Rexina Vega | |
---|---|
Nacemento | 18 de novembro de 1966 |
Lugar de nacemento | Vigo |
Nacionalidade | España |
Ocupación | escritora, profesora universitaria e tradutora |
Xéneros | Narrativa e ensaio |
Coñecida por | Cardume |
Estudos | Filoloxía Románica |
Premios | Premio Xerais de Novela |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Rexina Rodríguez Vega, nada en Vigo o 18 de novembro de 1966, é unha escritora, tradutora e investigadora da literatura galega.
Doutora en Filoloxía Románica (tese: Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro), profesora e investigadora no ámbito da literatura galega, é especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que ten publicados varios estudos. Exerceu tamén a crítica literaria en publicacións como Praza.gal[1], A Nosa Terra, Grial ou o Anuario de Estudos Literarios Galegos. No campo da lexicografía formou parte do equipo de redacción dos dicionarios bilingües español-francés da editorial Larousse e do Dicionario Vox galego-castelán.[2]
Durante os anos noventa exerceu a docencia na área de filoloxía galego-portuguesa na Universidade Autónoma de Barcelona. Pasou despois a ser profesora do departamento de Lingua española na Universidade de Vigo,[3] logo de ser anteriormente profesora de Lingua e literatura galega no Instituto San Tomé da mesma cidade e do Departamento de Lingua Galega no IES Plurilingüe Terra de Turonio en Gondomar.
Ademais de escritora, ten traballado en tradución. A canda catro tradutores máis (Marisol Arbués, Mercè Burrel, Marc Parayre e Hermes Salceda) realizou a versión ao castelán do Secuestro, a novela de Georges Perec onde non existen palabras que conteñan a letra e (na versión española, que non conteñan a letra a), que lle valeron ao equipo o Stendhal de tradución do francés ao castelán (1998) e seren finalistas do Nacional de Tradución.