Sir Timothy John Berners-Lee, coñecido como Tim Berners-Lee e tamén por TimBL, nado o 8 de xuño de 1955,[1] é un enxeñeiro e científico da computación británico, coñecido por ser o inventor da World Wide Web (www). É profesor numerario investigador do departamento de Ciencias da computación da Universidade de Oxford[2][3] e profesor no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT).[4] O 12 de marzo de 1989, Berners-Lee propuxo un sistema de xestión da información,[5][6] e en novembro dese mesmo ano estableceu a primeira comunicación exitosa entre un cliente e un servidor a través de Internet usando o protocolo HTTP.[7][8][9][10]
Berners-Lee é o director do World Wide Web Consortium (W3C) que el mesmo fundou en outubro de 1994 para supervisar e estandarizar o desenvolvemento das tecnoloxías sobre as que se fundamenta a Web e que permiten o funcionamento de Internet. É tamén o fundador da World Wide Web Foundation, ademais de investigador sénior e titular da cátedra 3Com no Laboratorio de ciencia computacional e intelixencia artificial do MIT (CSAIL)[11]. É un dos directores da Web Science Research Initiative (WSRI),[12] e un dos membros do consello consultivo do Centro para a intelixencia colectiva do MIT.[13] En 2011 foi nomeado membro do consello de administración da Fundación Ford.[14] É un dos fundadores e presidente do Open Data Institute e asesor da rede social MeWe.[15]
En 2004 foi nomeado pola raíña Isabel II Cabaleiro da Orde do Imperio Británico polo seu traballo pioneiro.[16][17] En abril de 2009, foi elixido membro estranxeiro da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos.[18][19] A revista Time incluíno na lista dos 100 personaxes máis importantes do século XX.[20] Foi honrado como o inventor da World Wide Web durante a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 2012 en Londres, na que interveu traballando cun vello ordenador NeXT co que tuiteou a frase "This is for everyone" (isto é para todos) que apareceu instantaneamente nas pantallas de cristal líquido dos 80 000 asentos do Estadio Olímpico de Londres.[21][22]
En 2002, xunto con Lawrence Roberts, Robert Kahn e Vinton Cerf, Berners-Lee recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica, pola súa contribución o desenvolvemento de Internet e a World Wide Web.[23] En 2004 levou o Millennium Technology Prize,[24] que lle reportou un millón de euros;[25] e en 2016 o Premio Turing "pola invención do World Wide Web, o primeiro navegador web, e os algoritmos e protocolos fundamentais que permiten o acceso á web",[26] entre os que destacan a Linguaxe HTML (HyperText Markup Language) ou linguaxe de etiquetas de hipertexto, o protocolo HTTP (HyperText Transfer Protocol) e o sistema de localización de obxectos na web URL (Uniform Resource Locator).
Berners-Lee naceu o 8 de xuño de 1955 en Londres, Inglaterra,[1] o maior dos catro fillos de Mary Lee Woods e Conway Berners-Lee; o seu irmán Mike é un experto en gases de efecto invernadoiro. Seus ambos os dous pais eran matemáticos expertos en ciencias da computación que traballaron na construción do primeiro ordenador comercial, o Ferranti Mark 1. Recibiu a educación primaria na Sheen Mount Primary School, e a secundaria, de 1969 a 1973, na Emanuel School, no suroeste de Londres[27][16]. A súa entusiasta afección de neno polos trens fíxolle aprender electrónica reparando un ferrocarril a escala.[28] Realizou os estudos universitarios no Queen's College da Universidade de Oxford de 1973 a 1976, onde recibiu o grao BA de primeira clase en física.[27][1] Durante a súa etapa universitaria, Berners-Lee construíu un ordenador a partir dun vello televisor que comprara nunha tenda de reparacións.[29]
Despois de graduarse, Berners-Lee traballou como enxeñeiro na compañía de telecomunicacións Plessey en Poole, Dorset.[1] En 1978, uniuse a D. G. Nash en Ferndown, Dorset, onde axudou a crear software de configuración para impresoras.[1] Berners-Lee traballou como autónomo no CERN desde xuño a decembro de 1980. Durante este tempo propuxo un proxecto baseado no concepto de hipertexto para facilitar compartir e actualizar información entre investigadores.[30] Para demostralo, construíu un prototipo de sistema nomeado ENQUIRE.[31][32]
Despois de deixar o CERN, traballou na John Poole's Image Computer Systems, Ltd, en Bournemouth, Dorset.[33] Dirixiu o equipo técnico da compañía durante tres anos.[34] Traballou no proxecto "chamada de procedemento remoto en tempo real" que lle deu experiencia en redes de computadoras.[33] En 1984 retornou ao CERN, xa cun contrato.[31]
En 1989 o CERN era o nodo de Internet máis grande de Europa e Berners-Lee viu a oportunidade de unir o hipertexto con Internet. Enviou unha proposta na que ligaba os conceptos de hipertexto, TCP e DNS. A proposta foi aceptada polo CERN, comezando os traballos en 1990 en dúas oficinas: unha no edificio 31 no Departamento de Computación e Creación de Redes (Computing and Networking Division: CN), e outra no edificio 2 no Departamento de Electrónica e Computación para a Física (Electronics and Computing for Physics Division: ECP). Os dous equipos de traballo xuntáronse en 1991 nas oficinas do segundo na ECP para rematar o traballo, creando o primeiro navegador web e editor, chamado World Wide Web, en NEXTSTEP e o primeiro servidor web, chamado httpd. Os responsables deste descubrimento foron os membros do CERN, Tim Berners-Lee e Robert Cailliau, axudados por gran número de colaboradores, fellows, estudantes técnicos e estudantes de verano.[35]
O primeiro sitio web aloxouse en http://info.cern.ch e entrou en liña o 6 de agosto de 1991. Explicaba o concepto da Tea de Araña Mundial, como se podía navegar e como se instalaba un servidor web. Incluía o primeiro directorio web, xa que Berners-Lee mantiña unha lista doutros sitios web á parte do seu propio.
A finais de 1994, Berners-Lee deixou o CERN para fundar o Consorcio da Rede Mundial (W3C), unha organización a nivel mundial co obxectivo de desenvolver plenamente todo o potencial da Web. O W3C fundouse coa axuda do CERN, a Comisión Europea, o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (Massachusetts Institute of Technology: MIT), o Instituto Nacional francés para a investigación en Informática e en Automática (Institut National pour la Recherche en Informatique et en Automatique: INRIA) e a Axencia americana para proxectos de investigación avanzada (Advanced Research Projects Agency: ARPA).[35] Tamén participaron varias empresas dispostas a crear padróns e recomendacións que mellorasen a calidade da Web.
Tim Berners-Lee e Robert Cailliau recibiron en 1995 o ACM Software System Award pola creación da World Wide Web. No ano 2004, Tim Berners-Lee foi o primeiro galardoado en recibir o Millenium Technology Prize outorgado pola Fundación para os premios fineses de tecnoloxía.[35] Nese mesmo ano aceptou unha cátedra en Informática na Escola de Electrónica e Informática da Universidade de Southampton, desde a que traballa no seu novo proxecto, a Rede Semántica.
O 30 de abril de 1993 o CERN, propietario do invento da WWW, puxo o software desta no dominio público co obxectivo de maximizar a súa propagación.[36] O Consorcio da Rede Mundial insiste en que os seus padróns deben estar baseados en tecnoloxía libre de cargos, de maneira que poida ser adoptada por calquera persoa.
Despois de vivir na parroquia de Colehill en Wimborne, East Dorset, no 2001 Berners-Lee converteuse en patrón do East Dorset Heritage Trust.[37] En decembro de 2004 acepta a cadeira de ciencia computacional na Escola de electrónica e ciencia computacional da Universidade de Southampton, para traballar na web semántica.[38][39]
Nun artigo do Times en outubro de 2009, Berners-Lee admitiu que o par inicial de barras oblicuas ("//") na dirección web era "innecesario". Contou que podería ter deseñado facilmente a dirección web sen esas barras. "Pero mira ti, parecía unha boa idea naquel momento", dixo na súa desapaixonada defensa.[40]
Berners-Lee casou en 1990 con Nancy Carlson, unha programadora americana que tamén estivo traballando en Suíza para a Organización Mundial da Saúde.[41] Tiveron dous fillos e divorciáronse en 2011. En 2014 casou en segundas nupcias con Rosemary Leith na Capela Real do Pazo de St. James de Londres.[42] Leith é unha empresaria canadense de banca e Internet, cofundadora da World Wide Web Foundation.[43] A parella tamén colaborou con capital risco para apoiar compañías de intelixencia artificial.[44]
Berners-Lee foi criado como anglicano, pero na súa mocidade apartouse da relixión. Despois de ser pai fíxose universalista unitario (UU).[45] Ten afirmado: "Como moita xente, tiven unha educación relixiosa que rexeitei na adolescencia ... Como moita xente, volvín á relixión cando tiven fillos".[46] El e a súa muller querían ensinar espiritualidade aos seus fillos, e despois de escoitar un ministro e visitar a igrexa unitaria, optaron por ela.[47] É un activo membro desa igrexa,[48] á que se adheriu porque a percibe como unha crenza tolerante e liberal. Ten dito: "Creo que gran parte da filosofía da vida asociada a moitas relixións é moito máis sólida que o dogma co que se acompaña. Polo tanto eu respéctoas".[46] Cando foi preguntado sobre se cría en Deus, respondeu: "Non no mesmo sentido que a maioría da xente, son ateo e universalista unitario".[49]
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome W3Bio
He wove the World Wide Web and created a mass medium for the 21st century
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tim Berners-Lee |