Mars Odyssey | |
---|---|
Representación de Mars Odyssey sobrevoando Marte. | |
Tipo | Científico |
Organización | NASA |
Destino actual | En órbita marciana.[1][2][3] |
Data de lanzamento | 7 de abril de 2001, 15:02 GMT[1][4][5][6] |
Foguete portador | Delta 7925[1][3] |
Sitio de lanzamento | Centro espacial de Cabo Cañaveral[1][2] |
Obxectivo da misión | Estudo de Marte.[1][2] |
NSSDC ID | 2001-014A |
Masa | 376,3 kg[1] |
Mars Odyssey, tamén coñecida como 2001 Mars Odyssey, é unha sonda espacial da NASA lanzada o 7 de abril de 2001 mediante un foguete Delta 7925 desde o centro espacial de Cabo Cañaveral para estudar Marte.[1][2][3]
Mars Odyssey foi parte do proxecto Mars Surveyor 2001, que consistía nun orbitador (Mars Surveyor 2001 Orbiter) e nun aterrizador (Mars Surveyor 2001 Lander). O aterrizador foi cancelado despois do fracaso da Mars Polar Lander e do Mars Climate Observer e da reorganización do proxecto de exploración de Marte, quedando como única parte supervivente o orbitador, rebautizado como Mars Odyssey. A súa misión é estudar Marte e determinar se nalgún momento da súa historia Marte foi apto para albergar vida, estudar os riscos da radiación para futuras misións tripuladas e servir como enlace de comunicacións con outras misións, en especial vehículos de superficie. A duración da misión nominal da sonda debía ser de tres anos.[1][2][3]
A estrutura principal ten forma de caixa cunhas dimensións de 2,2 m x 1,7 m x 2,6 m, cunha masa ao lanzamento de 725,0 kg, incluídos 348,7 kg de propelente. A nave está formada por dous módulos: o superior contén os instrumentos científicos e a enxeñería, mentres que a parte inferior alberga o sistema de propulsión. Da estrutura principal sobresae un panel solar con células de arseniuro de galio e un mastro coa antena de alta ganancia no seu extremo. O motor principal, alimentado por hidracina e tetróxido de nitróxeno, ten un pulo de 65,3 kg. O control de actitude ten lugar mediante catro propulsores de 0,1 kg de pulo, con catro propulsores de 2,3 kg de pulo como apoio. A nave estabilízase nos tres eixos mediante tres volantes de inercia, existindo un volante adicional de apoio. O coñecemento da posición da nave lógrase mediante un sensor solar, unha cámara seguidora de estrelas e unha unidade inercial. A enerxía eléctrica proporcionada polo panel solar alimenta unha batería cunha capacidade de 16 amperios-hora. As comunicacións coa Terra teñen lugar en banda X, e con outros vehículos marcianos en UHF.[1][2][3]
Mars Odyssey leva a bordo un total de tres experimentos:[1]
Mars Odyssey foi lanzada o 7 de abril de 2001 ás 15:02:22 UTC. Durante o voo, en agosto, o instrumento MARIE non respondou durante unha das comprobacións e foi posto en hibernación. Unha vez en órbita foi recuperado, comezando a tomar datos a partir do 13 de marzo de 2002. A nave chegou a Marte o 24 de outubro de 2001, despois de sete meses de viaxe. Un encendido de 19,7 minutos de duración por parte do motor principal puxo a Mars Odyssey nunha órbita de 18,6 horas de duración arredor do planeta. Durante os meses seguintes, ata o 11 de xaneiro de 2002, a nave fixo unha serie de manobras mediante aerofreada para situarse na órbita de traballo, de 201 km de periapse e 500 km de apoapse. Durante as seguintes semanas a órbita foi modificada lixeramente ata acadar unha órbita circular definitiva de 400 km de altura.[1][2][3]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mars Odyssey |