á perfección. Este busto-retrato, do que se pode dicir sinceramente que está magnificamente realizado, áchase no Museo da Sociedade Hispánica, de Nova York, e unha réplica está en España. | ” |
O seu Sea Horse Sundial (1922)[14] —un querubín alado que cabalga alegremente sobre un cabalo de mar, en tanto que o pau do xoguete proxecta a súa sombra sobre o reloxo de sol— foi moi eloxiado e recibiu premios da Academia Nacional de Deseño, da Academia de Belas Artes de Pensilvania e doutras institucións. Tamén acadou éxito co seu retrato en baixorrelevo de tamaño natural de William Dean Howells (1926), para a Academia das Artes e das Ciencias.
Cara a 1920, a escultora Anna Hyatt e Putnam alugaron un apartamento e un estudio no número 49 oeste da rúa 12, en Manhattan.[15] Hyatt casou co millonario Archer Milton Huntington en 1923 —o casamento celebrouse no estudio— e o matrimonio converteuse en gran mecenas das artea. En 1931 fundaron Brookgreen Gardens, un vasto xardín de esculturas en Murrells Inlet, Carolina do Sur.[16]
Putnam sentiuse insatisfeita coa escultura académica convencional. O seu desexo de perseguir "unha estética máis moderna" levouna a Italia en 1927, onde estudou con Libero Andreotti, e máis tarde a Nova York, con Alexander Archipenko.[5]
Colaborou co arquitecto Paul Philippe Cret na fonte estilo Art déco do personaxe Puck (1930-1932), para o xardín oeste da biblioteca Folger Shakespeare de Washington.[17] Debaixo da súa figura de Puck está inscrito o famoso verso do elfo de Soño dunha noite de San Xoán: "Que parvos son estes mortais". A escultura de mármore, danada pola chuvia ácida e o vandalismo, foi retirada en 2001, restaurada e colocada no interior da biblioteca, e utilizouse para fundir unha réplica de aluminio que se colocou sobre a fonte en 2002.[18]
Putnam expuxo tres obras con motivo dos Xogos Olímpicos de verán de 1932 nos Ánxeles, California.[19][20] Tamén realizou murais en baixorrelevo para dúas oficinas de correos dos Estados Unidos no marco da Works Progress Administration.[21] A súa figura para fonte titulada Crest of the Wave (1939), un espido masculino de gran tamaño nadando sobre unha onda estilizada, debutou na Feira Mundial de Nova York de 1939.
Putnam lesionouse gravemente nun brazo por mor dun accidente laboral durante a II guerra mundial,[16] polo que a partir de entón deixou de crear obras de gran tamaño e centrouse en bustos e pezas máis pequenas.[22]
En 1942, participou na 26ª emisión de medallas da Sociedade de Medallistas. Recibiu a encarga de crear a Medalla de Oro do Congreso ao Almirante Ernest Joseph King (1945-1946), concedida por unha lei especial do Congreso, o 22 de marzo de 1946, polo distinguido liderado do Almirante King das Forzas Navais de EE.UU. na segunda guerra mundial.[23] Creou tamén tres bustos retrato en baixorrelevo (1949-1950) para a Cámara de Representantes do Capitolio dos Estados Unidos. A súa derradeira última escultura foi o busto de Susan B. Anthony (1952) para o Salón da Fama dos Grandes Estadounidenses.[17][24]
Putnam fixera a transición estilística desde o académico á Art déco, pero non era partidaria do Modernismo de posguerra. En 1952, o Metropolitan Museum of Art anunciou a súa intención de ampliar os seus fondos de escultura contemporánea e, en representación da conservadora National Sculpture Society, á que ela pertencía, Putnam avogou vehementemente por que o museo adquirise obras realistas.[25]
Putnam dedicouse durante 30 anos ao ensino en diversas institucións e a título privado,[5] experiencia que plasmou no seu libro The Sculptor's Way: A Guide to Modeling and Sculpture, publicado por primeira vez en 1939,[26] que segue a ser considerado un clásico na materia e que se reimprimiu en 2003.[27] Tamén foi autora de Animal X-Rays: A Skeleton Key to Comparative Anatomy, publicado en 1947.[28]
Entre as súas alumnas cómpre salientar a Elfriede Abbe,[29] Laura Gilpin,[30] Ethel Painter Hood [31] ou Beatrice Gilman Proske.[16]
Putnam nunca casou e mantivo unha longa amizade con varios dos seus alumnos. Retirouse a Wilton, Connecticut, a principios da década de 1950. En 1971 trasladouse a Concord, Nova Hampshire, onde morreu o 18 de outubro de 1975, aos 85 anos.[5][32]
Hai obras súas nas coleccións do Metropolitan Museum of Art, na National Gallery of Art, no American Art Museum do Instituto Smithsoniano e noutros moitos museos. En Brookgreen Gardens consérvanse tamén varias das súas obras.[33]
Os documentos de Brenda Putnam consérvanse na Universidade de Syracuse e o Instituto Smithsoniano conta cunha colección de fotografías das súas obras.[34]
Putnam expuxo na Exposición Internacional de Arte e Historia de Roma de 1911.[35] A partir dese mesmo ano foi habitual a súa participación nas exposicións da Academia Nacional de Deseño, onde o seu Sea Horse Sundial gañou o Premio Barnett en 1922, e Mid-Summer acadou a Medalla de Ouro Waltrous en 1935.[5] Tamén expuxo na National Sculpture Society en 1916,[36] 1923,[37] 1929 [38] e 1940.[39] Water-Lily Baby recibiu unha mención honorífica na exposición anual do Instituto de Arte de Chicago de 1917.[40] Expuxo regularmente na Academia de Belas Artes de Pensilvania entre 1910 e 1944, e gañou a Medalla de Ouro Widener de 1923 por Sea Horse Sundial.[41] En 1923 gañou tamén o premio de escultura da Asociación Nacional de Mulleres Pintoras e Escultoras.[13] Fountain for a Formal Garden obtivo en 1924 o Premio Avery da Liga Arquitectónica de Nova York.[42]
Putnam foi elixida membro asociado da Academia Nacional dos EEUU en 1934 e académica en 1936.[5] Así mesmo, foi elixida membro da Asociación Nacional de Mulleres Pintoras e Escultoras, entidade para a que deseñou unha medalla Art déco de sete lados en 1941, cando cambiaron o seu nome polo de Asociación Nacional de Mulleres Artistas. En 1919 foi elixida membro da Sociedade Nacional de Escultura, da que foi secretaria entre 1933 e 1936.[13]