Khusainov | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Galimzian Salikhovich Khusainov | ||
Nacemento | 27 de xuño de 1937 | ||
Lugar de nacemento | Nurlatsky | ||
Falecemento | 5 de febreiro de 2010 | ||
Lugar de falecemento | Moscova | ||
Altura | 1,64 m. | ||
Posición | dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Dinamo Kuibyshev | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1953–1956 | Dinamo Kuibyshev | ||
1957–1960 | Krylya Sovetov | 64 | (13) |
1961–1973 | Spartak Moscova | 347 | (102) |
Selección nacional | |||
1960–1969 | Unión Soviética | 33 | (4) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Galimzian Salikhovich Khusainov (en tártaro: Галимҗан Салих улы Хөсәенев), nado en Noboe Iglaikino o 27 de xuño de 1937, e finado en Moscova o 5 de febreiro de 2010, foi un futbolista e xogador de bandy soviético, de orixe tártara.[1] Xogaba como dianteiro e foi capitán do Dinamo Kuibyshev e tamén do Spartak de Moscova, club no que militou durante máis dunha década e do que é o terceiro máximo goleador histórico.[2]
Internacional en 33 ocasións coa selección de fútbol da Unión Soviética, foi subcampión da Eurocopa de 1964, na que marcou un gol na final ante España.[3][4]
Naceu en 1937 en Noboe Iglaikino, no distrito de Nurlatskii, por aquel entón parte da República Autónoma Socialista Soviética Tártara e hoxe dentro da República de Tatarstán. Comezou a súa carreira como futbolista en 1953 en Kuibyshev, no equipo xuvenil do Dinamo, pasando tres anos despois ao Krylya Sovetov da mesma cidade. Alí xogou durante 4 anos, sendo o líder e capitán do equipo.[4]
En 1960 recibiu ofertas de varios clubs, fichando finalmente polo Spartak de Moscova.[2] Capitán dende 1967, gañou co club dúas ligas soviéticas e tres Copas da URSS. Na final da Copa de 1963 marcou un gol olímpico ante o Shakhtar Donetsk.[4]
Debutou coa selección soviética o 17 de agosto de 1960 nun partido ante a selección da RDA, no que os soviéticos gañaron 1-0.[5] Disputou coa selección os Mundiais de 1962 e 1966, acadando no segundo deles as semifinais.
Marcou o seu primeiro gol internacional na final da Eurocopa de 1964, batendo a Iríbar e igualando o gol inicial de Chus Pereda, aínda que os soviéticos acabaron perdendo o partido tralo gol definitivo do galego Marcelino.[5] Disputou un total de 33 partidos coa URSS e marcou 4 goles.
Despois de colgar as botas traballou como adestrador asistente en varios equipos, como o propio Spartak Moscova e a selección soviética.[5] Ademais foi membro do Partido Comunista da Unión Soviética.[6]
Morreu a noite do 5 de febreiro de 2010, aos aos 73 anos de idade,[7] despois de padecer unha atrofia cerebral durante máis de 15 anos.[8] Foi soterrado o 9 de febreiro no cemiterio de Danilovskii.[9]
Foi elixido Futbolista Soviético do Ano en 1963, mentres que quedou tres veces segundo (1961, 1964, 1965) e catro veces terceiro (1960, 1962, 1968, 1969). Ademais, os seus 142 goles como profesional fixérono entrar no Club Grigorii Fedotov, a lista de xogadores soviéticos/rusos con máis de 100 goles como profesionais.[10]
En 1967 foi condecorado como Mestre de Honra do Deporte da URSS.