Jairo | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Jairo Noriega Figueroa | ||
Nacemento | 14 de agosto de 2003 | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Posición | Centrocampista | ||
Información de club | |||
Club actual | Fabril | ||
Número | 10 | ||
Carreira xuvenil | |||
2009–2011 | Calasanz (fútbol sala) | ||
2011–2022 | Deportivo da Coruña | ||
2017–2018 | → San Tirso | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2021– | Fabril | 52 | (4) |
2023– | Deportivo da Coruña | 0 | (0) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 28 de decembro de 2023. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Jairo Noriega Figueroa, nado na Coruña o 14 de agosto de 2003, é un futbolista galego que xoga como centrocampista no Fabril, da Segunda División RFEF.
Estudou no colexio Calasanz da Coruña e comezou a xogar ao fútbol sala no equipo do propio colexio, en idade prebenxamín, ata que con 7 anos pasou ao fútbol herba, cando foi seleccionado polo Deportivo da Coruña para o seu novo equipo benxamín.[1][2][3] Alí coincidiu con xogadores como Dani Barcia, Hugo Ríos ou Brais Suárez, cos que foi subindo polas diferentes categorías inferiores do club.[1]
Co equipo xuvenil adestrado por Óscar Gilsanz, proclamouse campión da División de Honra na tempada 2020/21, na que tamén debutou co Fabril en Terceira División, e acudiu a Marbella para a disputa da Copa de Campións Xuvenil. Con todo, mentres realizaba exercicios de quecemento antes do partido de semifinais contra o Real Madrid, sufriu unha lesión que o deixou fóra do torneo que acabou conquistando o seu equipo.[1] Ao seu regresou enfermou de COVID-19, afección que o deixou dúas semanas na cama e que lle fixo perder varios quilos. A súa mala sorte estendeuse con dúas novas lesións e outro contaxio de COVID-19 durante os seguintes meses.[1]
Recuperado dos seus problemas, foi titular no histórico partido do seu equipo na Liga Xuvenil da UEFA ante o Dynamo de Kíiv celebrado nun estadio de Riazor con máis de 20.000 espectadores, onde realizou unha destacada actuación.[4][1] Xogou dous encontros máis co xuvenil e disputou o resto da tempada co Fabril, co que xogou sen éxito a promoción de ascenso á Segunda División RFEF, caendo ante o Ourense CF.[5] Na tempada 2022/23 foi xunto a Diego Gómez un titular indiscutible no centro do campo do filial dirixido por Gilsanz, que logrou o ascenso a Segunda RFEF tras proclamarse campión do seu grupo.[6]
O 1 de novembro de 2023 debutou oficialmente co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, na vitoria por 1-3 sobre o Covadonga na Copa do Rei. O adestrador Imanol Idiakez aliñouno como titular, formando no centro do campo xunto a Diego Villares.[7]