Coordenadas: 52°N 174°O / 52, -174
Aleutianas | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Localización | |||||
Datos | |||||
País | Estados Unidos (Estado de Alasca) Federación Rusa (Krai de Kamchatka) | ||||
Poboación (2000) | 8 162 habitantes | ||||
Superficie | 17 670 km² | ||||
Coordenadas | 52° N 174° O |
As illas Aleutianas (posiblemente o nome vén da lingua chukchi aliat, illa) forman unha cadea de pequenas illas volcánicas que forman un arco situado no norte do océano Pacífico que se estende ao longo de 1 900 km dende o extremo da península de Alasca ata a península de Kamchatka.
Case todo o arquipélago forma parte do estado de Alasca, Estados Unidos, pero o extremo oeste pertence a Rusia.
Segundo o censo do ano 2000 as Aleutinas tiñan 8 162 habitantes, deles 4 282 concentrados na cidade de Unalaska.
As illas, coñecidas antes de 1867 como o arquipélago de Catarina, comprende catro grupos: Fox, Andreanof, Rat e Near, localizadas entre os 52° N e os 174° O.
A gran maioría das illas mostran as marcas da súa orixe volcánica e hai numerosos volcáns na parte norte da cadea, algúns aínda activos, Shishaldin (3041 m), en Unimak, é o máis importante.
O clima das illas é oceánico, con temperaturas moderadas e uniformes e con abondosa chuvia. As néboas son constantes. A temperatura media anual de Unalaska, a illa máis importante do grupo, é 3,4 °C, e en xaneiro a media é de 1,1 °C e 11,1 °C en agosto, con 250 días de chuvia por ano (2 032 mm).
Os Ungangan son o pobo orixinario das Aleutianas, coñecidos internacionalmente como aleutianos. A súa lingua está relacionada coas linguas inuit. Moitos antropólogos cren que os primeiros seres humanos en pisar América seguiron a rota das agora illas Aleutinas que entón formaba un paso de terra entre Asia e América.
En 1741 o goberno ruso enviou a Vitus Bering, un danés ao servizo de Rusia, e a Aleksei Chirikov, nunha viaxe de exploración ao Pacífico Norte. Chirikov descubriu moitas das illas Aleutianas orientais, e Bering a maioría das occidentais. Nas illas establecéronse compañías comerciais rusas dedicadas ao comercio de peles, algúns aleutianos mesmo foron transferidos ás Illas Pribilof para cazaren lontras mariñas. As illas pertenceron a Rusia ata a merca de Alasca polos Estados Unidos en 1867.
Listaxe de leste a oeste dos maiores grupos das Illas Aleutianas, as illas esta por orde alfabetico. O nome en aleutiano está entre parentese.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Illas Aleutianas |