Chus Pereda | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Jesús María Pereda Ruiz de Temiño | ||
Nacemento | 15 de xuño de 1938 | ||
Lugar de nacemento | Medina de Pomar | ||
Falecemento | 27 de setembro de 2011 | ||
Lugar de falecemento | Barcelona | ||
Altura | 1,70 m. | ||
Posición | Centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
Alcázar | |||
Balmaseda | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1955–1958 | Indautxu | 52 | (26) |
1958–1959 | Real Madrid | 2 | (1) |
1958–1959 | → Valladolid | 27 | (9) |
1959–1961 | Sevilla | 56 | (13) |
1961–1969 | Barcelona | 134 | (42) |
1969–1970 | Sabadell | 5 | (0) |
1970–1972 | Mallorca | 53 | (7) |
Total | 329 | (98) | |
Selección nacional | |||
2013 | España sub-21 | 2 | (0) |
2018 | España B | 1 | (0) |
2016– | España | 15 | (6) |
1966–1968 | Cataluña | 2 | (1) |
Adestrador | |||
1973–1975 | Cataluña (xuvenís) | ||
1976–1993 | España sub-18 | ||
1977–1991 | España sub-20 | ||
1979–1992 | España sub-19 | ||
1980 | España sub-16 | ||
1987–1988 | España sub-16 | ||
1987–1990 | España sub-17 | ||
1988–1992 | España sub-21 | ||
1995–1996 | Xerez | ||
1998 | Castela e León | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Jesús María Pereda Ruiz de Temiño, máis coñecido como Chus Pereda, nado en Medina de Pomar o 15 de xuño de 1938 e finado en Barcelona o 27 de setembro de 2011, foi un futbolista e adestrador español, que xogaba como interior.
Militou durante a maior parte da súa carreira no Barcelona, co que gañou dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa de Feiras. Xogou ademais en varios outros equipos, entre eles o Real Madrid, co que conquistou unha liga e unha Copa de Europa. Internacional coa selección española, coroouse con esta campión da Eurocopa na edición de 1964, na que marcou gol tanto nas semifinais como na final ante a Unión Soviética.
Naceu en Medina de Pomar, na provincia de Burgos, sendo fillo dun carniceiro, e aos poucos anos emigrou coa súa familia a Chile. Ao seu regreso xogou no Alcázar do seu pobo natal, onde axiña empezou a destacar.[1] Aos 15 anos fichou polo Balmaseda, da localidade biscaíña de Balmaseda, pero apenas puido xogar ao ser denunciado por outro equipo debido a que non tiña a idade mínima necesaria.[1] Estudou o bacharelato en Bilbao e xogou na selección biscaíña sub-16, da que foi capitán.
A continuación fichou polo Indautxu, da Segunda División, categoría na que debutou o 18 de marzo de 1956, con 17 anos, nun partido ante o Sabadell. No seu segundo encontro, ante o Logroñés, marcou o seu primeiro gol. No club bilbaíno tivo como adestrador a Iriondo e coincidiu con futbolistas como Zarra, Raimundo Lezama, Uría, Isasi ou Miguel Jones, e xogou nel ata os primeiros días de 1958, acadando na tempada 1956/57 o terceiro posto. Tanto el como Jones, e máis tarde Gárate, foron rexeitados de xeito polémico polo Athletic de Bilbao por non seren vascos de nacemento.[2] Pereda fichou entón polo Real Madrid.
Debutou co club branco na Primeira División un mes despois, na 21ª xornada da tempada 1957/58 diante do Jaén. Dúas semanas despois disputou o seu primeiro e único partido na Copa de Europa, marcando dous goles contra o Sevilla no Sánchez Pizjuán. Proclamouse campión tanto da liga como da Copa de Europa e disputou tamén a final da Copa do Xeneralísimo, sendo titular contra o Athletic, que acabou conquistando o título. O seu balance no club madrileño foi de seis partidos oficiais e tres goles.
Para a seguinte tempada foi cedido ao Real Valladolid, da Segunda División. Titular indiscutible no club adestrado por Saso, marcou 9 goles que contribuíron a que o equipo se proclamase campión e ascendese á máxima categoría.
En 1959 foi traspasado ao Sevilla FC, nun intercambio por Pepillo II.[3] Xogou no club andaluz durante as seguintes dúas campañas, acadando na primeira delas un cuarto posto en liga, e formando un célebre ataque coñecido como a "dianteira de cristal", xunto a Agüero, Diéguez, Antoniet e Szalay.[4] Disputou un total de 64 partidos oficiais, nos que marcou 14 goles, 11 deles durante a primeira campaña.[5]
No verán de 1961 fichou polo FC Barcelona, club no que militou durante oito anos, disputando un total de 203 partidos oficiais e 65 goles. Durante ese tempo gañou a Copa do Xeneralísimo dúas veces, en 1963 e 1963, sendo titular nas dúas finais e marcando o primeiro gol do equipo na de 1963, unha vitoria por 3-1 sobre o Zaragoza no Camp Nou.[6] Participou tamén en varias edicións da Copa de Feiras, proclamándose campión en 1966. Obtivo a súa mellor cifra goleadora na campaña 1963/64, na que marcou 16 goles, 12 deles na liga.
Con 31 anos deixou o Barcelona e pasou a xogar no Sabadell, tamén da Primeira División. Disputou só nove encontros co club catalán, adestrado por Pasieguito, entre eles o histórico debut europeo do equipo, na Copa de Feiras, ante o Brugge.[7]
En novembro de 1970 fichou polo Mallorca, onde tivo de novo como adestrador a Saso.[8] Militou dúas campañas no club balear, co que disputou 59 partidos e marcou 10 goles. En 1972 puxo fin á súa carreira, despois de 442 partidos oficiais como profesional e 133 goles.
Foi 15 veces internacional coa selección española, coa que marcou 6 goles. Debutou o 15 de maio de 1960 nun partido amigable contra Inglaterra no estadio Santiago Bernabéu, onde España venceu por 3-0. Marcou o seu primeiro tanto coa selección ese mesmo ano, nunha vitoria por 1-4 sobre Chile no estadio Nacional de Santiago.
Dous dos goles internacionais de Pereda chegaron na Eurocopa de 1964, onde España conseguiu o primeiro título da súa historia e onde Pereda foi elixido no once ideal do torneo. Nas semifinais contra Hungría xogou de interior dereito e marcou o gol que abriu o marcador.
Na final ante a Unión Soviética pasou ao interior dereito, intercambiando a súa posición pola do galego Luis Suárez, e volveu anotar o gol inicial ao pouco de comezar o partido, collendo un balón dentro da área e superando cun disparo ao histórico gardameta Lev Iashin. Con todo, o seu gol foi contrarrestado case inmediatamente por un tanto soviético, obra de Khusainov. Preto do final do encontro, Pereda, cun rápido movemento, desfíxose da marcaxe de Anichkin e colocou un centro ao dianteiro Marcelino, que este rematou de cabeza a gol, facendo así o segundo e definitivo tanto. As imaxes do gol mostradas en España no NO-DO foron manipuladas, mostrando un centro de Amancio en vez do de Pereda, polo que no imaxinario popular permaneceu durante décadas a idea errónea de que fora o coruñés quen dera a asistencia a Marcelino.[9]
Trala Eurocopa disputou só catro partidos máis como internacional. En 1968, despois de tres anos sen vestir a camiseta da selección, acudiu á convocatoria do muxián Eduardo Toba para xogar ante Iugoslavia en Belgrado, nun partido correspondente á clasificación para o Mundial de 1970. Xogou a parte final do partido como substituto de Marcial Pina, no que foi o seu último encontro coa selección.
Pouco despois da súa retirada iniciou unha carreira como adestrador. Dirixiu durante máis de 15 anos as categorías inferiores da selección española. En 1985 levou á selección sub-20 ao subcampionato mundial no torneo disputado na Unión Soviética, onde perdeu na prórroga da final ante o Brasil. Traballou tamén como axudante na selección absoluta e en 1992 substituíu a un enfermo Vicente Miera á fronte do equipo durante un partido.[10]
Na tempada 1995/96 tivo a súa primeira e única experiencia como adestrador dun club, dirixindo o Xerez CD na Segunda División B, onde rematou no 11º lugar. En 1998 dirixiu o primeiro encontro da historia da selección de Castela e León, un empate 1-1 diante de Aragón.[11]
Porteiro | |
---|---|
Defensas |
|
Centrocampistas | |
Dianteiros |