Dificilmente clasificable, as súas películas abrangueron dende o Film Noir, o western ou o cine de espías ata o cine bélico, o aventureiro ou o melodramático. Porén, cómpre salientar a súa época alemá, con filmes como o máximo expoñente do expresionismo cinematográfico, a visionaria Metropolis (1927), ou Der Testament des Dr. Mabuse (1933; O testamento do Dr. Mabuse, en tradución literal ao galego). Da súa xeira americana pódense destacar Só se vive unha vez (1936) e Os subornados (1953).
En 1933 recibiu a proposta de Joseph Goebbels de se facer cargo dos estudos alemáns de cine UFA, pero Lang, contrario ao nazismo, fuxiu cara a Francia esa mesma noite, chegando aos Estados Unidos o ano seguinte.
A filmografía de Lang podémola clasificar en función do país de rodaxe. De 1919, data da súa primeira película como director, ata 1933 filmou en Alemaña. En 1934 rodou un filme en Francia, para logo realizar as súas películas nos Estados Unidos de 1936 a 1956. En 1959 e 1960 dirixiu tres producións en Alemaña, para logo rodar a súa derradeira película en Francia en 1964.
1919: Halbblut
1919: Der Herr der Liebe
1919: Die Spinnen
1919: Harakiri
1920: Das wandernde Bild
1921: Kämpfende Herzen (tamén: Die Vier um die Frau)