Explorer 32 / AE-B | |
---|---|
Explorer 32 / AE-B | |
Tipo | Científico |
Organización | NASA |
Data de lanzamento | 25 de maio de 1966[1][2][3] |
Foguete portador | Delta[2][4] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral[2][4] |
Duración da misión | 10 meses[2][4] |
Obxectivo da misión | Estudo da atmosfera superior[2][4] |
Decaemento | 22 de febreiro de 1985[1][2][4] |
NSSDC ID | 1966-044A |
Masa | 224,5 kg[2][4] |
Dimensións | Esfera de 0,889 m de diámetro[2] |
Explorer 32, tamén denominado AE-B (Atmospheric Explorer B), foi un satélite científico da NASA pertencente á serie Atmosphere Explorer lanzado o 25 de maio de 1966 desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral a bordo dun foguete Delta.[2][4]
Explorer 32 tiña forma de esfera de 0,889 m de diámetro feita de aceiro inoxidable e estabilizábase mediante xiro. Foi selado no baleiro para evita-la contaminación da atmosfera local[2][4] e inxectado inicialmente nunha órbita de 2722 km de apoxeo, 283 km de perixeo e unha inclinación orbital de 64,65 graos.[4]
A alimentación eléctrica procedía de baterías de cinc e prata alimentadas por células solares montadas no exterior do satélite.[2][4]
Levaba sensores ópticos e magnéticos para a determinación da actitude e para os sistemas de control de xiro. Para os momentos nos que o satélite non se atopaba dentro do alcance dalgunha das estacións de terra levaba a bordo unha grabadora de datos en cinta para retransmitir os datos posteriormente. Como sistema de comunicacións empregaba dous sistemas de telemetría por modulación de pulso.[2][4]
Aos dez meses o satélite deixou de funcionar debido á despresurización da esfera causada polo fallo das baterías.[2][4]
Explorer 32 levaba un espectrómetro de masas para ións e dous para partículas neutras, tres medidores de densidade e dúas sondas electrostáticas. Os dous espectrómetros neutros deixaron de funcionar aos seis días do lanzamento. O resto de instrumentos funcionaron ben durante toda a vida do satélite.[2][4]
Despois do lanzamento un dos medidores de presión e un dos espectrómetros fallaron. O outro espectrómetro funcionou intermitentemente.[2][4]
Entre outros, os datos de Explorer 32 permitiron demostrar que as ondas de gravidade na termosfera están asociadas á estrutura en forma de onda da densidade de electróns na rexión F da ionosfera.[5]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Explorer 32 |