O bautismo anticipado, tamén chamado bautismo prenatal ou bautismo no ventre da nai[2] é un rito supersticioso que se practicaba en distintos lugares de Galicia e que consistía en bautiza-lo feto, aínda no ventre da nai xestante, sobre unha ponte con poderes máxicos e ás 12 da noite, co fin de asegura-lo embarazo nas mulleres que sufriran anteriormente algún aborto. Tamén se realizaba no norte de Portugal.
Antonio Reigosa asegura que este costume estaba moi estendido por toda Galicia. E Eliseo Alonso escribía en 1990 que "tal vez por esta creencia [a da súa completa eficacia] o vello rito higromántico aínda se mantén en vixencia".
Coas lóxicas variantes locais que cabe esperar neste tipo de rituais populares, o bautismo prenatal comezaba coa chegada da nai á ponte pouco antes da medianoite, acompañada de, como mínimo, dúas persoas (o seu home –que non era realmente necesario-, familiares, amigos). A comitiva levaba consigo todo tipo de comidas e bebida, como se foran celebrar un bautizo normal. Tamén tiñan que levar un caldeiro e unha corda tan longa como a altura da ponte no seu punto medio.
A muller colocábase no centro da ponte, agardando, e os acompañantes nas dúas entradas á ponte. Estes debían impedir que ninguén, persoa ou animal, cruzase a ponte ata as doce en punto.
Chegada a hora, convidaban ó primeiro home ou muller que se achegara a se-lo padriño ou madriña neste particular bautizo: "¡Home / muller de boa ventura, bautízame esta criatura!". Fraguas recolleu unha variante na que se lle pedía "enxéndrame esta criatura", entendendo aquí por enxendrar a rexeneración por medio da auga bautismal.
A invitación debía ser voluntaria, sen forzar nin obrigar a ninguén, pero se non aceptaba, non se lle permitía o paso. Cando un viandante aceptaba o encargo, o cal era o habitual por ser tido como unha obra de caridade, achegábase el só ata a muller, ó medio da ponte, e co caldeiro que esta lle entregaba, collía un pouco de auga do río. Logo verquía a auga sobre o ventre da muller, directamente ou, ás veces, cun hisopo feito dunha póla de oliveira, á vez que recitaba as mesmas palabras que pronunciaría o crego nun bautizo normal: "No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo", pero coidando de non rematar, nin el nin ninguén, coa palabra "Amén" pois, se o fixera, o neno non nacería.
Eliseo Alonso recolle unha fórmula máis completa:
Rematado o bautizo, deixábase libre o paso pola ponte e comezaba a celebración e a festa, agrupándose todos nunha das entradas da ponte ou na beira do río a comer todo o que levaran disposto (noutros casos, a comida celébrase na casa da futura nai). Por fin, cando xa non poidan comer nin beber máis, regresaban ó medio da ponte e guindaban ó río todo o sobrante, incluído o mantel, vasos e cubertos, a modo de pago ós poderes máxicos do río por asegura-lo feliz nacemento do meniño. Luís Bouza Brey, que recolleu esta tradición na Ponte dos Padriños, entre Cambados e Ribadumia, engade que isto de bota-lo sobrante ó río había que facelo de costas e por riba do ombreiro, fórmula eficaz para romper calquera maleficio [3].
Cando, por fin, chegaba o momento do nacemento repetíase a cerimonia do bautismo, pero desta volta xa na igrexa e co cura, asistindo como padriño ou madriña a persoa que realizou o bautismo na ponte. Usualmente, o meniño recibía o nome deste padriño.
Esta práctica supersticiosa realizábase sobre determinadas pontes que tivesen certas características. Tiñan que ser vellas, preferiblemente construídas polos romanos ou polos mouros [4]. Outra característica da ponte para ser eficaz era que posuíra unha cruz ou cruceiro no centro ou estar ó pé dunha capela, aínda que o certo é que moitas pontes nas que se realizaba este bautismo non a cumpren.
Diferentes etnógrafos recolleron a práctica do bautismo no ventre da nai nas seguintes pontes:
Xosé María Álvarez Blázquez recolleu este rito na Ponte do Burgo, en Pontevedra, e Agustín Portela Paz ilustrou o momento ("O afillado", en Pontevedra, boa vila, Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, 1985).
O mesmo ritual, e coa mesma intención protectora do embarazo, tense recollido tamén en certas encrucilladas, como por exemplo no Alto do Caño, en Bornalle, Abelleira, Muros[5].
Risco tamén cita, sen especificar onde, a práctica destes bautismos á beira do río, debaixo dunha ponte.
A escritora inglesa Nina Epton conta no seu libro Uvas e granito. Unha viaxe por Galicia que asistiu a este rito preto de Corme, en Ponteceso[6]