JSTOR | |
---|---|
Tipo | organización, biblioteca virtual e páxina web |
Data de fundación | 1995 |
En | Nova York |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
https://www.jstor.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
JSTOR (acrónimo de Journal Storage, Almacenamento de Xornais) é unha biblioteca dixital creada en 1995. Contiña orixinalmente copias dixitalizadas de números antigos de revistas académicas, pero agora inclúe tamén libros e fontes primarias, xunto cos números actuais das revistas.[1] Proporciona a posibilidade de facer buscas de texto completo de case 2.000 revistas.[2] Teñen acceso a JSTOR máis de 8.000 institucións de máis de 160 países,[2] e a maioría dos accesos son por subscrición, aínda que hai algúns contidos vellos en dominio público que están dispoñibles gratuitamente para calquera que os consulte.[3]
JSTOR creouno William G. Bowen, presidente da Universidade de Princeton de 1972 a 1988.[4] JSTOR estaba pensado inicialmente como unha solución a un dos problemas que se lle presentaban ás bibliotecas, especialmente ás bibliotecas universitarias e de investigación, debido ao número crecente de revistas académicas existente. Para a maioría das bibliotecas era prohibitivamente caro tanto en custo coma en espazo manter unha colección completa de revistas. Ao dixitalizar moitos títulos de revistas, JSTOR permitía ás bibliotecas externalizar o almacenamento de revistas coa confianza de que permanecerían dispoñibles a longo prazo. O acceso en liña e a capacidade de busca de textos completos mellorou o acceso drasticamente.
Bowen considerou inicialmente usar CD-ROMs para a distribución.[5] Porén, Ira Fuchs, a vicepresidenta da Universidade de Princeton para a Tecnoloxía da Información e Computación, convenceuno de que o CD-ROM era unha tecnoloxía que rapidamente quedaría anticuada e de que a distribución pola rede podería eliminar a redundancia e incrementar a accesibilidade. (Por exemplo, todos os edificios académicos e administrativos da universidade de Princeton estaban conectados á rede en 1989; a rede na residencia universitaria estaba completada xa en 1994; e as redes de campus como a de Princeton estaban, á súa vez, conectadas a redes máis grandes como BITNET e Internet). JSTOR iniciouse en 1995 en sete sedes de bibliotecas, e inicialmente albergaba dez revistas de historia e económicas. O acceso a JSTOR mellorou baseándose nas achegas das súas sedes iniciais, e converteuse nun índice no que se podía buscar, accesible desde calquera buscador web corrente. Instalouse software especial para facer as imaxes e gráficos máis claros e lexibles.[6]
Co éxito deste proxecto limitado, Bowen e Kevin Guthrie, entón presidente de JSTOR, quería aumentar o número de revistas participantes. Entrevistouse con representantes da Royal Society of London e chegaron a un acordo para dixitalizar as Transaccións Filosóficas da Sociedade Real desde o seu comezo que data de 1665. O traballo de engadir estes volumes a JSTOR completouse en decembro de 2000.[6]
A Fundación Andrew W. Mellon foi a que creou JSTOR inicialmente. Ata xaneiro de 2009 JSTOR funcionou como unha organización sen ánimo de lucro independente e con financiamento propio con oficinas na cidade de Nova York e en Ann Arbor, Míchigan. Despois JSTOR fusionouse con Ithaka Harbors, Inc., organización tamén sen ánimo de lucro[7] creada en 2003 e "dedicouse a axudar á comunidade académica a aproveitar as tecnoloxías en rápido avance da información e a rede."[8]
O contido de JSTOR proporciónano máis de 900 editoriais.[2] A súa base de datos contén máis de 1.900 títulos de revistas,[2] de máis de 50 disciplinas.
Ademais do sitio web principal, o grupo JSTOR labs puxo en funcionamento un sevizo aberto que permite o acceso a contidos dos arquivos co propósito de facer unha análise de todo o corpus no seu servizo Data for Research.[9] Este sitio web ofrece unha ferramenta de busca con indicación gráfica do tema tratado no artigo e a integración no sitio principal de JSTOR. Os usuarios poden crear conxuntos de artigos do seu interese e despois solicitar unha palabra que conteña o conxunto de datos e frecuencias de n-grama e metadatos básicos. Estes son notificados cando os conxuntos de datos están listos e poden descargarse en XML ou formatos CSV. O servizo non ofrece textos completos, aínda que os académicos poden pedilo a JSTOR, suxeitos a un acordo de que non sexan divulgados.
JSTOR Plant Science[10] está tamén dispoñible ademais do sitio principal. JSTOR Plant Science proporciona acceso a contidos como espécimes tipo de plantas, estruturas taxonómicas, literatura científica, e materiais relacionados e dirixidos aos que investigan, ensinan, ou estudan botánica, bioloxía, ecoloxía, e estudos ambientais e de conservación da natureza. Os materiais de JSTOR Plant Science proceden da Global Plants Initiative (GPI)[11] e son accesibles só a membros de GPI e JSTOR. Dúas redes asociadas contribúen a isto: a African Plants Initiative, que está enfocada a plantas de África, e a Latin American Plants Initiative, sobre plantas de América latina.
JSTOR lanzou o seu programa Books in JSTOR en novembro de 2012, engadindo ao seu sitio 15.000 libros actuais e de fondo editorial. Os libros están ligados a revisións e desde citas en artigos de revistas.[12]
O acceso a JSTOR está autorizado principalmente a institucións académicas, bibliotecas públicas, institucións de investigación, museos, e escolas. Teñen acceso máis de 7.000 institucións de máis de 150 países.[1] JSTOR puxo en funcionamento un programa piloto de institucións subscritoras permitidas para dar acceso aos seus exalumnos, ademais dos seus estudantes e persoal actuais. O Alumni Access Program (Programa de Acceso a Exalumnos) lanzouse oficialmente en xaneiro de 2013.[13] Tamén están dispoñibles subscricións individuais a certos títulos de revistas por medio da editorial da revista.[14] Cada ano, JSTOR bloquea 150 millóns de intentos de non subscritores de ler os artigos.[15]
Fixéronse consultas sobre a posibilidade de facer que JSTOR sexa de acceso libre. Segundo o profesor de leis de Harvard Lawrence Lessig, preguntouse a JSTOR "canto costaría poñelo a disposición de todo o mundo, canto teriamos que pagarlle? A resposta foi 250 millóns de dólares".[16]
A finais de 2010 e inicios de 2011, o activista de Internet Aaron Swartz utilizou a rede de datos do MIT para facer unha descarga masiva dunha porción substancial da colección de JSTOR de artigos de revistas académicas.[17][18] Cando se descubriu a descarga masiva, os empregados de JSTOR situaron ao principio unha cámara de vídeo na habitación para gravar ao misterioso visitador e deixaron o computador relevante sen tocar. Unha vez que se captou o vídeo do visitador, parouse a descarga e identificouse a Swartz. En vez de iniciar unha demanda legal contra el, en xuño de 2011 chegaron a un acordo mediante o cal el entregou os datos descargados.[17][18] Os artigos que foron descargados por Aaron eran de xornais académicos que publicaban artigos científicos financiados en gran medida por universidades públicas e con diñeiro de impostos dos contribuíntes.
Ao mes seguinte, as autoridades federais acusaron a Swartz de varios crimes relacionados co "roubo de datos".[19][20] Os fiscais do caso sostiveron que Swartz actuou coa intención de facer que os artigos estivesen dispoñibles en sitios de compartición de ficheiros P2P (peer-to-peer).[18][21]
Swartz entregouse ás autoridades, declarouse non culpable de todos os delitos, e foi liberado cunha fianza de 100.000 dólares. En setembro de 2012, os fiscais aumentaron o número de cargos contra Swartz de catro a trece, cunha posible pena de 35 anos de prisión e 1 millón en multas.[22][23] O caso aínda estaba pendente de xuízo cando Swartz se suicidou en xaneiro de 2013.[24]
A dispoñibilidade da maioría das revistas en JSTOR está controlada por un "moving wall" ("muro móbil"), que é un retardo acordado entre o volume actual da revista e o último volume dispoñible en JSTOR. Este período de tempo está especificado por acordo entre JSTOR e a editorial da revista, e xeralmente é de tres a cinco anos. As editoriais poden requirir que se cambie o período de "moving wall" ou mesmo pedir que se deixe de ofrecer a revista en JSTOR. Anteriormente as editoriais podían tamén solicitar que se cambiase o "moving wall" por un "fixed wall" ("muro fixado", unha data especificada despois da cal JSTOR non podería engadir novos volmes á súa base de datos). En novembro de 2010, os acordos de "fixed wall" estaban aínda en efecto con tres editoriais das 29 revistas dispoñibles en liña a través de sitios controlados polas editoriais.[25]
En 2010, JSTOR empezou a engadir os números actuais de certas revistas por medio do seu Current Scholarship Program.[26]
Desde o 6 de setembro de 2011, JSTOR puxo a disposición do público contido de libre disposición.[27][28] Este programa de contido de revistas vellas ("Early Journal Content") constitúe un 6% dos contidos totais de JSTOR, e inclúe uns 500.000 documentos de máis de 200 revistas que se publicaban antes de 1923 nos Estados Unidos e antes de 1870 noutros países.[27][28][29] JSTOR afirmou que estivera traballando sobre a posibilidade de facer que este material fose de libre acceso desde hai algún tempo. A controversia do caso Swartz e o torrent de protesta de Greg Maxwell do mesmo contido levou a JSTOR a impulsar esta iniciativa.[27][28]
En xaneiro de 2012, o JSTOR empezou un programa piloto "Register & Read," que ofrece un acceso gratuíto limitado (pero non de acceso aberto) a artigos arquivados para persoas que se rexistran no servizo. Cando concluíu o programa piloto, en xaneiro de 2013, JSTOR ampliou Register & Read desde as 76 editoriais iniciais ata uns 1.200 xornais e unhas 700 editoriais.[30] Os lectores rexistrados poden ler ata tres artigos en liña cada dúas semanas, pero non poden imprimir nin descargar PDFs.[31]
JSTOR está levando a cabo un programa piloto con Wikipedia, no cal se lle dan dereitos de lectura a determinados editores por medio da Wikipedia Library, e coa biblioteca universitaria.[32][33]
En 2012, os usuarios de JSTOR realizaron case 152 millóns de buscas, con máis de 113 millóns de visitas a artigos e 73,5 millóns de artigos descargados.[2] JSTOR foi utilizado como unha fonte para a investigación lingüística para investigar as tendencias no uso da linguaxe ao longo do tempo e tamén para analizar diferenzas de xénero en publicacións académicas.[34][35]