Voronin | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Valerii Voronin | ||
Nacemento | 17 de xullo de 1939 | ||
Lugar de nacemento | Moscova | ||
Falecemento | 19 de maio de 1984 | ||
Lugar de falecemento | Moscova | ||
Altura | 181 centímetros | ||
Posición | centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
1952 | Kauchuk | ||
1953–1954 | Torpedo Moscova | ||
1954–1957 | FShM | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1958–1969 | Torpedo Moscova | 219 | (26) |
Selección nacional | |||
1960–1968 | Unión Soviética | 63 | (5) |
1967–1968 | Unión Soviética olímpica | 3 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Valerii Ivanovich Voronin (en ruso: Валерий Иванович Воронин), nado en Moscova o 17 de xullo de 1939 e finado na mesma cidade o 22 de maio de 1984, foi un futbolista soviético. Considerado un dos centrocampistas máis completos da década de 1960, militou durante toda a súa carreira no Torpedo Moscova e foi 63 veces internacional coa selección soviética. En ocasións xogaba tamén como defensa central.
Comezou a xogar ao fútbol en 1952, no equipo infantil no club da fábrica Kauchuk, e máis tarde entrou no FShM, equipo xuvenil do que saíron outros destacados futbolistas como Igor Chislenko ou Vladimir Fedotov.
En 1958 debutou co Torpedo Moscova na Primeira División da Unión Soviética. Dous anos despois foi un dos artífices da conquista por parte do equipo tanto da liga como da Copa da URSS, tras derrotar na final desta última ao Dinamo Tbilisi. Repetiu título de liga na tempada 1965.
Militou no club moscovita ata 1969, sendo elixido futbolista soviético do ano en dúas ocasións, en 1964 e 1965. Neses dous anos foi tamén incluído pola revista France Football na súa lista dos 10 mellores futbolistas de Europa, no décimo e no oitavo lugar respectivamente.[1][2]
Foi 63 veces internacional coa selección soviética, coa que debutou en 1960, nun partido contra Hungría. Disputou co equipo da URSS as Copas do Mundo de 1962 e 1966, sendo elixido no Once Ideal do torneo en ámbalas ocasións. Disputou a Eurocopa de 1964 e foi titular na final, onde perdeu ante España.
Voronin estaba considerado un individualista que ás veces entraba en conflito coa ética da selección soviética.[3] Foi expulsado do equipo nacional en 1968 polo seleccionador Mikhail Yakushin, por ter violado o regulamento da selección.[3]
En maio de 1968 viuse implicado nun grave accidente de tráfico, cando o Volga que conducía chocou contra un camión. Estivo á beira da morte, pero acabou recuperándose, aínda que precisou de varias cirurxías plásticas.[3] Con todo, o accidente deixouno marcado psicoloxicamente, e só disputou 8 partidos máis, tendo tempo aínda a marcarlle un gol de libre directo ao histórico gardameta do Dinamo de Moscova, Lev Iashin.[4]
Trala súa retirada definitiva abusou do alcohol e en maio de 1984 foi atopado asasinado á beira dunha estrada, cun golpe na cabeza. A investigación do seu asasinato nunca atopou culpables.[3]