Briozoos
Rango fósil: cámbrico superior - actualidade [1]

Bryozoa
Debuxos de Ernst Haeckel en Kunstformen der Natur, 1904
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Lophotrochozoa [2]
Filo: Bryozoa
Ehrenberg, 1831 [3]
Clases
  • Stenolaemata
  • Gymnolaemata
  • Phylactolaemata
Sinonimia
  • Ectoprocta (Nitsche, 1869)
    (Antigamente subfilo de Bryzoa)[4]

Os briozoos (Bryozoa, do grego βρύον brýon, "musgo", e ζωον zōon, "animal"), o que xustifica o nome que lle dan algúns[quen?] de animais musgo,[Cómpre referencia] tamén chamados polizoos (Polyzoa) e ectoproctos (Ectoprocta, do grego εκτός ektós, "fóra", "afora", e πρωκτόσ prōktós, "ano").[5] son un filo de pequenos animalis coloniais, que presentan un lofóforo, coroa de tentáculos ciliados que serven para captar alimento, nos que o ano se abre fóra de diita coroa tentacular.

Describíronse unhas 5.700 especies [6] maioritariamente mariñas; só unhas 50 viven en auga doce.

Durante anos clasificáronse xunto aos entoproctos, nos que o ano se abre dentro da coroa tentacular, pero hoxe dubídase de que ambos os grupos estean realmente relacionados.[5]

Son animais triblásticos, deuteróstomos e esquizocelomados, con tentáculos lofoforais retráctiles nunha vaíña tentacular. Carecen de nefridios e de aparato circulatorio.

Estes animais posúen algúns caracteres que os achegan aos protóstomos, porén outras características como a orixe do mesoderma ou a natureza do celoma aproxímanos máis aos deuteróstomos.

Características

O Phylum Briozoa está composto por unhas 4.500 especies vivas e máis de 4.000 especies fósiles atopadas.

As súas principais características son:

  1. Caracterízanse por teren un lofóforo empregado na captura de alimento e na respiración.
  2. A cavidade celómica presenta un celoma dividido en tres partes, estando esta separada por un septo nun mesocele e un metacele.
  3. O tubo dixestivo ten forma de U, cunha boca e ano próximos ao lofóforo.
  4. Son coloniais, formando masas incrustantes xelatinosas ou duras ou ben arborescentes.
  5. Epístoma e protocele ausentes na maioría das especies.
  6. Cutícula externa, denominada zoecio, xeralmente de carbonato de calcio ou quitina.
  7. Carecen de nefridios e de aparato circulatorio.
  8. Habitualmente son case exclusivamente coloniais, tendo unha elevada capacidade de reprodución asexual .
  9. A maioría son exclusivamente mariños, e só algunhas especies son de augas doces.

Anatomía

A suma dos individuos completos constitúen unha colonia. Un zooide ou zoecio está formado por dous tipos de individuos: unha teca protectora que recibe o nome de cistidio e o encargado da alimentación ou polípido. Trátase, por tanto, de dúas partes dun mesmo animal. O conxunto dos zooides que forman a colonia leva o nome de zoario.

Reprodución

O briozoos son dioicos (incluso os membros dunha mesma colonia poden ter sexos diferentes) ou hermafroditas. Teñen os ovarios situados de varias maneiras: unidos ao funículo (prolongación da parede do corpo que ten fibras musculares e atópase suxeitando o cego gástrico) ou unidos á parede do corpo ou ao tubo dixestivo. Os óvulos e espermatozoides forman embrións que ás veces se incuban dentro do celoma e se liberan ao dexenerar o pólipo adulto. Poucos individuos poñen os seus ovos directamente no mar.

Notas

  1. Landing, E.; English, A.; Keppie, J. D. (2010). "Cambrian origin of all skeletalized metazoan phyla--Discovery of Earth's oldest bryozoans (Upper Cambrian, southern Mexico)". Geology 38 (6): 547. doi:10.1130/G30870.1. 
  2. Halanych, K. M.; Bacheller, J. D. ; Aguinaldo, A. M.; Liva, S. M.; Hillis, D. M. e Lake, J. A. (1995): "Evidence from 18S ribosomal DNA that the lophophorates are protostome animals". Science 267 (5204): 1641–3. Bibcode 1995Sci...267.1641H. doi:10.1126/science.7886451. PMID 7886451.
  3. Ernst, A. (2007). "A cystoporate bryozoan species from the Zechstein (Late Permian)". Paläontologische Zeitschrift 81 (2): 113–117. 
  4. Fuchs, J., Obst, M. e Sundberg, P. (2009): "The first comprehensive molecular phylogeny of Bryozoa (Ectoprocta) based on combined analyses of nuclear and mitochondrial genes". Molecular Phylogenetics and Evolution 52 (1): 225–233. doi:10.1016/j.ympev.2009.01.021. PMID 19475710.
  5. 5,0 5,1 Brusca & Brusca (2005).
  6. Chapman, A. D. (2009): . Numbers of Living Species in Australia and the World, 2nd edition. Australian Biodiversity Information Services ISBN (online) 9780642568618].

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas