Emir Kusturica (en serbio: Емир Кустурица), nado en Saraxevo o 24 de novembro de 1954, é un director de cine e músico serbio.
A súa abondosa produción, aclamada internacionalmente, creouse en boa medida en colaboración co compositor Goran Bregović. É un dos únicos oito directores que gañaron en dúas ocasións a Palma de Ouro do Festival de Cannes: en 1985 co filme Otac na sluzbenom putu e en 1995 con Underground.
De ascendentes serbios, naceu nunha familia musulmá ao converterse seu pai ao islam, porén Emir converteuse ao Cristianismo ortodoxo en 2005 e declarouse en varias ocasións politicamente serbio, mantendo posicións polémicas que o levaron ata a ter que retirarse do xurado de festivais de cine.[1]
Logo de finalizar en 1978 os seus estudos na distinguida Academia de Artes Interpretativas (FAMU) de Praga (onde rodou a película Guernica, pola que en 1978 recibiu o seu primeiro premio no Festival de Cinema de Karlovy Vary, Kusturica comezou a dirixir para a Televisión Iugoslava. Tivo un auspicioso debut no cine con Sjecas li se, Dolly Bell, en 1981, película coa que gañou o León de Ouro no Festival de Cinema de Venecia.
Con Otac na sluzbenom putu, de 1985, gañou a Palma de Ouro no Festival de Cinema de Cannes, cinco premios iugoslavos, e foi nomeada ó premio Óscar á mellor película en lingua estranxeira. Ambas películas foron realizadas coa colaboración de Abdulah Sidran, un importante escritor e poeta bosníaco contemporáneo, que escribiu os dous guións con moitos elementos autobiográficos. En 1989 Kusturica foi aínda máis aclamado pola película O tempo dos xitanos, unha profunda pero máxica mirada dentro da cultura xitana e a explotación dos seus mozos.
Kusturica proseguiu realizando grandes películas de renome nos anos 90, incluíndo o seu debut nos Estados Unidos, coa comedia de humor absurdo, Arizona dream (1993), e volveu gañar a Palma de Ouro en 1995 coa épica comedia negra Underground.
O famoso músico Goran Bregović compuxo a música para varias das súas películas, incluíndo O tempo dos xitanos, Arizona Dream (con Iggy Pop) e Underground.
Underground, escrita por Dušan Kovačević e cofinanciada pola canle estatal iugoslava, causou certa controversia. A película detalla a historia de Iugoslavia desde o inicio da segunda guerra mundial ata a guerra dos Balcáns, iniciada nos anos 90. Mentres algúns críticos sinalaban que se trataba dunha propaganda que amosaba o conflito desde un punto de vista pro-serbio, outros sinalaban que a súa irónica caracterización das etnias dos Balcáns ía en detrimento de todas elas.
En 1998 Kusturica gañou o León de Prata á mellor dirección por Crna mačka, beli mačor, unha desaforada comedia farsesca ambientada nun campamento xitano nas beiras do río Danubio.
No ano 2000, na película La Veuve de Saint-Pierre, dirixida por Patrice Leconte, Kusturica fai a súa segunda aparición como actor. A primeira fora en Underground, onde aparece uns segundos como comprador de armas.
En 2001 dirixe Super 8 Stories, un típico documental "no camiño" sobre a xira e vida dos músicos de Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra. Esta película ofrece unha hilarante visión detrás das bambolinas e está cheo de material sobre intimidades, pequenos matices a ser "lidos entre liñas" e detalles dos "pequenos praceres" dos seus protagonistas.
Na película The good thief (2002), dirixida por Neil Jordan, Kusturica interpreta a un guitarrista eléctrico e experto en seguridade que está constantemente tocando "riffs" de Jimi Hendrix.
No 2004 Kusturica e a súa película Život je čudo, que fala da guerra civil iugoslava, recibiron o Premio da Educación Nacional (Prix de l' Education Nationale) de Francia. Život je čudo foi utilizada como unha ferramenta educativa a nivel nacional, en conxunto cun CD-ROM instrutivo destinado a incitar a análise e o debate entre estudantes.
Emir Kusturica gañou no 2005 o Premio Europeo de Arquitectura Phillipe Rotthier polo seu proxecto de ciudadela étnica "Drvengrad" ("aldea de madeira") localizado sobre o monte Zlatibor en Serbia. O premio é dado cada tres anos pola "Fundación para a Arquitectura" ("Fondation pour l'architecture") de Bruxelas, Bélxica e é unha das máis prestixiosas distincións belgas e europeas no campo da arquitectura.
No Festival de Cinema de Cannes de 2005 oficiou como Presidente do Xurado.
No 2006 realizou un documental dedicado ó famoso futbolista Maradona.