Pedra datada no século III gravada cunha inscrición en copto.
Este artigo amosa escritos coptos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.

O copto ou copta (ⲙⲛⲧⲣⲙⲛⲕⲏⲙⲉ met rem en kēme) é a última forma de escrita utilizada no Antigo Exipto, descendente directa do exipcio pero escrita nunha forma modificada do alfabeto grego. Pertence, polo tanto, á familia afroasiática de linguas, na subfamilia exipcia. Floreceu, como lingua falada, entre os séculos II e X e emprégase hoxe en día como lingua litúrxica da Igrexa Ortodoxa Copta e da Igrexa Católica Copta.

Características

Para escribir o exipcio empregáronse tres escritas, a xeroglífica, a hierática e a demótica. Estes sistemas resultaban demasiado complexos e pouco eficaces para a linguaxe administrativa, eran patrimonio dunha elite cada vez máis restrinxida e, entre outras dificultades, non podían vocalizar termos estranxeiros, xa que non transcribían vogais. Cando Alexandre Magno conquistou Exipto, no 332 a.C., introduciu o grego na administración. Medio milenio máis tarde, o incipiente cristianismo, moi interesado en espallar a súa doutrina, adaptou o grego, algo fosilizado xa no formalismo da burocracia oficial, para transcribir a lingua falada pola xente na súa vida cotiá , e así naceu a escrita actual da lingua copta.

Papiro Máxico do século VII. Invocación aos anxos e a San Xoán o Bautista para conducir aos nomeados Pamin e Tecla a un "fin atormentado". Museo do Louvre.

Esta lingua mantén diferenzas dialectais, con cinco dialectos ben arraigados pero só dous con status literario: o saítico e o boárico (ou bohaírico). O saítico era o de Tebas, cidade afastada de Alexandría e polo tanto, pouco helenizada e o boárico o empregado polos monxes de Wadi en-Natrum, comunidade do Baixo Exipto ao suroeste do Delta do Nilo que tiñan unha influencia determinante na elección do patriarca de Alexandría e que é precisamente o dialecto que se utiliza aínda hoxe na liturxia copta.

O copto foi fundamental para o desciframento da escritura xeroglífica, xa que Jean François Champollion utilizou un texto gravado na pedra de Rosetta e que estaba en xeróglifos, demótico e grego.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.