A ceca de Santiago de Compostela bateu moeda entre os reinados de Afonso VI e Henrique II nun período que abrangue desde 1078 ou 1079 ó 1379.
Foi o bispo de Santiago de Compostela, Diego Páez quen en 1078 lle solicitou ó rei o privilexio de cuñar moeda para facer fronte ós gastos ocasionados polas obras na catedral. No ano 1085 foille retirado o privilexio de cuñaxe á igrexa compostelá logo da detención do propio bispo, non obstante a ceca seguiu a bater moeda pero administrada pola coroa.
Con Xelmírez á cabeza do episcopado compostelán reactívanse as obras catedralicias e solicítase o privilexio de cuñar moeda, o que consegue no ano 1107 para el e os seus sucesores e en 1109 consegue o dereito para a cuñaxe de moedas de prata, aínda que o certo é que non se conserva ningunha moeda en prata labrada na ceca compostelá.