Rafa de Vicente | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Rafael de Vicente Hernández | ||
Nacemento | 18 de xullo de 1993 | ||
Lugar de nacemento | Málaga | ||
Altura | 1,80 m. | ||
Posición | Centrocampista | ||
Información de club | |||
Club actual | Marbella | ||
Número | 8 | ||
Carreira xuvenil | |||
Málaga | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2013–2015 | Atlético Malagueño | 45 | (2) |
2015–2016 | → Real Murcia (cedido) | 27 | (0) |
2016–2018 | Recreativo de Huelva | 65 | (8) |
2018–2019 | Racing de Santander | 24 | (4) |
2019–2021 | UCAM Murcia | 45 | (4) |
2021–2022 | Deportivo da Coruña | 23 | (0) |
2022–2023 | San Sebastián de los Reyes | 22 | (1) |
2023– | Marbella | 9 | (1) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 4 de novembro de 2023. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Rafael de Vicente Hernández, deportivamente coñecido como Rafa de Vicente, nado en Málaga o 18 de xullo de 1993, é un futbolista español que xoga de centrocampista no Marbella, da Segunda División RFEF.
Formouse nas categorías inferiores do Málaga CF e na tempada 2013/14 subiu ao filial, o Atlético Malagueño, que militaba na Terceira División.[1] No verán de 2014 fixo a pretempada co primeiro equipo do Málaga, e decidiuse que sairía cedido a un equipo de Segunda División,[2] pero unha rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito afastouno dos terreos de xogo durante meses.[3]
En agosto de 2015, o Málaga e o Real Murcia chegaron a un acordo para que o futbolista xogase cedido unha tempada no club murciano, na Segunda División B.[4] Disputou 27 partidos contribuíndo a que o equipo acabase na segunda posición do seu grupo.[5] Xogou tamén a fase de ascenso, na que acabou eliminado na primeira rolda contra o Toledo.[6][7]
En 2016 asinou polo Recreativo de Huelva, tamén da Segunda División B, onde foi un habitual nos onces titulares das seguintes dúas campañas.[8][9] Ademais anotou 8 goles co club "decano". Na tempada 2018/19 asinou co Racing de Santander da mesma categoría. Co equipo de Iván Ania disputou 24 partidos da liga regular, nos que marcou catro goles, rematando campións do grupo II. Participou tamén na fase de ascenso, na que o equipo santanderino logrou regrasar á Segunda División. Ademais debutou na Copa do Rei, na que xogou catro partidos, contra o Mirandés, UCAM Murcia e dous contra o Betis.
En agosto de 2019 regresou ao UCAM Murcia, adestrado por Rubén Albés.[5] Militou dúas tempadas no club murciano, disputando 48 partidos e marcando catro goles, e xogou a súa terceira promoción de ascenso á categoría de prata.
O 23 de xuño de 2021 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, para a tempada 2021/22 na nova Primeira División RFEF.[10][11] Debutou co club galego o 29 de agosto de 2021, na primeira xornada de liga contra o Celta B en Riazor, que acabou con goleada coruñesa por 5-0.[12] Contou con pouco protagonismo no equipo de Borja Jiménez ao longo da tempada, xogando pouco máis de 700 minutos en liga. Participou en 23 encontros de liga, 5 deles como titular, e en 2 da Copa do Rei. Ao remate da competición anunciou a súa marcha do club.[13]
Durante a tempada 2022/23 militou no San Sebastián de los Reyes, tamén de Primeira RFEF, co que acabou descendendo. Para a seguinte campaña baixou unha categoría para xogar no Marbella.[14]