Мари́я Спиридо́нова Mariia Spiridonova | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Mariia Aleksandrovna Spiridonova Мари́я Алекса́ндровна Спиридо́нова |
Nacemento | 16 de outubro de 1884 [a][1] |
Lugar de nacemento | ![]() |
Falecemento | 11 de setembro de 1941 (56 anos) |
Lugar de falecemento | ![]() |
Causa | ferida por arma de fogo |
Nacionalidade | rusa |
Ocupación | Revolucionaria |
Cónxuxe | Ilya Mayorov |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Mariia Aleksandrovna Spiridonova (en ruso Мари́я Алекса́ндровна Спиридо́нова), nada en Tambov (Rusia) o 16 de outubroxul./ 28 de outubro de 1884greg. e finada no bosque Medvedevsk preto de Oriol o 11 de setembro de 1941, foi unha revolucionaria rusa de principios do século XX, destacada dirixente do Partido Socialrevolucionario de Esquerda (PSRE).[2] Paradigma por excelencia de terrorista revolucionaria do último período tsarista, foi a candidata gobernamental a presidir a Asemblea Constituínte logo da Revolución de Outubro.[3] Logo de organizar o asasinato do embaixador alemán no verán de 1918, os bolxeviques detivérona.[3] Pasou o resto da súa vida no exilio interior e en diversas prisións e campos de traballo.[3] Durante as Purgas de Stalin, foi arrestada xunto con outros doce antigos membros do PSRE en Ufa, onde vivían no exilio (8 de febreiro de 1937).[4]
Naceu no seo dunha familia nobre na provincia de Tambov en 1884 e formouse en enfermaría, mais en 1905 abandonou os estudos e entregouse á actividade revolucionaria como membro do Partido Social-Revolucionario (PSR).[5] Condenada a morte polo asasinato de Gavriil Nikolaevich Luzhenovski, responsable policial dun distrito da provincia de Tambov, a presión popular obrigou a conmutar a pena por cadea perpetua.[6] O seu maltrato durante o seu período de encarceramento converteuna nun mito entre o campesiñado e a súa popularidade foi empregada posteriormente polo partido.[6] Pasou os dez anos seguintes en prisión en Siberia.[7] Continuamente enferma e con períodos de depresión, apenas participou nas actividades organizadas polas súas compañeiras de cativerio.[8]
Foi liberada cando estalou a Revolución de Febreiro de 1917.[9] Converteuse axiña nunha das principais representantes da corrente máis esquerdistas do PSR.[10] Icona revolucionaria da esquerda do PSR, foi o paladín dos que se opuñan a continuar a guerra mundial e desexaban acabar con calquera vestixio da autocracia tsarista.[11] Máis consumada axitadora e símbolo moral que hábil política, inspiraba e convencía polo seu exemplo persoal e a súa firme fe case relixiosa na capacidade do individuo para levar a cabo unha profunda reforma moral e social.[12] A pesar de non pertencer á dirección nacional do PSR, participou intensamente nas actividades tanto da sección do partido na capital —dominada xa polos socialrevolucionarios de esquerda— como no campo.[13] Mentres a dirección moderada do partido avogaba por manter a revolución limitada á política e por non emprender mudanzas sociais, Spiridonova, do mesmo xeito que a corrente máis esquerdistas dos socialrevolucionarios, propugnaba unha gran transformación social.[14] Logo da fracasada tentativa do xeneral Kornilov de tomar o poder, comezou a vituperar máis intensamente o Goberno e a dirección do partido, personificada en Chernov.[15][16] Hábil oradora, converteuse axiña na alma da corrente esquerdista do partido que pronto se escindiría do PSR.[12]
Acudiu á capital para asistir ao II Congreso dos Soviets, simultáneo á Revolución de Outubro.[17] Membro da presidencia do congreso, participou na abolición da pena de morte aos desertores.[18] Inicialmente, Spiridonova avogou pola formación dun Goberno socialista de coalición mais,[12][19] cando isto resultou imposible, defendeu con ardor a coalición entre o Partido Socialrevolucionario de Esquerda (PSRE) e os bolxeviques.[13] Converteuse nunha das personalidades máis destacadas do PSRE.[20] A finais de 1917 e principios de 1918, tomou o control total da organización de consellos campesiños, ata aquela en mans do PSR.[21] Logo da unión dos soviets de soldados e obreiros cos de campesiños, mantívose unha sección campesiña separada, presidida por Spiridonova, que foi a principal responsable da extensión do sistema de soviets no campo, o fomento do apoio ao goberno soviético, a preparación da reforma agraria e a defensa dos intereses campesiños en xeral.[22] Permaneceu á fronte desta sección do CEC entre o segundo e o quinto congreso soviético.[23]
Decidida partidaria do Goberno bolxevique durante os primeiros meses deste, en xuño de 1918 pasou á oposición.[24] Defensora de retomar o terrorismo contra os representantes alemáns en Rusia para anular o Tratado de Brest-Litovsk, aprobou o asasinato do embaixador alemán en xullo durante o «alzamento socialrevolucionario».[25] Arrestada entón, pasou o resto da súa vida entre a clandestinidade e as prisións e exilios interiores.[25] Logo de varias detencións, foi liberada finalmente o 18 de novembro de 1921, coa condición de que abandonase toda actividade política, limitación que cumpriu.[26]
Pasou catorce anos exiliada: en Kaluga entre 1923 e 1925, en Samarcanda entre 1925 e 1928 e en Tashkent entre 1928 e 1930.[27] En 1931 foi enviada a Ufa, onde traballou como planificadora económica experta nun banco agrícola, actividade que consideraba a súa pequena contribución ao establecemento do socialismo.[27] O 8 de febreiro de 1937, foi detida xunto cos seus compañeiros de piso: non volveu recuperar a liberdade.[28] Encarcerada en diversas prisións, finalmente na de Oriol xunto ao seu marido, foi fusilada en 1941, días antes de que a cidade caese en mans dos alemáns durante a Operación Barbarossa.[29] En 1992, anuláronse os cargos polos que fora exiliada en 1918 e foi completamente rehabilitada.[30]
Naceu en Tambov o 16 de outubro de 1884,[3][24][31] no seo dunha familia da baixa nobreza rural.[2] Seu pai, un antigo funcionario,[24] recibira un título aristocrático non hereditario polos seus servizos ao Estado.[3][32][33] Traballaba como contable nun banco.[31] Mariya tiña outros catro irmáns,[34] tres mulleres e un home.[31] A familia posuía unha vivenda na propia cidade de Tambov, unha dacha no campo e chegou a ser dona dunha fábrica de entarimados.[31]
Tendo sido educada con esmero na casa, ingresou no segundo ano de escola secundaria en 1895.[35] Boa estudante,[35] abandonou os estudos secundarios no ximnasio en 1902 —o oitavo e último ano—, probablemente tanto pola mala situación económica familiar á morte de seu pai como por problemas de saúde —sufría ataques de tuberculose dende a adolescencia—.[36][35] Abandonado o ximnasio e aínda sen interese polas actividades revolucionarias, partiu a Moscova, onde contaba con familiares, a formarse como dentista.[36][37] En 1903, de volta na súa provincia natal, comezou traballar para a asemblea aristocrática rexional,[38] probablemente para paliar a penuria familiar.[36] Foi entón cando comezou a interesarse polas actividades subversivas; en novembro de 1904, o seu piso foi rexistrado pola policía en busca de prensa ilegal.[36][38] En marzo de 1905, participou en manifestacións estudantís polas que foi encarcerada durante tres semanas.[36][39] Neste primeiro e breve encarceramento, xa amosou a mala saúde que a acompañou durante todos os seus períodos en prisión e tivo que ser atendida polo médico da cadea.[40] En setembro do mesmo ano, tratou de ingresar sen éxito na escola local de auxiliares médicos; foi rexeitada pola súa actividade política.[36][41] O seu mentor como revolucionaria foi un mozo dirixente socialrevolucionario local, que se converteu no seu amante.[42][b] Uniuse ao Partido Socialista Revolucionario en 1905.[2][24] Ao ter sido educada nun ambiente rural, a proximidade ao campesiñado máis que ao novo proletariado urbano e a súa preferencia polo que consideraba socialismo moral dos socialrevolucionarios fronte ao economicismo impersoal dos socialdemócratas marxistas fixérona unirse aos primeiros.[44]
O 15 de xaneiroxul./ 28 de xaneiro de 1906greg. e por orde do partido,[45][46] Spiridonova asasinou o inspector xeral da Policía Gavriil Nikolaevich Luzhenovskii,[5] quen tería ordenado a brutal represión policial do levantamento campesiño local durante a revolución de 1905.[2][13][47][44][48] A vítima era un oficial da Okhrana destinado en Tambov.[13] Terratenente provincial, membro da Unión do Pobo Ruso, teríaselle encargado o esmagamento das revoltas campesiñas nun dos distritos máis conflitivos da provincia.[49][50][51][c] Spiridonova, membro xa daquela dunha célula terrorista do partido, presentouse voluntaria[53] para a misión.[13] Logo de seguir o tren de Luzhenovskii durante varios días, logrou achegarse a el disfrazada[51] de alumna de escola secundaria mentres descendía á plataforma en Borisoglebsk e inflixirlle cinco feridas de bala,[54] dúas no estómago, outras tantas no peito e unha no brazo, feríndoo de morte —faleceu case un mes máis tarde, o 10 de febreiro—.[55][56] O atentado foi un dos case douscentos cometidos polos socialrevolucionarios durante os dous anos da revolución de 1905 e pasou inicialmente relativamente desapercibido.[32]
Logo do asasinato e tralo seu arresto, foi obxecto de terribles torturas,[2] tanto físicas como sexuais, por parte da policía e o persoal do cárcere.[13][57][51][7][d] O atentado e o maltrato de Spiridonova saíron á luz por primeira vez nas páxinas dun diario liberal da capital, que publicou unha carta súa na que se detallaban os abusos cometidos por cosacos e policías durante o seu arresto e encarceramento.[59][46] O partido fomentou a publicidade do caso, co visto e prace da propia Spiridonova, como instrumento de propaganda política.[60] Aireado o maltrato na prensa —en ocasións de xeito inexacto ou exaxerado—,[59][e] unha parte da sociedade reaccionou indignada polo cruel trato.[2][13][7][62] O ministro de Xustiza ordenou unha investigación oficial do caso ao fiscal provincial, lista a finais de febreiro pero non publicada en espera da investigación militar sobre o comportamento dos militares.[63] Este atraso interpretouse como renuencia gobernamental a xulgar os funcionarios, o que aumentou o descontento popular.[64] Ao mesmo tempo, o diario que destapara o caso enviara o seu xornalista máis renomeado a realizar unha indagación paralela, que se plasmou nunha serie de artigos publicados entre o 7 de marzo e o 5 de abril.[35] O contido destes, frecuentemente sensacionalista, non coincidía nalgúns aspectos nin cos resultados da investigación oficial nin cos datos incluídos na correspondencia persoal de Spiridonova.[35] A pesar diso, grazas a estes artigos forxouse a imaxe idealizada de Spiridonova como nobre, gallarda, intelixente, bela e virxinal.[65] A reticencia das autoridades locais a divulgar a súa relación co seu correlixionario de partido —tamén arrestado— e o desexo da propia Spiridonova de mantela oculta favoreceu a súa imaxe de virxe ultraxada.[66][f]
O mesmo tribunal que o 11 de marzo a condenara a aforcamento[44] solicitou a conmutación da pena de morte pola de exilio interior.[68][69] Grazas ao apoio e admiración popular, conmutóuselle a sentenza de morte pola de cadea perpetua no exilio siberiano.[2][13][7][62] O gobernador militar de Moscova aprobou a petición do tribunal o 20 do mesmo mes.[68][70] O seu caso atraera a atención nacional e internacional.[2][51][7][58] A indignación popular, o seu sexo e a súa mala saúde permitiron que salvara a vida.[62] Os artigos escritos polo reporteiro enviado polo diario liberal que publicara a carta de Spiridonova dende prisión, frecuentemente incorrectos, publicáronse axiña como libro, en abril.[51][71] Spiridonova converteuse así no modelo dos terroristas revolucionarios.[44]
O 19 de maio, aínda moi feble e vomitando sangue, foi trasladada de Tambov á prisión de Butyrka, en Moscova.[72] Alí coñeceu outras cinco terroristas coas que pasou os longos anos de exilio en Siberia e coas que compartía parcialmente orixes.[72][g]
Permaneceu internada no remoto cárcere de mulleres de Maltsev e no de Akatui, no distrito mineiro de Nerchinski Zavod (krai de Zabaikalie), en Siberia oriental, preto da fronteira chinesa, ata 1917.[2][13][59][44] Estas prisións pertencían ao complexo carcerario de Nerchinsk.[73] Chegou a Nérchinsk dende o cárcere moscovita de Butyrka[44] no verán de 1906 logo dun percorrido triunfal[58] en ferrocarril —as presas partiron o 21 de xuño e tardaron un mes en chegaren ao seu destino—,[74] acompañada por outras cinco terroristas socialrevolucionarias.[75] Durante este período, o partido presentouna como unha mártir sacrificada polo campesiñado, que a consideraba unha especie de santa.[13][59] Converteuse no exemplo por excelencia de heroína e mártir revolucionaria, terrorista oposta ao que os socialrevolucionarios e os seus partidarios consideraban a opresión tiránica do sistema tsarista.[76]
O maltrato e o encarceramento previos á súa condena deixáronlle secuelas de por vida: perdeu parte da audición e o seu estado mental e físico mantívose delicado.[26] Sufriu ademais periódicos ataques de tuberculose, herpes, disentería, histeria e depresión.[26] A tuberculose, que puido ter contraído durante o seu primeiro período en prisión ou quizais mesmo antes, acentuou a súa inclinación ao sacrificio revolucionario.[77] Os períodos de maior gravidade da enfermidade —que sufría en grao avanzado xa en 1906 e se manifestaba en febres, delirios, tose sanguinolenta e delgadeza— coincidiron cos de menor liberdade, especialmente aqueles nos que estivo aprisionada.[78]
Ao comezo, as presas foron encerradas na prisión de Akatui, onde se encontraban destacados membros do partido como Grigori Gershuni.[79] En febreiro de 1907, as autoridades decidiron trasladalas a Máltsev, outro dos cárceres do complexo.[80][h] Na remota prisión de Máltsev, as presas —unhas setenta—[82] non tiñan que realizar traballos forzados senón simplemente aguantar o continuo illamento e falta de acontecementos do lugar.[83] Este cárcere foi onde as autoridades encerraron todas as mulleres deportadas a Siberia entre 1907 e 1911, a maioría socialrevolucionarias.[81] Spiridonova formou xunto con outras mozas terroristas deportadas unha comuna[82][84] na que compartían tanto as tarefas diarias como as posesións, adicábanse a formarse na teoría socialista e a instruírse[83] en xeral.[85][81] A maioría delas uniuse logo da súa liberación en 1917 á corrente esquerdista do Partido Social-Revolucionario (PSR).[86]
Pasou catro anos nesta prisión onde o Goberno confinaba as terroristas.[44] Trasladada axiña ao edificio da prisión reservado ás presas con problemas de saúde —o cárcere non estaba ben illado, o que prexudicaba as que caían enfermas—, pasou neste toda a súa condena, con escaso contacto coas novas presas.[87] Continuamente enferma e con períodos de depresión, apenas participou nas actividades organizadas polas súas compañeiras de cativerio.[8] O 27 de abril de 1911, foi trasladada xunto co resto de presas políticas de novo a Akatúi, por decisión do novo alcaide do complexo, decidido a extremar a seguridade ante os continuos plans de fuga.[88] En Akatúi Spiridonova seguiu vivindo nunha cela separada do resto de presas debido á súa mala saúde, atendida por Aleksandra Izmailovich.[89]
Ao estalar a primeira guerra mundial en 1914, adoptou unha posición internacionalista, oposta á contenda.[90]
Encontrábase aínda en Siberia cando estalou a Revolución de Febreiro de 1917.[9] O novo ministro de Xustiza do Goberno provisional, Aleksandr Kerenskii, proclamou a amnistía dos presos políticos; a medida coñeceuse en Akatúi a tarde do 3 de marzoxul./ 16 de marzo de 1917greg..[91] Dous días máis tarde, as dez presas que aínda quedaban na prisión recibiron permiso para trasladarse á capital de Transbaikalia, Chitá.[92] Spiridonova foi liberada e rumoreouse, erroneamente,[93] que volvera á prisión de Chitá.[10] Tamén que fora nomeada alcaldesa da cidade logo da amnistía que a liberara da súa condena —na cidade predominaban os socialdemócratas, non os socialrevolucionarios—.[2][94] Nesta localidade pasou algunhas semanas durante a primavera antes de regresar ao oeste.[90] En Chitá participou na formación dun comité socialrevolucionario local e axudou os presos liberados que acudían á cidade dende as distintas cadeas da rexión.[95] Regresou á Rusia europea tres meses despois da caída da monarquía, en maio.[96]
Converteuse axiña nun dos principais representantes da corrente máis esquerdista[86] do Partido Social-Revolucionario (PSR),[13] xunto con Mark Natansón,[97] Borís Kamkov, Prosh Proshian ou Andrei Kolegaiev.[10] Dentro desta sección do partido, representaba os exiliados de Siberia, cuxo extremismo non se moderara durante as súas condenas.[10][86][90] Icona revolucionaria da esquerda do PSR como Catalina Breshko-Breshkovskaia o era da dereita do mesmo,[12] aínda que máis popular, foi o paladín dos que se opuñan a continuar a guerra mundial e desexaban acabar con calquera vestixio da autocracia tsarista.[11] Era considerada unha persoa intelixente e valente, mais xa durante o período revolucionario amosaba signos de esgotamento e escasa habilidade para escoller colaboradores.[11] O seu pasado revolucionario, as torturas sufridas e o seu pasado terrorista protexérona, con todo, das críticas dos seus adversarios.[11] Máis consumada axitadora e símbolo moral que hábil política, inspiraba e convencía polo seu exemplo persoal e a súa firme fe case relixiosa na capacidade da persoa para levar a cabo unha profunda reforma moral e social.[12]
Chegou a Moscova logo de tres semanas de viaxe, cando se estaban a celebrar as últimas sesións do terceiro congreso do partido.[98] No III Congreso do PSR celebrado en maio e xuño en Moscova, representou a corrente de esquerda do partido.[2][13][90] O congreso recibiu as deportadas, que chegaron a Moscova o 31 de maioxul./ 13 de xuño de 1917greg., cunha grande ovación.[99] Intensamente dividido entre esquerdistas e dereitistas, resultou un fracaso: non estableceu como debía organizarse o partido —que medrara enormemente— nin revisou o programa, aprobado en 1906.[98] Dada a debilidade da fracción esquerdista da formación, non logrou que a elixiran para o comité central.[13][97]
Ao clausurarse o congreso, partiu a Petrogrado, onde ingresou na dirección local do partido.[100] A pesar de non pertencer á dirección nacional, participou intensamente nas actividades tanto da sección do partido na capital —dominada xa polos socialrevolucionarios de esquerda— como no campo.[13] Era unha das editoras do principal diario do comité do PSR en Petrogrado, Znamya trudá («O Estandarte do Traballo»).[2] Era ademais membro do Soviet de Petrogrado[12] e do comité executivo dos consellos de campesiños.[2] A pesar de pertencer claramente á fracción esquerdista do partido, as outras fraccións favoreceron a súa elección ao comité executivo dos soviets de campesiños, dado o seu prestixio entre a poboación; o organismo, con todo, estaba controlado pola corrente conservadora.[101] A pesar da súa probable oposición á actitude progobernamental do comité, o 23 de xuñoxul./ 6 de xullo de 1917greg. foi elixida para formar parte da presidencia colexiada deste.[102] Durante as Xornadas de Xullo, participou nas sesións do congreso soviético, opoñéndose a secundar sen máis ao Goberno.[103] A continuación, marchou recibir á delegación armada da base naval de Kronstadt, que acababa de chegar á cidade para apoiar o traspaso do poder aos consellos.[104] Nas reunións dos comités executivos centrais, avogou sen éxito pola asunción do goberno polos soviets.[105]
Opúxose con gran vehemencia á restauración da pena de morte para os soldados (12 de xulloxul./ 25 de xullo de 1917greg.), aprobada polo Goberno provisional.[106][86][107] A súa severa crítica da medida reflectiuse en diversos artigos publicados no xornal Nas Put (O noso camiño), do que era a redactora e que expresaba as posicións da corrente esquerdista do PSR.[108] Considérase que a época das súas protestas contra esta medida gobernamental data o comezo do traspaso das simpatías da maioría dos soldados do PSR ao futuro Partido Socialrevolucionario de Esquerda (PSRE) e ao Partido Bolxevique.[109][110] Nesta época, comezou a criticar publicamente a coalición gobernamental que agrupaba socialistas e liberais e que incluía ministros socialrevolucionarios como Víctor Chernov.[111] Mentres a dirección moderada do partido avogaba por manter a revolución limitada á política e por non emprender mudanzas sociais, Spiridonova, do mesmo xeito que a corrente máis esquerdista dos socialrevolucionarios, propugnaba unha gran transformación social.[14] Con este fin adicou as acendidas arengas que pronunciou frecuentemente durante o período revolucionario e que tiveron grande importancia na radicalización da poboación na capital.[14]
Durante a Conferencia Democrática, celebrada logo do fracasado golpe de Kornílov, representou de novo a á esquerda do PSR, oposta rotundamente á continuación dos Gobernos de coalición coa burguesía,[112] a diferenza do centro e a dereita da formación, que lograron que Kerenskii puidese pactar un novo gabinete co Partido Constitucional Democrático.[113][114] Trala fracasada tentativa do xeneral Kornílov de tomar o poder, comezou a vituperar máis intensamente o Goberno e a dirección do partido, personificada en Chernov.[15][16] Hábil oradora, converteuse axiña na alma da corrente esquerdista do partido, que pronto se escindiría do PSR.[12] Xunto con Borís Kamkov, converteuse en vicepresidenta do comité socialrevolucionario de Petrogrado, controlado polos esquerdistas do partido.[16] A pesar do seu rexeitamento ás conclusións da Conferencia Democrática, foi unha das delegadas dos socialrevolucionarios de esquerda no Preparlamento, a cuxas sesións asistiu como representante dos soviets de campesiños.[115]
A Revolución de Outubro forzou a escisión de parte da á esquerda do PSR, formada polos expulsados por non retirarse do II Congreso dos Soviets, simultáneo coa toma do poder polos bolxeviques, e por aquilo considerados polo comité central do PSR como colaboradores do golpe de Estado.[116] Spiridonova, como a maioría da corrente esquerdista do partido, aprobou[13] as accións dos bolxeviques.[2][23][117] Á ruptura seguiuna unha dura rivalidade entre ambas as formacións, que incluíu unha campaña de difamación do PSR cara ás principais figuras do PSRE,[118] facilitada polo descubrimento de que Peter Dekonski, un protexido de Spiridonova, fora un antigo membro da Okhrana.[119] O escándalo pola colaboración de Dekonski coa policía tsarista limitou a intervención política de Spiridonova nas semanas previas á toma do poder polos bolxeviques.[120] Spiridonova, nomeada polo partido para investigar as acusacións, tratara de favorecelo, a pesar dos documentos que as probaban.[121] Pasou un mes no sur de Rusia, visitando diversas localidades nas que residira Dekonski e acudiu á capital unicamente para asistir ao II Congreso dos Soviets, simultáneo coa Revolución de Outubro.[17] Membro da presidencia do congreso, participou na abolición da pena de morte aos desertores, restaurada antes por Kerenskii, unha das mocións aprobadas nas sesións.[18] Clausurado o congreso, regresou ao sur.[122]
Inicialmente, Spiridonova avogou pola formación dun Goberno socialista de coalición mais,[12][19] cando isto se mostrou imposible, defendeu con ardor a coalición entre o PSRE e os bolxeviques.[13][123] Nesta época, mantivo numerosas reunións con Lenin, quen tratou de convencela para que outorgase o seu influente apoio ao novo Goberno, frecuentemente con éxito.[19] Foi a principal representante do partido nas negociacións cos bolxeviques que culminaron coa formación dun Goberno de coalición entre as dúas formacións.[124]
Spiridonova converteuse nun dos dirixentes máis destacados do Partido Socialrevolucionario de Esquerda (PSRE) en 1917.[20][125] Nas eleccións do comité central, foi a segunda candidata con máis votos favorables xunto con Boris Kamkov, superada soamente por Mark Natanson.[126] O PSRE en teoría compartía o programa bolxevique da ditadura do proletariado, mais era moi remiso a seguir as brutais tácticas dos bolxeviques.[125] Os seus membros non se opuñan, con todo, á aplicación de medidas represivas e compartían con aqueles a convicción de que era necesario un período de ditadura durante a transición ao socialismo.[29] Spiridonova, como outros dirixentes do partido, avogaba por unha ditadura democrática, exercida pola maioría da poboación a través dos soviets elixidos democraticamente.[127] Contrarios a compartir o poder coa burguesía, consideraban innecesaria a reunión da Asemblea constituínte, cuxas tarefas crían xa realizadas polo Sovnarkom.[128] Proclamaban ser o partido do campesiñado ruso.[129] Un asunto no que disentían cos seus socios de goberno era o da propiedade da terra: os bolxeviques desexaban outorgar a súa posesión ao Estado e establecer unha economía centralizada, que favorecese o proletariado urbano; os socialrevolucionarios preferían que as comunidades rurais fosen as donas da terra confiscada polo decreto do Segundo Congreso dos Soviets.[130] En opinión dos bolxeviques, esta formulación era pequenoburguesa, pero aceptárono para non se enfrontaren ao groso do campesiñado ruso.[131]
Foi nomeada presidenta da conferencia previa ao II Congreso de Consellos Campesiños,[132] que comezou o 10 de novembroxul./ 23 de novembro de 1917greg. na capital.[133][134] A conferencia e o posterior congreso serviron de escenario para o enfrontamento do PSR e o PSRE polo control dos consellos campesiños e do campesiñado en xeral.[135] O obxectivo da conferencia, que pronto se converteu en congreso extraordinario,[136] era arrebatar o control do CEC campesiño ao PSR, que o controlaba dende a primavera.[137] A loita personalizouse na oposición entre Spiridonova, candidata á presidencia do Congreso polo PSRI, e o seu antigo mentor político, o socialrevolucionario da corrente de centroesquerda Víctor Chernov.[138][137] Spiridonova resultou primeiro elixida por escasa marxe e a continuación derrotada.[135] O Congreso resultou extremadamente tumultuoso: o PSRE recibiu en xeral o apoio dos soldados de orixe campesiña e o PSR o dos delegados provenientes do campo.[139][140] O 4 de decembroxul./ 17 de decembro de 1917greg., dividiuse finalmente en dúas asembleas rivais.[139][141] Spiridonova presidiu a parte apoiada polo PSRE e os bolxeviques.[142][143] Os seus intentos de unir os delegados en favor do PSRE fracasaron.[144] A pesar da súa eminencia, non obtivo cargo ningún no Goberno e as súas intervencións no CEC foron escasas; a súa relevancia debíase máis á inspiración que causaba que a que dirixira de xeito efectiva o novo partido.[145]
O 15 de novembroxul./ 28 de novembro de 1917greg., foi a primeira oradora que no Instituto Smolny deu a benvida aos delegados campesiños que acudían a celebrar a unión do CEC campesiño co de obreiros e soldados, acabada de acordar por bolxeviques e socialrevolucionarios e á que se mostrara favorable.[146] O 17 de novembroxul./ 30 de novembro de 1917greg., tras criticar duramente os bolxeviques por teren disolta a Duma municipal da capital sen o consentimento do Comité Executivo Central Panruso (CEC ou VTsIK en ruso),[147] anunciou a disposición do seu partido a entrar no Goberno.[125] Foi elixida como presidenta honoraria do primeiro congreso do PSRE, que comezou o 19 de novembroxul./ 2 de decembro de 1917greg. Enfrascada nas sesións, primeiro do congreso extraordinario campesiño, e despois no ordinario que comezou inmediatamente despois da clausura do anterior, apenas asistiu aos debates do congreso do partido.[148]
Trala entrada do PSRE no Goberno e o nomeamento de Isaac Steinberg, membro do partido, como comisario de Xustiza, Spiridonova exixiu a voladura da Fortaleza de Pedro e Paulo en Petrogrado, sen éxito.[149][150] Unha vez no Goberno, o 11 de decembroxul./ 24 de decembro de 1917greg. decidiu acabar coa dualidade nos consellos de campesiños que, dende a división do II Congreso, contaban con dous comités executivos rivais.[21] Aproveitando o final do congreso formado polos partidarios do PSR, ordenou a disolución do seu comité pola forza e tomou o control total da organización de consellos campesiños.[21] Negouse a pactar un acordo entre os dous partidos que permitiran resolver os desacordos entre ambos nun novo congreso.[21] A pesar de debilitar o PSR, estas manobras non lograron conseguir completamente para o PSRR o apoio perdido por aquel.[21]
Durante a única sesión da Asemblea Constituínte Rusa foi presentada como candidata da esquerda, mais foi derrotada por Víctor Chernov,[151] candidato dos deputados máis conservadores.[152][13][153][154] Os bolxeviques confiaran en van en que a súa popularidade entre os delegados campesiños servise para compensar a maioría de que disfrutaba o PSR.[13] Opositora denodada da súa antiga formación política, requisou os fondos do comité executivo dos consellos de campesiños partidario do PSR, desbaratou a súa defensa da asemblea constituínte cando esta foi disolta en xaneiro de 1918 e, en xeral, enfrontouse con dureza ao seu antigo partido, controlado pola corrente de dereita.[155] Logo da unión dos soviets de soldados e obreiros cos de campesiños, mantívose unha sección campesiña separada, presidida por Spiridonova,[23][156] que foi a principal responsable da extensión do sistema de soviets no campo, o fomento do apoio ao goberno soviético, a preparación da reforma agraria e a defensa dos intereses campesiños en xeral.[22] Permaneceu á fronte desta sección do CEC entre o segundo e o quinto congreso soviético.[23] O 13 de xaneiroxul./ 26 de xaneiro de 1918greg. conduciu os delegados campesiños do terceiro congreso ao Palacio Táuride, onde tres días antes comezara o terceiro congreso dos soviets de soldados e obreiros, consumando así a unión entre os dous congresos.[157][i] Durante o congreso, defendeu con ardor a aprobación da socialización da terra, que finalmente logrou.[158]
A pesar de ter defendido orixinalmente a colaboración cos bolxeviques e a entrada do partido no Goberno,[159] foi, xunto cos seus compañeiros Steinberg, o ministro de Xustiza, e Karelin, unha das críticas máis severas da represión arbitraria dos bolxeviques.[160] Partidaria da represión da oposición política a pesar da súa denuncia anterior de medidas similares do Goberno provisional como lle recriminaron os seus antigos correlixionarios socialrevolucionarios, opúxose ao terror.[161]
O PSRE opúxose ao Tratado de Brest-Litovsk e Spiridonova e o partido romperon cos bolxeviques por este asunto, a pesar da oposición inicial daquela á separación.[142][162] En efecto, Spiridonova fora unha das escasas figuras do partido en defender a posición de Lenin de firmar unha paz inmediata cos Imperios Centrais.[163][164][165][166] Coñecedora da fartura campesiña pola contenda, coincidía con Lenin en que a sinatura da paz era necesaria.[167] Elixida polo partido para formar parte da presidencia colexiada do cuarto congreso soviético no que se debateu a conveniencia de aceptar o tratado cos imperios, non desempeñou nel papel relevante ningún; as principais intervencións foron as dos dirixentes contrarios a aceptaren o tratado.[168] Non obstante, nas votacións do CEC mostrouse en contra do tratado para manter a unidade do partido: ningún dos representantes do PSRE votou a favor do documento.[169] Opúxose a que os representantes do partido abandonasen os seus postos gobernamentais, sen éxito: o segundo congreso do partido, celebrado a finais de abril de 1918, aprobou a retirada do Goberno, aínda que non do Comité Executivo Central Panruso (CEC ou VTsIK en ruso).[164][170] Segundo Spiridonova, a retirada do Goberno fora un erro ao poñer en perigo a aplicación da socialización da terra, aínda por aplicar a pesar de ter sido aprobada formalmente.[171] Para contrarrestar os posibles efectos perniciosos do tratado para a revolución, chamou á formación de destacamentos armados nas zonas rurais para vixiar as actividades dos capitalistas e dos alemáns.[172] Formou parte da minoría que avogou por regresar ao Goberno e apoiar o tratado de paz no segundo congreso do partido, celebrado en abril, onde esta posición foi de novo derrotada.[173] Aínda así, defendeu ata maio a coalición cos bolxeviques, como o resto de dirixentes da minoría.[173] Membro da presidencia do VTsIK xurdido do Congreso dos Soviets, apenas participou nas sesións ás que asistiu, aínda que foi a dirixente do PSRE que acudiu a un maior número delas.[174]
A tolerancia cara ás actividades dos socialrevolucionarios de esquerda no campo, segundo Spiridonova, acabou a mediados de marzo de 1918, coincidindo coa dimisión dos comisarios do PSRE do Goberno soviético.[22] A partir de entón, os bolxeviques trataron de estrangular financeiramente a sección dirixida[163] por Spiridonova.[175][176] En parte isto debeuse ás actividades subversivas levadas a cabo polo PSRE a través da sección campesiña do CEC en contra do Tratado de paz, admitidas pola propia Spiridonova.[175][177] Esta abstívose de criticar as medidas gobernamentais contra o control obreiro da industria ou o sometemento ás esixencias alemás, ao contrario que outros dirixentes do partido e dos comunistas de esquerda.[178] A súa actitude mudou en xuño, cando os bolxeviques comezaron a alterar a política agraria; a ruptura cos antigos aliados non foi doada para Spiridonova.[179]
O comezo das requisicións de alimentos (prodrazviorstka) no campo por parte das brigadas enviadas dende as cidades para paliar a grave escaseza de alimentos debida ás concesións aos Imperios Centrais,[180][j] que empezaron a principios de xuño, levaron ao empeoramento[25] das relacións entre os dous partidos e á queixa de Spiridonova ante o CEC polas brutalidades cometidas polos destacamentos cos campesiños.[175] O 18 de xuño, criticou abertamente o Tratado de paz, as cesións territoriais que conlevara e chamou a un alzamento nacional contra os ocupantes, abandonando así a súa posición anterior e adoptando a da corrente moderada do PSRE.[181]
A pesar do desexo de separación dos soviets dalgúns membros da formación, Spiridonova e a dirección optaron por reclamar no seu lugar a convocatoria dun novo congreso conxunto, o quinto, para tratar de obrigar o Goberno a abandonar os seus excesos no campo e cambiar a súa política exterior.[182] A relación entre Spiridonova e Lenin, relativamente boa nos meses que seguiran á revolución, empeorou notablemente co agravamento da situación no agro, causado tanto polas requisicións gobernamentais como polas concesións aos Imperios Centrais.[163] Como presidenta da sección campesiña do CEC, Spiridonova coñecía ben a grave situación nas zonas rurais.[163]
No III Congreso do partido, celebrado entre o 28 de xuño e o 1 de xullo, Spiridonova admitiu que tres cuartos dos delegados bolxeviques elixidos para o Soviet de Petrogrado o foran irregularmente, feito ao que non se opuxo e non denunciou para non favorecer a contrarrevolución.[183] A pesar da crecente deterioración das relacións entre bolxeviques e socialrevolucionarios de esquerda durante a primavera, Spiridonova seguía presidindo a sección campesiña do CEC, antigo comité executivo dos consellos de campesiños.[22][163] Na apertura do congreso do PSRE, que levou a cabo, criticou con dureza o Goberno, en especial pola restauración da pena de morte, aplicada poucos días antes ao almirante Alekséi Shchastny a pesar dos esforzos do partido por lograr o seu perdón.[184] Mantivo en segredo, con todo, a decisión do comité central do 24 de xuño de comezar unha campaña terrorista, e non a anunciou ao congreso.[185]
Novamente por métodos fraudulentos,[186][163] o partido de Lenin asegurouse unha ampla maioría no V Congreso dos Soviets, que se desenvolveu con gran tensión: Trotski ameazou indirectamente o PSRE pola súa oposición á paz con Alemaña, mentres o propio Lenin animaba os socialrevolucionarios a abandonar o congreso.[187] Frustrado o obxectivo do PSRE de acadar a maioría no congreso e utilizalo para modificar as políticas gobernamentais —a formación crecera en apoios durante a primavera polo descontento popular cos bolxeviques—, o partido optou por tratar de facelo mediante o terrorismo,[163][179] método con gran tradición entre os socialrevolucionarios, asasinando o embaixador alemán.[188] Spiridonova presidiu a reunión do comité central do 24 de xuño que aprobou os atentados contra os principais funcionarios alemáns co fin de acabar co Tratado de paz.[163][189][190] Segundo os socialrevolucionarios de esquerda, os atentados debían poñer fin á paz entre Rusia e Alemaña e favorecer o estalido da revolución mundial; non era un intento de derrocar os bolxeviques, senón de forzalos a cambiar de política.[189][25] Confirmado a fraude bolxevique na elección de delegados ao congreso na súa apertura o 4 de xullo, que impedía poñer fin ás medidas que o PSRE rexeitaba no campo, Spiridonova e o resto da dirección da formación decidiu aplicar as medidas aprobadas días antes na reunión do comité central.[191] Na súa intervención do 5 de xullo, vituperou acerbamente o Goberno e a súa política agraria que, afirmou, afastaría o campesiñado do modelo soviético.[192]
Spiridonova apoiou o asasinato do embaixador alemán Mirbach durante o denominado «alzamento socialrevolucionario»,[193] levado a cabo co propósito non de arrebatar o poder ao partido de Lenin, senón de forzar o Goberno a retomar os combates contra Alemaña.[142] As esperanzas do PSRE de desencadear un ataque alemán, conseguir o apoio dos comunistas de esquerda e de provocar o estalido da revolución en Europa resultaron equivocadas.[191] Lenin conseguiu calmar os alemáns, os comunistas de esquerda mantivéronse fieis ao partido e non se desatou revolución algunha en Europa occidental.[191] Polo contrario, o Goberno empregou o incidente para desbaratar o poder crecente do PSRE, presentando o atentado como un ataque ao sistema soviético de goberno.[191]
Achábase na sede da Cheka de Moscova co comité central cando Feliks Dzerzhinskii acudiu a arrestar os asasinos do embaixador e foi á súa vez detido polos soldados partidarios do PSRE.[194][195] Detida o mesmo día en que acudía ao Teatro Bolshoi a explicar a actuación do comité central do PSRE aos delegados do partido ao V Congreso dos Soviets e a presentar unha carta pública xustificando a acción ao comité central bolxevique,[196][191][197] foi confinada no Kremlin de Moscova[25] ata finais de novembro.[198] Foi unha dos únicos tres delegados do congreso soviético que pasaron máis de tres días en prisión logo do arresto da delegación o 6 de xullo.[199] Cun xesto moi propio, asumiu toda a responsabilidade polo asasinato do embaixador alemán.[200] A sección campesiña do CEC quedou disolta.[191] Xulgada en segredo a finais de novembro, a pesar da súa esperanza de poder empregar un xuízo público para defender as súas accións,[191] foi condenada a un ano de prisión,[142][201] mais foi amnistiada[161] ao día seguinte (2 de novembro)[202] a petición da presidencia do CEC.[203][191] Nunca volveu desfrutar, non obstante, da liberdade da que gozara entre marzo de 1917 e xullo de 1918.[204]
Durante uns meses trala súa liberación a finais de novembro de 1918, volveu á axitación política, unha das escasas figuras do partido opostas[205] decididamente a calquera cooperación cos comunistas.[191][206] A diferenza dela, a maioría dos dirixentes máis radicais do partido, entre os que se contara durante a primavera, acabaron ingresando no partido de Lenin.[207] Vixiada pola Cheka, os informes desta testemuñan a veneración da súa figura nos círculos do partido, convertida en símbolo da opresión bolxevique.[191] Nos seus numerosos discursos durante estes meses, atacou con vehemencia as medidas internas e externas gobernamentais, que tachou de traizón á revolución.[208] Convencida de que os comunistas non poderían manterse no poder por moito tempo, rexeitou,[205] con todo, o terrorismo da corrente máis esquerdista do partido e continuou defendendo o sistema soviético de goberno.[208] En decembro, os restos do partido aprobaron unha resolución que se considera inspirada na súa posición política: chamamento a un alzamento campesiño que acabase coa ditadura bolxevique, eliminación do Sovnarkom —substituído nos seus labores de goberno por un comité executivo central soviético democrático—, abolición da Cheka e dos comités de campesiños pobres e fin das requisicións no agro.[209]
As críticas de Spiridonova foron mal recibidas polo Goberno, enfrascado na guerra civil; a Cheka ficou encargada de vixiala estreitamente e Dzerzhinskii expresou as súas sospeitas de que puidese estar involucrada nun plan para asasinar a Lenin.[208] En febreiro de 1919, criticou duramente o Exército Vermello nun discurso nunha gran fábrica metalúrxica moscovita: o novo exército, na súa opinión, estaba dominado polos antigos oficiais tsaristas e outros contrarrevolucionarios e servía para someter ao pobo aos comunistas, a diferenza do ideal socialista baseado en milicias populares.[210] Arrestada de novo ese mesmo mes en Moscova,[204] foi xulgada o día 24.[191] Bujarin foi a única testemuña do xuízo, ao que non se permitiu asistir á acusada; declarada tola e culpable de actividades contrarrevolucionarias polas súas críticas ao Goberno, foi condenada a pasar un ano nun sanatorio.[26][203][204][k] En lugar disto, foi encerrada nunha estreita cela improvisada nuns cuarteis do Kremlin, onde a súa saúde se resentiu gravemente.[26][204] Dende a prisión escribiu ao IV Congreso do PSRE para admitir o grande erro que fora o asasinato do embaixador alemán, do que o comité central non prevera as consecuencias.[212] Logrou escapar o 2[202] de abril grazas á axuda dos seus propios gardiáns e do partido,[213] preocupado pola súa delicada saúde.[203][26] Os meses entre a súa fuga e o seu novo arresto o 26 de outubro de 1920 foron os últimos de relativa liberdade.[26] Viviu clandestinamente en Moscova con nome falso, Pelaguéia Semiónovna Onúfrieva, facéndose pasar por unha campesiña de provincias.[26][213] A pesar da súa mala saúde, participou en numerosas reunións do partido e adicouse á escritura.[26] Cando foi detida encontrábase prostrada na cama, enferma de tifo[214] e con problemas mentais.[26][215] Mantívoselle en arresto domiciliario durante un mes e a continuación foi trasladada a unha enfermaría dependente da Cheka, e máis tarde a unha cadea psiquiátrica, en xuño de 1921.[26] Temíase pola súa saúde mental.[26] En todo momento acompañouna o seu fiel Izmailóvich, que xa a atendera durante o seu exilio anterior á revolución.[215]
En xullo de 1921, o Goberno rexeitou poñela en liberdade ou deportala por temor ao seu prestixio,[216] a pesar das peticións de delegadas dun congreso feminino que se celebrou en Moscova.[26] Foi liberada finalmente o 18 de novembro, coa condición de que abandonase toda actividade política, limitación que cumpriu.[26][l] O PSRE encontrábase xa practicamente desbaratado en 1922 e desapareceu como organización de masas nos dous anos seguintes.[129]
Acompañada da súa estreita amiga Izmailóvich, foi trasladada baixo vixilancia a unha dacha nas aforas de Moscova.[218] O 16 de maio de 1923, foi detida de novo acusada falsamente de planear a súa fuga ao estranxeiro e foi condenada a tres anos de exilio interior.[27] Pasou catorce anos exiliada: en Kaluga entre 1923 e 1925, en Samarcanda entre 1925 e 1928 e en Tashkent entre 1928 e 1930.[27][142][219] En Samarcanda e Tashkent, traballou como economista.[219] Nesta última, volveu sufrir ataques de tifo, que xa tivera a comezos da década.[220] A comezos de 1930, marchou a Moscova a tratarse a enfermidade e máis tarde foi trasladada a un sanatorio para persoas enfermas de tifo en Crimea.[219] En agosto de 1930, de volta en Moscova, foi detida unha vez máis.[27][219] Acusóuselle de manter contactos[221] co estranxeiro e a súa condena de exilio interior estendeuse tres anos máis, sentenza que se prolongou máis tarde en dúas ocasións.[27] En xaneiro de 1931 foi enviada a Ufa, capital da República Autónoma Socialista Soviética de Baskiria.[27][221] Alí compartiu domicilio con outros tres antigos dirixentes socialrevolucionarios, entre eles Iliá Mariórov, agrónomo que casara con ela a finais[222] da década anterior.[27][221] Durante este período, traballou como planificadora económica experta nun banco agrícola, actividade que consideraba a súa pequena contribución ao establecemento do socialismo.[27][221] Sempre estreitamente vixiada, as súas relación limitáronse a un reducido círculo local de exiliados socialrevolucionarios.[27] En 1935, o seu antigo correlixionario Isaac Steinberg, exiliado dende principios da década anterior, publicou unha biografía sobre ela, de carácter xeralmente haxiográfico.[223]
Conscientes da intensificación das purgas estalinistas, os exiliados socialrevolucionarios crían equivocamente que só afectaban aos comunistas.[27] Polo contrario, Yezhov acusouna de dirixir desde Ufa unha conspiración contrarrevolucionaria.[27] O 8 de febreiro de 1937, todos os inquilinos do piso que compartían foron detidos por sorpresa por axentes da seguridade do Estado, a NKVD.[224] As autoridades acusáronos de tratar de unificar a todos os antigos grupos de oposición e atentar contra a dirección da república autónoma.[224][225] Esta detención resultou a definitiva: non volveu recobrar a liberdade.[28]
Encerrada en illamento durante seis meses nunha cadea local,[225] un axente da policía secreta coñecido polo seu sadismo tratou de que confesase.[224] Dos catro detidos, só o seu marido asinou unha confesión.[226] Tratando de salvar os seus compañeiros mediante o seu sacrificio persoal e a intercesión das principais autoridades, Spiridonova solicitou e obtivo o traslado a Moscova.[224] Durante os seguintes tres meses na capital, mudou sete veces de prisión.[224] Torturada de novo e tendo desesperado de poder entrevistarse con personaxes importantes para explicar o seu caso, en novembro encontrábase convencida da súa inminente execución.[224]
En novembro dirixiu un escrito ao departamento do GPU encargado do seu caso no que rexeitaba os cargos que se lle fixeran.[227] Acusada de planear un levantamento campesiño entre outros cargos, Spiridonova foi condenada a vinte e cinco anos de prisión polo Colexio Militar da Corte Suprema da URSS o 7 de xaneiro de 1938 .[228][229][230] Na curta sesión a porta pechada, volveu rexeitar todos os cargos.[231] A sentenza incluía ademais a confiscación dos seus bens e a perda de dereitos políticos durante cinco anos a partir da fin da condena de prisión.[231] Nun principio, foi encarcerada en Yaroslavl e logo en Vladímir, pero máis tarde foi trasladada a Oriol.[231][232] Despois dunha folga de fame, foi mantida en illamento[231] na prisión de Oriol.[228] Para aquela xa estaba case completamente xorda.[233]
Xunto con outros 154 prisioneiros políticos (entre eles Christian Rakovski e Olga Kámeneva), Mariya Spiridonova foi executada nas aforas de Oriol o 11 de setembro de 1941, pouco antes da chegada das tropas nazis durante a Operación Barbarossa.[234][231][233][m] O día 5, cando as unidades alemás se encontraban xa preto da cidade, Lavrenti Beria ordenara a redacción dunha lista de prisioneiros políticos aos que axustizar antes da súa caída; a suxestión recibiu o apoio de Stalin ao día seguinte.[231][233] Mentres se evacuaba aos presos comúns entre o fogo alemán, os presos políticos foron reunidos nunha cela, léuselles a condena e foron trasladados ao próximo bosque de Medvédev.[231] Un grupo especial do NKVD fusilouno e replantáronse as árbores que se arrincaran para disimular as fosas co cadáveres.[231] A cidade caeu en mans dos alemáns pouco despois, o 3 de outubro.[231]
En 1958, unha antiga compañeira de actividade revolucionaria solicitou infrutuosamente a súa rehabilitación oficial.[30] En 1990 anuláronse os cargos polos que foran fusiladas as persoas presas en Oriol e erixiuse un monumento na súa memoria no bosque onde foran executadas, a pesar de que para entón o lugar do seu enterro xa se descoñecía.[30] En 1992, anuláronse os cargos polos que fora exiliada en 1918 e foi rehabilitada por completo.[30]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mariia Spiridonova |