Michelangelo Antonioni | |
---|---|
![]() Michelangelo Antonioni | |
Nacemento | 29 de setembro de 1912 |
Lugar | Ferrara (Italia) |
Falecemento | 30 de xullo de 2007 |
Lugar | Roma (Italia) |
Soterrado | Certosa of Ferrara |
Nacionalidade | Italia e Reino de Italia |
Relixión | ateísmo |
Educado en | Universidade de Boloña e Centro Sperimentale di Cinematografia |
Cónxuxe(s) | Enrica Fico |
Profesión | Director de cine |
Na rede | |
http://www.michelangeloantonioni.it/ | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Michelangelo Antonioni, nado en Ferrara o 29 de setembro de 1912 e finado en Roma o 30 de xullo de 2007, foi un cineasta, escritor e pintor italiano.
Graduouse en economía pola Universidade de Bologna e en 1942 chegou a Roma, onde cursou estudos no Centro Sperimentale dei Cinematografia de Cinecittà. Alí coñeceu a algúns dos artistas cos que cooperou nos anos seguintes; entre eles Roberto Rossellini, "pai" da escola do neorrealismo italiano.
Politicamente describiuse a si mesmo como anti-fascista, así como "marxista intelectual", pero algúns autores dubidan sobre o seu seguimento a esta ideoloxía. En contraste co seu contemporáneo Federico Fellini, cuxas primeiras obras viran arredor da vida das clases obreiras e os inadaptados sociais, as películas máis representativas de Antonioni na súa primeira etapa baséanse nas elites e burguesías urbanas e en como se relacionan cunha contorna que apenas entenden: Cronaca di un amore e La Signora senza camelie son sendas óperas prima onde o director traza unha reflexión nada compracente do mundo burgués con aparencias de simple melodrama.
Le amiche (1954), sobre un relato de Cesare Pavese e con destacable actuación da menosprezada Eleonora Rossi Drago, empeza a conformar o estilo característico do seu director, trascendendo unha historia de seu atractiva para experimentar con temáticas, estilos expresivos de narrar e encadrar, estéticas con discursos de dobres lecturas etc. Só unha vez, este director trazou a súa visión do burgués a través do punto de vista do mundo obreiro: en 1957 Il Grido (con Steve Cochran e Allida Valli non só supón a súa primeira obra mestra absoluta, senón tamén o antecedente directo á incomunicación do ser humano que tanto obsesionou ó director na súa famosa triloxía. Este filme reflicte a súa personalidade e estilo.
A década de 1960 foron o momento do recoñecemento internacional do director e do seu encontro con Monica Vitti coa que rodou L'Avventura. Tanto A noite como L'eclisse fascinaron a toda Europa e chegaron a cruzar as súas fronteiras.
En 1964 chega o seu primeiro filme en cor e, para moitos, o principio da fin do seu "reinado" con O deserto vermello. Pese ó descomunal éxito de Ampliación, Palma de Ouro en Cannes incluída, o certo é que a súa carreira entrou nunha irregularidade artística e nunha especie de bloqueo creativo do que non lle foi nada fácil saír. Da última e menos coñecida etapa do realizador, destaca O reporteiro en 1974 (con Jack Nicholson e Maria Schneider e Chunk Kuo (1972), revelador traballo documental sobre a China do momento, bastante máis que Il Mistero di Oberwald ou Identificazione di una donna.
Desde a década de 1990 volveu traballar en proxectos tan ambiciosos como errados: Al di là delle nuvole e Eros (2006).
Unha das obras máis soadas deste cineasta é a devandita Ampliación, baseada nun relato curto de Julio Cortázar. Trátase dunha película ambientada no swinging London e baseada na peripecia dun fotógrafo que cre descubrir un asasinato a través das súas fotografías.
Antonioni morreu ós 94 anos, o mesmo día que outro dos grandes cineastas do século XX, Ingmar Bergman.