A moeda de pedra, coñecida tamén coa denominación de rai (do yapés: raay)[1] ou pedra rai, consiste nun disco circular de pedra calcaria, con diámetro de entre uns centímetros e catro metros, que se utilizou como moeda na illa de Yap, na Micronesia, entre os séculos XV e XX d. de C. A palabra rai é homónima coa que significa "balea" en lingua yap, por mor do costume de esculpir as primeiras pedras coa forma deste cetáceo.[2][3][4][5]
O peculiar sistema monetario de Yap baseábase nunha historia oral da propiedade. Debido a que estas pedras son demasiado grandes para as mover, a merca dun artigo cunha destas moedas implicaba simplemente acordar oralmente o cambio da titularidade da súa propiedade, sen se requirir o movemento físico da pedra.[6]
Os habitantes de Yap extraeron as rochas de calcaria fundamentalmente das illas Palau e tamén nalgunha medida da de Guam, e leváronas a Yap en canoas e balsas para as usar alí como diñeiro. A lenda local di que os yapeses descubriron as rochas calcarias en Palau hai uns cincocentos ou seiscentos anos, cando unha expedición liderada por un home chamado Anagumang arribou á illa. Este tipo de rocha non existía en Yap, polo que resultaba moi prezada polos seus habitantes.[7]
Primeiro, Anagumang tería ordenado aos sus homes a corta das pedras con forma de balea, aínda que se terminou por elixir unha forma circular, probablemente pola súa maior facilidade de transporte, para o que se colocaba un pau atravesado no furado central da pedra, a modo de eixe. Porén, as pedras de maior tamaño deberon requirir o esforzo de decenas de homes para o seu transporte. Os habitantes de Palau esixiron a cambio aos yapeses o pagamento de doas, cocos e copra, polo privilexio de explotaren as canteiras de calcaria.[8]
En 1871, David O'Keefe naufragou preto de Yap e recibiu axuda dos nativos. Xa recuperado, axudou os insulares a adquiriren máis pedras rai, proporcionándolles utensilios de ferro, polo que recibiu como pagamento copra e carallotes, mercadorías moi valiosas nas exportacións do Extremo Oriente.[9] Coa chegada das ferramentas, incrementouse de gran xeito o número das pedras extraídas, o que provocou un certo tipo de inflación e a conseguinte depreciación das pedras obtidas desta maneira, en comparación coas máis antigas. O libro titulado His Majesty O'Keefe, de Laurence Kingman, céntrase na vida deste mariño en Yap, do mesmo xeito que a longametraxe homónima de 1954 (estreada en España co título de Su majestad de los mares del sur), dirixida por Byron Haskin e protagonizada por Burt Lancaster.[10][11]
O comercio con pedras rai detívose a comezos do século XX, por mor das disputas comerciais entre os intereses dos españois e dos alemáns neses territorios, e as canteiras ficaron abandonadas. Cando o exército imperial xaponés chegou a Yap durante a segunda guerra mundial, usou unha gran cantidade de pedras rai para a construción de edificacións e de vías de comunicación, e mesmo para facer de áncoras.[12]
O economista Milton Friedman comparou o papel monetario destas pedras coas reservas de ouro que os Estados Unidos manteñen en Fort Knox.[13]
Aínda que a moeda de estilo occidental substituíu as pedras rai como moeda corrente, estas aínda manteñen valor entre os habitantes da illa, á parte de térense constituído nun símbolo nacional.
As pedras rai son discos circulares de calcaria cun grande furado no medio. O seu tamaño é moi variable; as máis grandes son de máis de tres metros de diámetro e de medio metro de grosor, cun peso de ata catro toneladas. Nos xardíns do Museo do Banco do Canadá en Otava, Ontario, amósase unha pedra rai de 2,13 metros de diámetro.[14]
O valor extrínseco dunha pedra rai non só se baseaba no seu tamaño e na perfección da súa artesanía, senón tamén na propia historia da pedra. Se morrera moita xente durante o seu transporte, por exemplo, ou se fora algún navegante de sona o que a transportara, o seu valor incrementábase. E este valor cambiaba tamén en función da posición social do seu posuidor, de maneira que valía máis a rai dun nobre que a dun plebeo.
As pedras utilizábanse fundamentalmente en transaccións sociais vinculadas co matrimonio, herdanzas, pactos políticos; tamén como símbolo de alianza ou mesmo como simple pagamento a cambio de alimentos. Moitas delas atopáronse fronte a templos ou nos camiños máis importantes. Aínda que a propiedade dunha pedra podía cambiar, non era habitual que a pedra se movese do seu sitio, xa que os habitantes da zona coñecían o nome e as vicisitudes de todos os propietarios que esta tivera, mesmo no caso daquelas que durante o seu traslado terminaran no fondo do mar como resultado do naufraxio da balsa que a transportaba desde o seu lugar de orixe ata Yap. Era, xa que logo, suficiente unha simple declaración oral para que a súa propiedade ficase transferida. Estes cambios de titularidade quedaban rexistrados pola tradición oral, o que esixía que a transferencia fose amplamente publicitada.[15]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Moeda de pedra |