International Airlines Group | |
---|---|
Tipo | Sociedade Anónima |
Fundación | 21 de xaneiro de 2011[1] |
Localización | Madrid e Londres |
Fundador | British Airways e Iberia |
Industria | aviación |
Produtos | aeroliñas |
Número de empregados | 60 862 (2015) |
Na rede | |
https://www.iairgroup.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
International Consolidated Airlines Group, S.A., normalmente abreviado como IAG, é unha compañía multinacional de aeroliñas británico-española coa súa sede operacional en Londres e rexistrada en Madrid. Creouse en xaneiro de 2011 pola fusión de British Airways e Iberia, as aeroliñas nacionais do Reino Unido e España respectivamente, mantendo British Airways o 55% da nova compañía.[2] É a sexta compañía de aeroliñas máis grande do mundo, producindo uns ingresos de 18,27 mil millóns de libras no ano 2015. A compañía está listada nas bolsas de Londres e Madrid. Forma parte do índice FTSE 100 e do IBEX 35.
British Airways e Iberia asinaron un acordo preliminar de fusión en novembro de 2009.[3][4][5] En abril de 2010 ámbalas dúas aeroliñas asinaron o acordo completo para fusionarse, coa intención de completar o proceso a finais dese mesmo ano, dependendo de asegurar as aprobacións regulamentarias precisas.[6][7] A fusión rematouse o 21 de xaneiro de 2011, e as accións da nova compañía comezaron a operar nas bolsas de Londres e Madrid o 24 de xaneiro.[8][9]
En marzo de 2011 IAG acordou mercar oito Airbus A330-300 e a coller opcións para oito máis para ser usados na frota de longo alcance de Iberia. O 6 de outubro dese ano a compañía creou Iberia Express, unha nova aeroliña de baixo custo para operar rutas curtas e medias dende o centro de conexións de Madrid e nutrir a rede de longo alcance de Iberia. Iberia Express comezou as súas operacións o 25 de marzo de 2012.[10][11]
O 4 de novembro de 2011 IAG acordou en principio mercarlle British Midland International (BMI) a Lufthansa por unha cantidade non revelada, nun contrato que incrementaría a porcentaxe de slots de IAG en Heathrow do 45% ao 54%.[12][13] O 22 de decembro IAG acordou con Lufthansa mercar BMI por 172,5 millóns de libras.[14] O 30 de marzo de 2012 aprobouse a compra de BMI, coa condición de que o grupo combinado se desfixese de 12 slots dirios e alugase 2 diarios en Heathrow. A adquisición foi completada o 20 de abril, e a frota e rutas de BMI integráronse no calendario de British Airways ao longo dese ano.[15]
O 8 de novembro de 2012 IAG realizou unha oferta en efectivo para mercar Vueling, a aeroliña de baixo custo baseada en Barcelona. A oferta foi de 7 euros por acción ordinaria, prevéndose un custo total de adquisición duns 113 millóns de euros. Foi financiada con recursos internos de IAG. Os activos totais de Vueling a 30 de setembro dese ano eran de 805 millóns de euros, e nos nove meses antes desa data xerara eneficios de 59 millóns antes de impostos. A xunta de Vueling aceptou o 9 de abril de 2013 unha mellor oferta de 9,25 euros, e recibiu a aprobación da maioría do accionariado o 23 de abril. IAG fíxose co control de Vueling o 26 de abril[16][17] En decembro de 2012 IAG completou a fusión das operacións de carga de British Airways, BMI e Iberia nunha única unidade de negocios, IAG Cargo.[18]
En abril de 2013 IAG confirmou a conversión das súas opcións para mercar 18 Boeing 787 Dreamliner en pedidos en firme, nun contrato por valor duns 4,8 mil millóns de dólares.[19][20] O avión substituiría a algúns dos Boeing 747 de British Airway entre 2017 e 2021.[19] O 16 de outubro Iberia revelou unha nova librea que comezaría a usar dende finais do mes de novembro dese ano.[21]
No Farnborough Airshow de 2014 IAG converteu as opcións para 20 Airbus A320neo en pedidos en firme que substituirán a 21 avións de rutas curtas de British Airways.
En xaneiro de 2015 IAG fixo unha oferta de 1 000 millóns de libras por Aer Lingus. Agardábase que se aceptase, despois de rexeitar dúas ofertas anteriores.[22] No mes de maio o goberno irlandés accedeu a vender as súas accións en Aer Lingus a IAG,[23] como xa fixera a xunta de administración finais de xaneiro.[24] A toma de posesión fíxose irreversible o 18 de agosto.[25]
O 1 de marzo de 2015 Stephen Kavanagh foi nomeado CEO de Aer Lingus e director executivo do seu consello de administraión. No mes de outubro Rachel Izzard foi nomeada directora financeira e tamén entrou no seu consello de administración (antes de unirse a Aer Lingus, Rachel Izzard era directora financeira de IAG Cargo). En novembro Alex Cruz foi nomeado CEO de British Airways. Steve Gunning foi nomeado director financeiro de British Airways.[26]
En abril de 2016 anunciouse que Qatar Airways incrementara o seu accionariado en IAG do 9.99% ata case o 12%.[27] No mes de maio Qatar Airways volveu a aumentar o seu accionariado ata o 15.01%.[28]
A estrutura das principais compañías é a seguinte: