A competencia dixital é a capacidade de poñer en práctica -en diversos contextos e situacións- coñecementos, habilidades e actitudes á hora de acceder á información, construír con ela coñecementos propios, expresala e difundila producindo documentos persoais e empregala eticamente, utilizando para iso medios dixitais.
Adquirir e posuír esta competencia implica ser unha persoa que sabe acceder e traballar coa información que achegan os medios dixitais de xeito autónomo, eficaz e responsable, reflexionando criticamente sobre a mesma, traballando de igual modo no que se refire ó tratamento das propias ferramentas tecnolóxicas.[1][2]
En 1997, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) iniciou o denominado Proxecto de Definición e Selección de Competencias (DeSeCo)[3], co obxectivo de analizar as competencias que se consideraban necesarias para os cidadáns do mundo moderno, é dicir, os pre-requisitos psicosociais para un bo funcionamento da sociedade. A ampla participación de expertos académicos e institucións permitiu a identificación dun grupo pequeno de competencias clave clasificadas en tres amplas categorías: usar ferramentas de xeito interactivo, interactuar en grupos heteroxéneos e actuar de forma autónoma. Co informe final deste proxecto, publicado en 2003, creouse un marco relevante para as políticas e a articulación das necesidades e prioridades da educación nacional.[4]
No ano 2005 a Comisión Europea, presenta unha serie de recomendacións sobre a aprendizaxe permanente, propoñendo oito competencias clave entre as que inclúe a competencia dixital, definida como o "uso seguro e crítico das Tecnoloxías da Sociedade da Información (TSI) para o traballo, o ocio e a comunicación. Susténtase nas competencias básicas en materia de TIC: o uso de ordenadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, e comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet".[5]
Anteriormente, en decembro de 2003, o Parlamento Europeo e o Consello adoptaron, definitivamente, un programa plurianual (2004–2006) para a integración efectiva das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nos sistemas de educación e formación en Europa. A esta iniciativa chamóuselle Programa eLearning e o seu orzamento andou polos 44 millóns de euros.[6] Os obxectivos deste programa, recollidos no Programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente (2007-2013), son, entre outros, os seguintes:
-Facilitar os intercambios, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas educativos e de formación europeos para que se convertan nunha referencia de calidade mundial.
- A creación de contidos, servizos, métodos pedagóxicos e prácticas innovadoras baseadas nas TIC.
A necesidade de delimitar, definir e explicitar as competencias necesarias para os cidadáns, entre elas a competencia dixital, pode enmarcarse nun contexto europeo. Dito contexto busca garantir o desenvolvemento e o crecemento futuro destas competencias. Para iso, contempla a inclusión das TIC en tódolos ámbitos.
Previamente, nun contexto máis internacional, coincidiron en sinalar a Sociedade da Información como un dos piares básicos do desenvolvemento dos países do mundo e insistíase en declarar a educación como a ferramenta fundamental para desenvolver esta tarefa. A declaración de principios "Construír a Sociedade da Información: un desafío global para o novo milenio" do Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información celebrado en Xenebra en 2003, sinalaba:
" A educación, o coñecemento, a información e a comunicación son esenciais para o progreso, a iniciativa e o benestar dos seres humanos. É máis, as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) teñen inmensas repercusións en practicamente todos os aspectos das nosas vidas. O rápido progreso destas tecnoloxías brinda oportunidades sen precedentes para acadar niveis máis elevados de desenvolvemento. A capacidade das TIC para reducir moitos obstáculos tradicionais, especialmente en tempo e distancia posibilitan, por primeira vez na historia, o uso do potencial destas tecnoloxías en beneficio de millóns de persoas en todo o mundo" (CMSI, 2003, apartado 8)[7].
En España, o Tratamento da Información e Competencia Dixital pasa a formar parte do currículo prescritivo no ano 2006, coa Lei Orgánica de Educación (LOE), definida como "Dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información e para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información até a súa transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización de tecnoloxías da información e a comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse. O tratamento da información e a competencia dixital implican ser unha persoa autónoma, eficaz, responsable, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e utilizar a información dispoñible, contrastándoa cando é necesario, e respectar as normas de conduta acordadas socialmente para regular o uso da información e as súas fontes nos distintos soportes"[8]. Esta Lei indica, así mesmo, a necesidade de crear en cada centro un plan de introdución ás tecnoloxías da información e comunicación, influíndo no desenvolvemento da competencia dixital.
A incorporación das competencias ós currículos galegos pódense atopar no Decreto 130/2007, de 28 de xuño, polo que se establece o currículo da Educación Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia[9] e o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia[10][11].
O desenvolvemento de prácticas estratéxicas, de competencias transversais, é hoxe máis que nunca necesario para o avance das políticas educativas e para unha vida activa como cidadán (Bolívar, 2008), xa que posibilita o dominio de ferramentas para a aprendizaxe e a formación, o dominio de capacidades que permitan unha boa relación social, así como a xestión da totalidade da actuación (liderado, creatividade, xestión de proxectos). A Unión Europea formulou oito competencias clave (EurydiceArquivado 16 de abril de 2016 en Wayback Machine.[12], 2002), baseadas na idea de aprender, e sinalou o dominio da capacidade de lectura, escritura, cálculo e dominio das TIC como elementos esenciais para a aprendizaxe.
O proxecto DeSeCo (Definition and Selection of Competencies) categoriza as competencias clave dende unha tripla vertente: competencias que permiten dominar os instrumentos socioculturais necesarios para interactuar co coñecemento, tales como; linguaxe, símbolos e números, información e coñecemento previo, así como instrumentos físicos como os ordenadores; competencias que permiten actuar en grupos heteroxéneos e autonomamente (comprender o contexto, relacionarse con outros, cooperar, traballar en equipo).[13][14]
A escola 2.0 ten como obxectivo introducir as TIC no sistema educativo e que todos os alumnos conten cunha computadora para realizar un uso personalizado. Trataríase de crear así aulas dixitais do século XXI, baseadas nos servizos da Web 2.0. A posta en funcionamento deste tipo de aulas levouse a cabo en dúas fases: a primeira nos cursos de 5º e 6º de primaria (curso 2009-2010) e a segunda nos cursos 1º e 2º da E.S.O (curso 2010-2011). "Distintos gobernos das comunidades autónomas (Asturias, Andalucía, Castela -León, Aragón, Canarias, Castela-A Mancha, Cataluña,...) asinaron convenios de participación no programa Escuela 2.0 de tal maneira que o Ministerio proporcionaría o 50% e o goberno rexional e o outro 50% dos custos." (Muñoz, 2011)[15]
Axentes da escola 2.0:
A escola 2.0 pretende dotar as aulas cunhas boas infraestruturas, fomentar o uso de Internet nas aulas, traballar cos recursos didácticos dixitais, formar o profesorado e introducirse no mundo das redes sociais. Os familiares directos dos alumnos posúen un importante papel xa que deben estar vinculados a esta nova forma de aula e familiarizados coas TIC.[16]
Na actualidade xa se acuñou o termo escola 3.0, partindo do concepto da Web 3.0, que é aquela que posibilita a interacción entre persoas e cuxo espazo máis destacado son as redes sociais [17]. Neste novo contexto os estudantes deben desenvolver a competencia investigadora autónoma e a participación conxunta na elaboración de contidos, actuando os docentes coma facilitadores das estratexias de aprendizaxe que aplicarán os estudantes[18].
Neste contexto, apareceron as novas formas de alfabetización na sociedade chamadas tamén “alfabetización múltiple” ou “multialfabetizacións”. Falamos así de alfabetizacións musicais, dixitais, informacionais, etc; xa que as canles e formas de comunicación que nos atopamos hoxe en día son diversas, o que implica formar os individuos e as comunidades na interpretación destas formas de comunicación, así como a utilización de tecnoloxías e linguaxes específicas.
A alfabetización na cultura dixital implica aprender a manexar os aparatos, o software, e o desenvolvemento de competencias ou habilidades cognitivas relacionadas coa obtención, comprensión e elaboración de información e coa comunicación e interacción sociais a través das tecnoloxías[19].
Erstad[20] expón a existencia de catro ámbitos clave dunha nova alfabetización:
Gilster[21] foi un dos primeiros autores en definir o concepto de alfabetización dixital xunto con Bawden[22], quen lle relaciona unha serie de habilidades, competencias e actitudes:
Unha persoa alfabetizada nos medios tecnolóxicos e multimedia ten as habilidades de descodificar, avaliar, analizar e producir medios impresos e tecnolóxicos debido á súa capacidade de entender, producir e negociar a significación da información.
Lara Trilla[23] destacou diferentes criterios nos que debe estar baseada a alfabetización dixital:
Dentro das sete competencias básicas[24] que recolle a Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a Mellora da Calidade Educativa, LOMCE[25], atopámonos coa competencia dixitalArquivado 19 de abril de 2016 en Wayback Machine.[26]. Defínea como a utilización segura e crítica das tecnoloxías da sociedade da información para o traballo, o lecer e a comunicación valéndose das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet.[27] Para isto a competencia dixital precisa de coñecementos, capacidades e actitudes esenciais relacionados coa mesma: coñecer as principais aplicacións informáticas[28]; coñecer as posibilidades que as tecnoloxías da sociedade da información ofrecen como ferramenta favorecedora da innovación e creatividade; o coñecemento das cuestións relacionadas coa validez e fiabilidade da información dispoñible e dos principios legais e éticos polos que se debe rexer a utilización interactiva das TIC. A competencia dixital forma parte pois da alfabetización na cultura dixital, a cal supón aprender a manexar os aparatos, o software vinculado cos mesmos, o desenvolvemento de competencias ou habilidades cognitivas relacionadas coa obtención, comprensión e elaboración da información e coa comunicación e interacción social a través das tecnoloxías.[29]
Despois da aprobación da LOMCE, o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia[30] e mais o Proxecto de decreto polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia[31] pasaron a recoller a Competencia Dixital entre as competencias clave, aínda que sen especificar as habilidades e coñecementos a acadar para o seu desenvolvemento.