Ten as súas raíces históricas no conflito coñecido como La Violencia, que foi desencadeado co asasinato do líder político populista Jorge Eliécer Gaitán en 1948,[8] e pola represión anticomunista dos Estados Unidos de América na Colombia rural da década de 1960. Isto provocou ós militantes liberais e comunistas a reorganizarse nas FARC.[9]
As razóns da loita varían dun grupo a outro. As FARC e outros movementos de guerrilla din loitar polos dereitos dos pobres de Colombia, para protexelos da violencia do goberno e para proporcionar xustiza social a través do comunismo.[10] O goberno colombiano di loitar para manter a orde e a estabilidade, e para protexer os dereitos e os intereses dos seus cidadáns. Os grupos paramilitares din reaccionar polas ameazas percibidas dos movementos da guerrilla.[11]
Tanto a guerrilla coma os grupos paramilitares foron acusados de narcotráfico e terrorismo. Tódalas partes implicadas no conflito foron acusadas de numerosas violacións dos dereitos humanos.
Segundo un estudo do Centro Nacional de Memoria Histórica, 220 000 persoas morreron durante o conflito entre 1958 e 2013, a maioría deles civís (177 307 civís e 40 787 combatentes) e máis de cinco millóns de persoas foron forzadas a abandonar os seus fogares entre 1985 e 2012, xerando a segunda maior poboación de desprazados internos do mundo.[12][13][14] O 15% da poboación en Colombia foi unha vítima directa da guerra.[15]